
Os produtos galegos son sinónimo de calidade e de tradición. Entre eses produtos, un dos máis representativos é o viño. Neste momento, Galicia posúe cinco denominacións de orixe propias, nunha industria que produce o 11% do PIB da nosa comunidade e que cada vez está máis identificada coa terra. Tanto é así que, na colleita do 2008, etiquetarán na nosa lingua un total de 139 adegas.
O uso do noso idioma no eido empresarial confirma que o galego tamén é rendible. Segundo o presidente da adega Terras Gauda, José María Fonseca, "o viño é algo moi vinculado coa terra e os usuarios agradecen que vaia en galego. E no tema da lingua hai que intentar seducir, non impoñer". Neste sentido, Fonseca sinala que "para o consumidor é positivo que os produtos que ten máis próximos estean identificados en galego".
Dende esta adega producen ao ano arredor de 1,5 millóns de botellas que van na súa totalidade en galego, a non ser as que exportan a países que teñen unha lexislación específica que obriga a etiquetar noutro idioma, como é o caso dos Estados Unidos. Preguntado polo motivo polo que comezaron a etiquetar en galego dende que embotellaron a súa primeira colleita, no ano 1990, Fonseca indica que "o que non tería sentido sería facelo doutro xeito". As súas razóns son ben sinxelas: "facemos viño no Rosal, falamos en galego e producimos un viño cunhas castes que só hai aquí, como o caíño, a treixadura, o albariño, o loureiro... Como non o iamos etiquetar en galego?".
Os empresarios cada vez usan máis o galego
Outra das adegas pioneiras á hora de realizar a etiquetaxe das súas botellas na nosa lingua foi Quinta de Couselo. Ao pouco de botar a andar a Denominación de Orixe Rías Baixas, en 1991, xa decidiron sacar ao mercado un caldo que leva o mesmo nome da adega etiquetado en galego. “Antes non se etiquetaba o viño. E xusto cando o comezamos a etiquetar xa o fixemos no noso idioma”. Trátase dunha adega familiar e non lle deron voltas ao tema, como explica Conchi Vicente. “Estamos en Galicia e o galego é a lingua de aquí; é a lingua na que falamos os que traballamos na adega e a que fala a xente de aquí. Así que non é de estrañar que o viño fale tamén en galego”, comenta mentres ri.
AAdemais, ao primeiro “había xente que nos dicía que facer iso nos podía causar algún inconveniente á hora de exportar o viño, pero á hora da verdade para nada foi algo problemático”, aclara a propia Conchi Vicente. De feito, ela mesma destaca que o uso do galego no mundo empresarial "é cada vez mellor e vai a máis".
Un valor engadido
“No eido empresarial, ás veces hai lóxicas que non se entenden moi ben, pero nós decidimos ser consecuentes co país. Sentímonos orgullosos de ser galegos e dos nosos produtos”, aclara o xerente de Adegas Moure, José Manuel Moure. Todas as marcas que comercializan (Barrica Abadía da Cova, Abadía da Cova, Fuga e Abadía da Cova) están etiquetadas en galego, sexan para exportación ou para consumo máis interno.
Hai “uns 6 ou 7 anos” que elaboran as etiquetas en galego. Segundo Moure, adegueiro da Ribeira Sacra, “nun primeiro momento guiounos ser galegos" e observaron “que no eido comercial non era algo prexudicial, senón que para o consumidor pode ser un valor engadido”. Ademais, comenta que “as empresas galegas van deixando de lado ese complexo de inferioridade que tiñan e van empregando o noso idioma, porque ser galego vende e hai que reivindicalo en todos os sentidos”.
Orgullosos dos nosos produtos
Na pequena adega Docampo-Gacio, da Denominación de Orixe Valdeorras, “só etiquetamos en galego”. De momento só poñen no mercado 6.000 botellas, todas elas procedentes da agricultura ecolóxica, aínda que en vindeiros anos “esperamos chegar a 15.000”. Comezaron a produción da súa marca Bacelos de Biobra no ano 2004 e, aínda que a súa é unha colleita pequena, decidiron etiquetar en galego porque “somos galegofalantes e defensores do idioma”.
Manuel Docampo sinala que “Galicia será un país normalizado cando recupere a autoestima e se normalice o uso do galego en todos os ámbitos”, á vez que nos “sintamos orgullosos de consumir os nosos produtos”. A este respecto, e preguntado por se cre que o consumidor ve positivo o feito de etiquetar o viño no noso idioma, Docampo afirma que “no mundo do viño vese normal, non só polos consumidores galegos, senón tamén polos de fóra. Temos que ter en conta que o viño é un elemento da nosa cultura, é un produto ligado a terra, ás tradicións, á paisaxe, á gastronomía... Os nosos viños olen e saben a Galicia. Tamén falan galego”.
Cada botella, unha parte da nosa historia
Da mesma opinión é Ernesto Valeiras, de adegas Rivera, pertencente á Denominación de Orixe Ribeiro. Valeiras sinala que “o noso produto ten un claro vínculo coa terra e a cultura do noso país, polo que, ademais de viño, en cada botella estamos a ofrecer unha parte da nosa historia”. Así, eles xa se decidiron pola etiquetaxe en galego dende comezos da década dos 90. E a día de hoxe comercializan na nosa lingua unha media de 150.000 botellas das súas marcas (Mouchiño, Viña Xinadas, Rexo...), tanto as destinadas “ao mercado galego, como ao español e á exportación, excepto aos EE UU”.
O Burdeos en francés, o Chianti en italiano e o Ribeiro en galego
Dende as adegas María do Pilar, tamén da Denominación de Orixe Ribeiro, comentan que “é un paso moi importante que produtos da nosa terra se etiqueten en galego”. O seu voceiro, Manuel S. Álvarez del Valle, pregúntase “como, se non, imos lograr a normalidade se unha parte tan visible da sociedade, en canto á publicidade se refire, non utiliza o noso idioma no día a día?”. Por iso eles, como empresarios, tamén se decidiron a involucrarse na normalización do idioma. “Parecíanos o máis lóxico etiquetar na lingua da nosa xente”, comenta Álvarez del Valle, “xa que facelo doutra maneira sería un tanto estraño. O normal é que un viño de Galicia se etiquete en galego, así como un Burdeos virá en francés ou un Chianti en italiano”. Ademais, “o consumidor aprecia como positivo atoparse cun produto etiquetado en galego, xa que o ve como algo máis familiar, máis seu”. Deste xeito, eles tamén etiquetan na nosa lingua as súas marcas Rechamante ou Senlleiro.
D.O. Monterrei
- Magnus
- Manuel López Chaca
- Terras de Cigarrón
- Valderello
D.O. Rías Baixas
- Arousa de Bebidas
- Cabaleiro do Val
- Carmen Carril Martínez
- Condes de Albarei
- Da Serra
- Domecq Wines España
- Dos Eidos
- Durán
- Galegas
- Herdeiros Antón Bértolo Losada
- Lar do Vieira
- Martín Códax
- Monte Sacro
- Pablo López Francos
- Predio do Pazo
- Quinta de Couselo
- Ramiro Padín Cores
- Ramón Rodríguez Troncoso
- Terra de Asorei
- Terras Gauda
- Viña Almirante
- Viña Moraima
- Viñas do Torroxal
D.O. Ribeira Sacra
- Algueira
- Amelia Ledo Vence
- As Oubenzas
- Barbados
- Cabo do Mundo
- Cachín
- Chao do Couso
- Conde de Vidás
- Costoya
- Do Bao
- Do Veiga
- Guímaro
- Javier Seoane Novelle
- Jesús Mariño Sánchez
- Jorge Feijoo González
- José Manuel Vidal López
- Lobeiras
- Lourdes García González
- María Esther Teijeiro Lemos
- Mondelo
- Moure
- Os Ermitaños
- Pablo Domingo González Gómez
- Pedra do Sal
- Pena das Donas
- Soutariz
- Terras Mouras
- Val de Lenda
- Val de Quiroga
- Verao
- Victorino Álvarez Rodríguez
- Viñedos Lareu
- Virxen dos Remedios
- Xarreiro
- Xosé Vázquez Rodríguez
D. O. Ribeiro
- A Nosa Viña
- Acinus
- Amalia Dieguez Martínez
- Ana Martínez González
- Antonio Cajide Gulín
- Aurora López González
- Casal de Armán
- Coto de Gomariz
- Cunqueiro
- Delfina Orge González
- Do Canto
- Dolores Villanueva Cobelas
- Domecq Wines España
- Elisa Collarte Bernárdez
- Emilio Docampo Diéguez
- Francisco Fernández Sousa
- Francisco Martínez Rodríguez
- Jaime López Vázquez
- Joaquín Vázquez Martínez
- José Camilo López Rodríguez
- José Luis Rodríguez Pérez
- Luis Anxo Rodríguez Vázquez
- Manuel García Carrasco
- María do Pilar Vázquez Pérez
- Pazo do Mar
- Pazo Lalón
- Pousadoiro
- Rivera
- Rodríguez Méndez
- Val do Deva
- Vicente Giráldez Fernández
- Vitivinícola do Ribeiro
- Xosé Villar Fernández
D. O. Valdeorras
- Alán
- Chan de Ouro
- Día-Noite
- Docampo-Gacio
- Jesús Nazareno
- O Casal
- O Ribouzo
