Secretaría Xeral de Política Lingüística

Orixe e breve historia

 

A lingua galega –o galego– pertence á familia das linguas románicas –coma o francés ou o catalán– e é o resultado da evolución do latín introducido polos romanos no noroeste da Península Ibérica. Desde o século IX, a lingua falada nesta área era tan diferente que podemos considerar a existencia de dúas linguas: o latín e o galego. O documento literario máis antigo que coñecemos actualmente é a cantiga satírica “Ora faz ost’o senhor de Navarra", escrita a fins do século XII por Joam Soares de Pavia. Este foi o período máis brillante da literatura galega. O galego chegou a ser a lingua da poesía lírica en toda a península. Fálase de poesía lírica galego-portuguesa, porque ata mediados do século XIV formaron un mesmo tronco lingüístico.

A fins do Medievo, a lingua e a literatura galegas entraron nun período de decadencia provocado fundamentalmente por un contexto sociopolítico dominado por unha clase mandataria foránea e allea aos intereses culturais e identitarios de Galicia. Malia a pervivencia da lingua no ámbito do privado e dos contextos de comunicación informal, o galego estivo ausente dos usos escritos durante un longo período de tres séculos –XVI, XVIII e XVIII– chamados Séculos Escuros.

No século XVIII houbo voces que, influenciadas polos ideais ilustrados, mostraron a súa preocupación polo subdesenvolvemento do galego e ofreceron novas achegas aos ámbitos económico, social e cultural.

Rexurdimento é o nome do noso movemento de renovación cultural, que tivo lugar ao longo do século XIX. Cantares Gallegos, a primeira obra escrita totalmente en lingua galega, publicada en 1863 por Rosalía de Castro, inaugurou o Rexurdimento pleno. A primeira gramática e dicionario galegos, esenciais para a súa estandarización, apareceron tamén no século XIX.

A consolidación do galego non tivo lugar ata o século XX. A recuperación do galego como lingua histórica, cultural e literaria confirmouse cara a finais do século XX, coa consecución do seu status de lingua oficial xunto co castelán en Galicia, a fixación dunha norma ortográfica e morfolóxica, a súa introdución no ámbito escolar, etc. É a lingua dos medios de comunicación públicos de Galicia e actualmente ten presenza cotiá nos espazos comerciais e de ocio. Así e todo, na actualidade afronta tamén dificultades, fundamentalmente no ámbito empresarial e mesmo nos contextos familiares das principais urbes galegas, nas que está a aumentar a presenza do castelán como lingua principal dos fogares.

Máis.

galego, lingua galega, idioma galego, gallego, lengua gallega, idioma gallego

Unha lingua con historia

 

O galego é a lingua histórica de Galicia. O documento máis antigo que se conserva escrito en galego en Galicia data de 1.228, do reinado de Alfonso IX. Actualmente atópase no arquivo da Casa de Alba en Madrid.

 

logotipo da Xunta de Galicia\
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia.
Información administrativa e atención ao cidadán  | Suxestións e queixas  | Aviso legal  | Atendémolo/a