O interese por crear unha institución estable dedicada ao estudo e á defensa do galego cristaliza, estimulada por galegos da emigración, na fundación da Real Academia Galega, no ano 1905.
Velaí, por boca do seu primeiro presidente, Manuel Murguía, a súa finalidade principal: "No puede perecer un lenguaje que tiene una literatura gloriosa, y nombres que son orgullo de la inteligencia humana. Por eso, y para recoger en Galicia su verdadero léxico, dar a conocer su gramática y afirmar su existencia, se fundó esta Academia. Porque el idioma de cada pueblo es el característico más puro y más poderoso de la nacionalidad. Gentes que hablan la lengua que no les es propia, es un pueblo que no se pertenece". (Nótese que os escritores do Rexurdimento aínda utilizan o castelán fóra do ámbito literario, mesmo cando fan unha defensa ideolóxica do galego).
A principios deste século, o 18 de maio de 1916, constitúese na Coruña a primeira das Irmandades da Fala, á que lle seguirán outras en diferentes cidades e vilas. Á parte do seu labor no terreo da política, as irmandades fixeron unha obra importante, promovendo estudos lingüísticos e reclamando a presenza do galego no ensino e na Administración. Con eles, empeza tamén a facerse habitual o uso do galego en actos públicos académicos, políticos, etc.
No ano 1920 comeza a publicación da revista Nós, que lle dá nome a unha xeración cultural da que formaron parte Castelao, Cuevillas, Risco e Otero Pedrayo.
O programa deses homes consistiu, e lográrono, en sacar a cultura galega do folclorismo e do influxo unilateral da cultura castelá. Por primeira vez, a cultura galega faise universal ao entrar en contacto directo coas ideas estéticas e coa ciencia europea.
Coa obra dos homes desta xeración, o galego logrou unha madurez literaria plena. Pero o máis importante, desde o punto de vista da recuperación idiomática, é que o galego é usado agora por primeira vez en obras de carácter científico (historia, arqueoloxía, etnografía, etc.).
A despreocupación das institucións académicas do país polo estudo da realidade galega motivou a creación no ano 1923 dun instituto non oficial, que coñecemos co nome de Seminario de Estudios Galegos.
O seminario considerou Galicia, nos seus aspectos natural e cultural, como obxecto das súas investigacións científicas.
Algúns homes do seminario prestáronlle atención ao estudo filolóxico do galego, e todos eles usárono como vehículo case exclusivo da súa produción científica.
A recuperación literaria do galego foi ascendente e alcanzou un grao notable de desenvolvemento antes da Guerra Civil. Pero era obra fundamentalmente dunha elite cultural. Mentres, a situación social do galego continuaba deteriorándose polo descenso de monolingües galegos, debido á alfabetización exclusivamente en castelán e á falta total da presenza do noso idioma na Administración e na Igrexa.
O papel da escola era perfectamente percibido polos mentores do goberno en política idiomática: "Hay que llevar urgentemente el español a las montañas gallegas, a las aldeas vascas, a la montaña catalana, y a donde quiera que falte". (Américo Castro, 1922).
A influencia positiva da actividade daquela elite cultural galeguista non foi suficiente para contrarrestar os efectos negativos derivados da situación subalterna do galego.
Despois da caída da ditadura de Primo de Rivera (1930), é instaurada a Segunda República (1931). Durante este período alcanza un considerable desenvolvemento en Galicia o movemento nacionalista.
Entre as máis importantes reivindicacións do nacionalismo figura a devolución a Galicia dos seus dereitos idiomáticos. Isto encontra a súa formulación legal no Estatuto de autonomía, plebiscitado en xuño de 1936, que no seu artigo 40 establece que "serán idiomas oficiais en Galicia o castelán e o galego". É o primeiro recoñecemento legal da oficialidade do galego en toda a historia. A Guerra Civil malogrou esta conquista.
Entre as moitas consecuencias negativas da Guerra Civil hai algunhas que afectan moi directamente a recuperación do idioma:
1. Impediu a entrada en vigor do Estatuto de autonomía, no que se establecía a cooficialidade do galego.
2. Malogrou o traballo dos homes que loitaron pola recuperación idiomática, ben eliminándoos fisicamente, ou ben anulándoos co exilio e o silencio.
O triunfo do franquismo supuxo a supresión das liberdades e a implantación dun novo ordenamento que exalta a unidade política de España e que reprime calquera manifestación de diferencialismo que non sexa de carácter folclórico.
Nunca os gobernos totalitarios promulgan decretos prohibindo o uso dos idiomas. A aplicación da censura é medida suficiente para desterralos de calquera ámbito que non sexa o estritamente privado. A propaganda oficialista encárgase de crear conciencia de culpabilidade nos falantes. Isto confirmouse en Galicia.
Por iso hai tamén un longo período sen publicacións en galego e, despois, cando se toleran, sofren unha dobre censura: a ideolóxica e a idiomática.
Á parte da deterioración producida pola represión e a propaganda, houbo algúns cambios que repercutiron negativamente na situación social do galego durante o franquismo:
- Faise obrigatoria a escolarización no nivel básico.
- Popularízase a radio e, máis tarde, a televisión.
Ambos os dous medios, dos que está excluído o galego, son dunha enorme eficacia na difusión idiomática.
Por outra banda, nesta época dáse tamén un forte crecemento das cidades coa afluencia de xentes procedentes do campo. En moitos casos, este cambio de hábitat vai acompañado do abandono do galego e da adopción do castelán.
A partir da década dos 50, e especialmente despois do ingreso de España na Unesco, as medidas represivas contra o galego atenuáronse. Isto permitiu que algúns galeguistas sobreviventes da guerra acometesen a empresa de lle transmitir á xente nova o ideario do vello galeguismo, fundado principalmente na defensa idiomática.
Á parte do labor clandestino, nun primeiro momento as actuacións públicas deste grupo reducíronse obrigadamente ás publicacións e ás manifestacións de tipo cultural. Hai que salientar nesta etapa o importante papel da editorial Galaxia.
Na década dos 60 madura a primeira xeración de galegos que non viviu directamente a Guerra Civil. Nas principais vilas galegas organizáronse asociacións culturais que tiñan como fin prioritario a defensa do idioma galego.
Ao mesmo tempo, comezan a organizarse partidos políticos na ilegalidade, que denuncian a represión idiomática e que defenden nos seus programas a oficialidade do galego. O traballo das asociacións e partidos foi de grande importancia na recuperación da autoestima idiomática.
Arredor do ano 1970, como consecuencia do ambiente creado na década anterior, comeza dentro da Universidade de Santiago de Compostela a preocupación polo estudo de Galicia.
No aspecto da investigación lingüística ten unha importancia capital a creación da cátedra de galego e o labor realizado dentro do Departamento de Filoloxía Románica e do Instituto da Lingua Galega.
A nova situación legal do galego esixía para a súa normalización a codificación gráfica e morfolóxica do idioma. Aínda que na historia da lingüística galega houbo sucesivas propostas de normativa, a formulación máis completa e coherente, entre as que consideran que o galego é un idioma, son as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, propostas polo Instituto da Lingua Galega e pola Real Academia no ano 1982, consideradas como oficiais pola Lei de normalización lingüística.
Artigo 3.
1. O castelán é a lingua española oficial do Estado. Todos os españois teñen o deber de coñecela e o dereito a usala.
2. As outras linguas españolas serán tamén oficiais nas respectivas comunidades autónomas, de acordo cos seus estatutos.
3. A riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección.
Artigo 148.
1. As comunidades autónomas poderán asumir competencias nas seguintes materias.
17. O fomento da cultura, da investigación e, se é o caso, do ensino da lingua da comunidade autónoma.
Artigo 5.
1. A lingua propia de Galicia é o galego.
2. Os idiomas galego e castelán son oficiais en Galicia e todos teñen o dereito de os coñecer e de os usar.
3. Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán dos medios necesarios para facilitar o seu coñecemento.
4. Ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua.
Artigo 27.
No marco do presente estatuto correspóndelle á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva das seguintes materias:
20. A promoción e o ensino da lingua galega.
Artigo 4.
1. O galego, como lingua propia de Galicia, é lingua oficial das institucións da comunidade autónoma, da súa Administración, da Administración local e das entidades públicas dependentes da comunidade autónoma.
Artigo 6.
1. Os cidadáns teñen dereito de uso do galego, oralmente e por escrito, nas súas relacións coa Administración pública no ámbito territorial da comunidade autónoma.
Artigo 7.
1. No ámbito territorial de Galicia, os cidadáns poderán utilizar calquera das dúas linguas oficiais nas relacións coa Administración de xustiza.
Artigo 10.
1. Os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega.
Artigo 12.
1. O galego, como lingua propia de Galicia, é tamén lingua oficial no ensino en todos os niveis educativos.
Artigo 18.
O galego será a lingua usual nas emisoras de radio e televisión e nos demais medios de comunicación social sometidos á xestión ou competencia das institucións da comunidade autónoma.
