Secretaría Xeral de Política Lingüística

Está vostede en Inicio

Os documentos notariais, tamén en galego

"O galego é unha lingua plenamente válida e eficaz para formalizar os seus documentos". Así reza un dos centos de carteis que se repartiron por todas as notarías de Galicia informando os usuarios de que poden solicitar que se redacten os seus documentos notariais en galego.

Información e oferta positiva

Un dos ámbitos nos que o galego está menos asentado actualmente é o xurídico. Por iso a Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Colexio Notarial de Galicia acordaron abordar unha serie de actuacións para favorecer o aumento dos servizos en galego. A primeira, recollida no Plan xeral de normalización da lingua galega, é lembrarlles aos usuarios das notarías que teñen todo o dereito de usar e de solicitar os seus documentos en calquera das linguas oficiais, sen que calquera das opcións supoña custo adicional ningún nin atraso na redacción ou na autorización do documento. Ese é o obxecto do cartel informativo exposto en todas as notarías de Galicia.

Usos lingüísticos

Malia os usos lingüísticos dos galegos e das galegas que, segundo as estatísticas, indican que empregan maioritariamente a lingua galega na súa vida cotiá, son poucos os que lles solicitan ás notarías a formalización dos documentos na súa lingua habitual. Segundo o notario Juan Rúa, que exerce no Carballiño, "o idioma no que fala o 90% dos que acoden á miña notaría é o galego, pero a porcentaxe dos que solicitan os seus documentos neste idioma é o inverso".

Formación específica para os notarios

Para fomentar o impulso do servizo en galego das notarías, o Colexio Notarial de Galicia e a Secretaría Xeral de Política Lingüística consideraron necesario realizar unha formación en linguaxe de especialidade para aqueles profesionais aos que lles cumpría un maior dominio do idioma que lles permitise prestar un mellor servizo. O notario Juan Rúa foi tamén un dos asistentes ao curso de lingua galega que se celebrou na Escola Galega de Administración Pública, en Santiago. Do curso, salienta Rúa a "resposta dos notarios que fomos, porque pensei que seriamos menos. E iso que acudimos ao curso desde lugares tan afastados de Santiago como Verín, Lugo ou Nigrán".

O curso, de 40 horas, foi deseñado atendendo as necesidades específicas do alumnado. Unha característica deste curso é que tan só un dos notarios asistentes estudara previamente galego. O resto nunca realizara ningún curso e, pola súa idade, tampouco aprendera esta lingua nos seus estudos regrados. Así e todo, o feito de seren practicamente todos galegos e o feito de traballaren con clientes galegos, permitíalles falar o noso idioma sen dificultades maiores. Un destes casos foi o do propio Rúa, quen sinala que fala galego "desde neno, porque o aprendín na casa, pero a carreira estudeina fóra e foi en castelán".

No curso tratouse de capacitar os profesionais para desenvolver o seu labor en lingua galega dun xeito pleno. "A profesora sóubonos motivar moi ben porque asistimos a todas as clases", explica Rúa. Impartiulles conceptos de linguaxe xurídica, a normativa do galego, modelos de escrituras etc.

Un camiño para seguir

O uso do galego no ámbito xurídico non é novo. En galego redactábanse habitualmente documentos na época medieval. Co posterior desprazamento do galego dos espazos formais, o galego deixou de ser lingua de uso habitual neste ámbito, e só nas últimas décadas volveu ser empregado nos textos xurídicos. Un dos profesionais que máis traballou na implantación da lingua galega no ámbito notarial foi Victorino Gutiérrez Aller. Este notario, agora xubilado, exerceu en Lalín e, segundo os seus colegas, foi un dos notarios que máis escrituras fixo na nosa lingua.

Gutiérrez Aller publicou, coa colaboración do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades o libro Formulario Notarial, que constitúe o primeiro formulario desta natureza en galego, un conxunto de textos xurídicos co máximo rigor técnico, que buscaba facilitarlles aos notarios as palabras técnicas que expresan as ideas de forma clara e precisa.

Cos permanentes cambios legais, a tipoloxía dos documentos tamén se vai modificando e require unha permanente actualización. Por iso, unha das tarefas do curso que se celebrou en Santiago, foi a tradución dos alumnos ao galego dos seus formularios de escrituras. As ferramentas tecnolóxicas tamén constitúen un apoio para comezar a traballar en galego. "A linguaxe xurídica en galego é algo que me custa", explica Juan Rúa, "aínda que a día de hoxe, cos correctores lingüísticos ou cos tradutores imos indo moito mellor, porque antes moviámonos con máis inseguridade".



logotipo da Xunta de Galicia\
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia.
Información administrativa e atención ao cidadán  | Suxestións e queixas  | Aviso legal  | Atendémolo/a