Secretaría Xeral de Política Lingüística

Onde podo estudar galego?

 

Se quere estudar galego, pode asistir aos cursos de distintos niveis que organiza cada ano a Secretaría Xeral de Política Lingüística. A Secretaría Xeral conta con gabinetes provinciais de normalización lingüística que xestionan cursos de galego para adultos nas súas áreas territoriais. Existen tamén cursos específicos, como os de linguaxe administrativa, organizados pola EGAP  ou de linguaxe xurídica, tramitados pola Dirección Xeral de Xustiza. Tamén pode estudar galego nas escolas oficiais de idiomas de Galicia: na Escola Oficial de Idiomas da Coruña, na de Santiago, na de Ourense, na de Ferrol, na de Pontevedra, na de Vigo, en Madrid ou tamén nas distintas delegacións das escolas oficiais de idiomas.

Se quere apuntarse á Licenciatura de Filoloxía Galega, pode acudir a calquera das tres universidades galegas: Universidade da CoruñaUniversidade de Vigo, Universidade de Santiago de Compostela.

Se é de fóra de Galicia, existen lectorados e departamentos de galego en distintas universidades de España e tamén do estranxeiro, que pode consultar con detalle en Galego no mundo. En Cataluña, existen centros de ensino secundario que ofertan a posibilidade de estudar galego como segunda lingua moderna nos seus itinerarios educativos. Tamén en Londres e en Bos Aires.

Se desexa vir a Galicia a estudar galego, existen cursos de verán específicos para estranxeiros que organiza en Santiago o Instituto da Lingua Galega en colaboración coa Real Academia Galega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística. O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades tamén convoca cada ano estadías para persoas de fóra de Galicia que queiran aprender galego ou realizar proxectos de investigación relacionados coa lingua e a cultura de Galicia.

logotipo da Xunta de Galicia\
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia.
Información administrativa e atención ao cidadán  | Suxestións e queixas  | Aviso legal  | Atendémolo/a