A transformación do latín en galego produciuse de maneira progresiva e imperceptible. Por iso, é imposible dar unha data precisa a partir da cal o latín xa é galego. No século VIII, a lingua da Igrexa e da Administración era tan distante da falada que xa se pode pensar en dous sistemas diferentes: o latín e o galego.
A área deste romance hispánico inicial podémola caracterizar negativamente pola ausencia de ditongación en palabras como: pedra e porta, fronte ao leonés e ao castelán: piedra, puerta. Polo sur, o límite é imposible de precisar.
O latín, como lingua literaria e relixiosa, mantívose sen alteracións e continuaba a ser vehículo da liturxia, da literatura e dos actos xurídicos e administrativos, mesmo cando xa resultaba incomprensible para o público en xeral. Este bilingüismo cultural mantívose na nosa terra ata o século XII, no que aparecen os primeiros textos escritos integramente en galego.
