Dan as seis da tarde e varios nenos agardan impacientes por coñecer a Uxía. Ela, sentada sobre un feixe de libros, mira de esguello mentres pasa as páxinas dun libro.
Novos nenos van chegando ao espazo habilitado no centro comercial Área Central de Santiago de Compostela para ir descubrindo as aventuras de Uxía e dos seus amigos, os Pillabáns. Os cativos acomódanse sobre coxíns de cores sen deixaren de mirar para o cartel de Uxía e mais para unha impoñente árbore con cara humana, que semella abrir a boca ante a sorpresa de atopar tantos nenos xuntos.
Nenos que repiten
A un lado, os pais pídenlles aos rapaces que non sexan impacientes, que agarden un pouco. E, de súpeto, unha actriz achégase a estes para preguntarlles se están interesados en coñecer a Uxía, ao que estes responden cun tímido “si”. Algúns deles xa a coñecen, ben porque tiñan algunha das súas aventuras na casa ou ben porque repiten experiencia. Outros, pola contra, é a primeira vez que se achegan, animados pola curiosidade.
Mediante pequenas figuras, a animadora vai descubrindo quen é Uxía, como é Nova, que aspecto teñen Tito e Pipo, ao tempo que non deixa de preguntarlles cousas. Quere saber como fai a ra ou como ladra un can. 'Non, así non. Ten que ser un ladrido máis forte, máis grave, máis agudo e máis suave', explícalles mentres os cativos non paran de facer 'guau, guau'.
Facendo un can
A tarde vaise animando e os rapaces queren saber algo máis de Uxía. Unha vez feitas as presentacións, outro actor toma o relevo para contarlles aquela tarde na que atopou un can no parque. 'Que hai nos parques?', pregúntalles o contacontos aos máis novos. As respostas sucédense: 'pelotas', 'bambáns', 'de todo'... O sorriso do actor non se fai agardar, ao tempo que vai pasando un rolo con ilustracións de Uxía e os Pillabáns. Os nenos poden ver así a aventura gráfica da protagonista e dos seus amigos, ao tempo que escoitan a narración do que lles aconteceu no parque.
A historia chega ao seu fin. Todos están encantados coa historia do can. Uns poucos contan que eles tamén teñen un na casa chamado Lúa, Rita ou Pirata, aínda que a maioría non. 'Queredes un can pequerrechiño, pequerrechiño, pequerrechiño?', pregunta o contacontos. O 'si' dos preto de trinta cativos alí reunidos semella non ter fin. Todos queren levar un cadeliño para a casa, así que ao final o contacontos saca unha caixa enorme e explícalles como facer un.
Fomentar a lectura e o galego
Moitos pais están encantados coa idea. Así, Manuel Campos, quen acompañou os seus fillos ao evento, indica que 'todo o que sexa fomentar a lectura, as actividades manuais e a convivencia con outros nenos en espazos de xogo é moi bo para eles'. Explica que xa teñen na casa unha aventura de Uxía e que intenta ofrecerlles libros adecuados para a súa idade.
Pola súa banda, Alberte Souto considera que 'está ben incentivar a animación á lectura porque están acostumados aos medios audiovisuais'. El intenta 'lerlles habitualmente contos infantís, explicarlles que no día ten que haber un momento para a lectura e que así se acostumen a esta actividade'. Ademais, ve con bos ollos iniciativas coma a de Uxía e os pillabáns para fomentar o galego entre os rapaces 'porque é o idioma do país e é importante que se conserve neste momento no que hai unha perda tan importante de galegofalantes'.
Outro dos pais, neste caso Sebastián Barca, tamén ve positiva a idea 'para que os nenos lean'. 'Na casa o meu fillo ten varios libros', asegura Barca, 'pero tamén o fixen socio da biblioteca e adoito levalo, para que se vaia animando á lectura'.
Dan as oito da tarde e varios cativos xogan no recinto, nunha casiña con flores de cores na entrada. Outros estanlle a dar os últimos retoques ao seu can e, os máis, saen acompañados dos pais, co cadelo de cartón xa rematado nunha man e o libro de Uxía e os Pillabáns na outra. 'Para a semana hai outra aventura. Podemos vir de novo?', preguntan.
