Secretaría Xeral de Política Lingüística

Está vostede en Inicio

O século XIX

 

A principios do século XIX, o galego era aínda a lingua oral de case todo o pobo. A partir da metade deste século, o castelán substitúe o galego en sectores importantes da sociedade urbana:

"Os que coma min estamos no remate da vida recordamos ben que na nosa mocidade o dominio da fala galega era total". (Murguía, 1833-1907).
"As clases educadas nin o falan nin o escriben". (Pardo Bazán, 1888).
"Desde os tempos de miña avoa en que se expresaba en galego toda a distinguida sociedade ferrolá, ata hoxe, que non o fala nin mesmo o pobo baixo...". (J. Arévalo, 1888).
"Hai testemuños de que a desgaleguización comezou primeiro por cidades cunha gran compoñente administrativa, militar ou burguesa (A Coruña, Ferrol), e só chegou máis tardiamente a outras: de Ourense podo dicir que damas das máis fidalgas teñen por bo gusto conversar en galego sempre que a presenza dun forasteiro non poida achacalo a mala crianza". (Martínez Sueiro, 1918).

 

O GALEGO VOLVE SER LINGUA ESCRITA

No ano 1808, por mor da invasión napoleónica, Galicia queda illada do resto do Estado. Constitúese unha xunta soberana que administra Galicia e que organiza a súa defensa de modo autónomo. Na defensa do país participou o pobo dunha maneira moi activa.
Como instrumento de axitación política antifrancesa circularon escritos en galego, que animaban o pobo á subversión. As fazañas dos galegos nesta guerra relátanse despois nas Proezas de Galicia, no 1810.
Estes escritos de carácter político e algúns outros con pretensións literarias significan o primeiro esforzo por devolverlle ao galego o rango de lingua escrita.

 

1846: PRIMEIRO GRUPO DE TENDENCIA GALEGUISTA

Entre 1840 e 1846 empeza a definirse o primeiro grupo político coherente de tendencia galeguista, que pretende a recuperación dos valores de Galicia como pobo con personalidade propia e con conciencia da súa singularidade.
Deste sector proceden os partidarios dun réxime republicano federal que participan no levantamento de 1846. Dentro deste grupo, que podemos chamar provincialista, destacan polo intento de restituír o galego á literatura figuras como Alberto Camino, Xosé María Posada e Francisco Añón. Diante da imposibilidade de manter unha fronte política, dada a persecución que seguiu ao levantamento de 1846, orientan a súa actividade cara á potenciación da cultura galega, especialmente cara á recuperación do idioma.

 

O REXURDIMENTO: AS GRAMÁTICAS

Arredor da segunda metade do XIX, Galicia convértese no centro das preocupacións de economistas, historiadores, literatos, folcloristas, etc.
O idioma, como elemento máis distintivo da nosa personalidade, tivo nesta época as súas primeiras gramáticas.

 

O REXURDIMENTO: DICIONARIOS

O mesmo interese filolóxico que produciron as descricións gramaticais do galego na segunda metade do XIX deu lugar no terreo lexicográfico á publicación dos primeiros dicionarios galegos, que aínda son a fonte principal dos actuais.

 

ROSALÍA, CURROS E PONDAL

O ano 1863 marca o inicio do Rexurdimento pleno. Nesta data publícanse os Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro. A obra desta poetisa, xunto coa de Curros Enríquez (Aires da miña terra, 1880) e a de Eduardo Pondal (Queixumes dos Pinos, 1886) devólvelle ao galego a plenitude da dignidade literaria. Con eles, especialmente con Pondal, maniféstase claramente a vontade de elaborar un galego culto e supradialectal: "... sepultádeme na Cruña... / a cabo do insigne Curros / xa que a del i a miña musa / a fala de Breogán / fixeron nobre e robusta". (Pondal).

 

FINAIS DO SÉCULO XIX

A finais do século XIX, o retroceso progresivo do galego en determinados medios sociais e xeográficos fai temer pola súa supervivencia. Isto unhas veces maniféstase con premonicións catastrofistas:

"... ¿Que vitalidad puede tener un dialecto que es desconocido y hasta vergonzoso el hablarlo para los mismos naturales del país?". (Juan Sieiro).
Outras veces reafírmase con acentos patrióticos a vontade de supervivencia:
"Ti nos eidos da Celtia, / e co tempo, serás / un lábaro sagrado / que ao trunfo guiará, / fala nobre armoniosa, / fala de Breogán". (Pondal).

galego, lingua galega, idioma galego, gallego, lengua gallega, idioma gallego

logotipo da Xunta de Galicia\
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia.
Información administrativa e atención ao cidadán  | Suxestións e queixas  | Aviso legal  | Atendémolo/a