Na Idade de Pedra existiu certo parentesco entre moitos pobos que ocuparon boa parte do territorio, que vai dende Galicia ao norte de África e por toda Europa meridional.
Isto explica que hoxe existan no galego palabras preindoeuropeas que se atopan tamén noutras zonas nas que nin se falan nin se falaron idiomas indoeuropeos. Tal é o caso, por exemplo, de voces como: amorodo, carrasco, lastra, veiga, caxigo, etc.
Polo 800 a. C. produciuse a primeira vaga de celtas, pero ten moita maior importancia para a zona do noroeste da Península Ibérica, que tivo lugar dous séculos máis tarde (arredor do 600 a. C.).
O galego débelles aos celtas palabras como: berce, bugallo, croio, camba, etc. e abundantes topónimos como: Sar, Sarela, Callobre, Barallobre, etc. e o propio nome do noso país, Galicia, e o noso xentilicio, galego, tamén son de orixe celta.
No século III a. C. chegan os romanos a España, pero só no século I d. C. e, tras os intentos fracasados de Décimo Xunio Bruto e Xulio César, Augusto consegue conquistar Galicia, Asturias e Cantabria, incorporándoas á España citerior. Comeza aquí unha tardía romanización, cando xa o resto da península estaba grandemente romanizada.
Á romanización administrativa sucedeu a romanización dos costumes e a incorporación dos celtas e doutros pobos prerromanos á lingua dos conquistadores. A lingua latina constitúe a base principal do galego.
Galicia e Asturias, que chegaban polo sur ata o río Douro e polo leste ata Cantabria, tiveron dende o principio unha grande autonomía dentro da Hispania citerior.
No ano 216, con Caracalla, pasaron a constituír unha provincia á parte, co nome de Gallaecia.
Os lindeiros xeográficos desta provincia teñen moita importancia, xa que este territorio presenta ata hoxe un léxico común, e nel producíronse os mesmos fenómenos de evolución lingüística que van separar o conxunto de falas pertencentes ao nordés peninsular da fala castelá que se está formando ao sur de Cantabria e ao norte de Burgos.
A partir dos comezos do século V chegan a Galicia, en sucesivas vagas, pobos de raza e de lingua xermánica, fundamentalmente:
- Os vándalos.
- Os suevos, que fundaron en Galicia un reino que durou máis dun século e medio, desde o 411 ao 585.
- Os visigodos, que dominaron Galicia desde a caída dos suevos ata a chegada dos árabes.
Estes pobos, lingüisticamente non foron capaces de asimilar os galego-romanos, pero do contacto con eles o latín galaico recibiu un gran número de préstamos léxicos: laverca, espeto, roupa, etc.; nomes de persoa como: Fernando, Alberte, Luís, Elvira, Xerardo, etc.; e nomes de lugar como: Suevos, Samil, Ramil, A Gudiña, etc.
O contacto lingüístico cos árabes redúcese ao préstamo dalgúns antropónimos (Mamede) e topónimos (Ceide, Mezquita, Rábade...). Nomes de lugar como Moldes (muladis), Mourisco (de mouros) e mesmo cumbraos (coimbráns), toldaos (toledanos), etc. mostran a existencia de núcleos árabes ou mozárabes asentados ou inmigrados en terras de Galicia.
No léxico común do galego son moi abundantes as palabras de orixe árabe (laranxa, aceite, maquía, alforxa, albeite, azucre, alfaiate...), pero a meirande parte delas entraron no galego por vía indirecta.
