O Plan xeral de normalización da lingua galega recolle medidas e obxectivos concretos para facilitar a integración na nosa cultura e na lingua galega das persoas que chegan ao noso país procedentes doutros territorios. Dado que os ambientes laborais nos que maioritariamente se introducen os inmigrantes presentan usos amplos do galego, o plan xeral establece a necesidade de orientar os inmigrantes sobre as características do país ao que acaban de chegar (moitos son descoñecedores da diversidade cultural e lingüística de España) e facilitarlles coñecementos técnicos necesarios para a inserción laboral, nos que se inclúa a formación en lingua galega. Ao mesmo tempo, o plan xeral define tamén como obxectivo xenérico para este sector concienciar os axentes sociais da conveniencia de incorporar a poboación inmigrante á lingua e cultura galegas.
