
Xa está en marcha a edición 2010 do OUFF Escola! E a mellor creatividade audiovisual en galego ten premio!
Neste certame poden participar todos aqueles alumnos matriculados en centros públicos e privados de ensino non universitario de Galicia durante o curso 2009-2010, así como aqueles de fóra de Galicia que teñan no seu currículo materias de e en lingua galega. A participación realizarase sempre baixo a titoría dun profesor ou profesora responsable do proxecto.
Hai dúas categorías, unha para infantil e primaria, e outra para o resto de niveis de ensino non universitario. As obras presentadas poden tratar de calquera tema, teñen que estar en galego e deben ser orixinais (non comercializados nin premiados anteriormente). A súa duración máxima será de 20 minutos e cada obra será enviada nun DVD antes do 20 de xuño de 2010 ao seguinte enderezo: Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF Escola), rúa da Canle, 2, CP 32004 – Ourense 6.
É preciso realizar tamén unha inscrición previa no certame antes do 15 de maio: Formulario de inscrición
Un certame para impulsarmos a creación audiovisual na nosa lingua
O II Certame de Cinema OUFF Escola, que ten lugar dentro do da XV edición do Festival de Cine Internacional de Ourense coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pretende impulsar o uso da lingua galega entre os máis novos, coñecer a visión destes sobre o seu contorno sociocultural e fomentar a creatividade audiovisual e o traballo en equipo, nunha linguaxe atractiva para o alumnado, que contribúa a xerar un espírito crítico.
Ao tempo, búscase potenciar o uso das tecnoloxías da información e da comunicación nos centros de ensino e crear un espazo de referencia para a mostra do audiovisual feito nas aulas. Esta iniciativa encádrase como ferramenta dentro da Directiva Europea de Alfabetización Mediática, que procura darlles formación aos mozos e mozas sobre o coñecemento e a avaliación do audiovisual.
Establécense catro premios para cada unha das categorías, nos que o xurado terá en conta a calidade das obras presentadas, a orixinalidade do argumento, a autenticidade e calidade no uso da lingua, a potenciación de valores democráticos e de tolerancia e o uso creativo das novas tecnoloxías e das ferramentas de software libre.
Premiados no 2009
17 de maio, festa das Letras Galegas
Un día na quinta
Brigada ecolóxica
Malos tempos
Dende dentro
Doador
