Secretaría Xeral de Política Lingüística

Está vostede en Inicio

Proxección do galego no exterior

A tradición que fai de Galicia a fin dun camiño permitiunos establecer desde a antigüidade vías de conexión cos países do continente europeo, pero tamén con outras partes do mundo, que son veas de circulación de culturas e linguas, de ida e mais de volta.

As persoas que leva acollido Galicia foron e son auténticos embaixadores da nosa identidade fóra das nosas fronteiras, igual ca os emigrantes e exiliados galegos que se asentaron nos países máis diversos deixando neles a súa pegada colectiva. Aqueles outros que chegan onda nós para quedar traen tamén riqueza cultural e persoal, que contribúe ao medrío da nosa comunidade.

A importancia destas vías históricas de ida e volta que nos conectan co exterior foi fundamental na construción da nosa propia realidade lingüística: as xoias medievais da literatura galega proxectáronse en galego nas cortes de Castela, a Real Academia Galega constituíuse na Habana (Cuba), boa parte das nosas publicacións culturais máis importantes editáronse na Arxentina, os primeiros produtos radiofónicos estables en galego producíronse no Uruguai, boa parte das achegas filolóxicas de referencia actual estanse a redactar nas universidades europeas. Esta realidade histórica de país de acollida e tamén de partida cara ao mundo fai da nosa proxección exterior un proceso natural e espontáneo que facilita as accións actuais de estimulación da presenza do galego no exterior.

Hoxe contamos con plataformas oficializadas para esa presenza do galego fóra das nosas fronteiras. Os cidadáns de Galicia poden dirixirse ás institucións europeas en galego e recibir tamén nesa lingua a contestación institucional dos órganos da UE. Hoxe un habitante dun país afastado pode acceder a cursos de lingua galega nas universidades de diferentes países. E desde calquera parte do mundo con conexión á Rede, cun simple clic, calquera pode obter produción en galego pendurada na internet. O galego é hoxe unha lingua cunha proxección internacional baseada no respecto ás outras linguas e na forza da identidade dos seus falantes.

 

O galego nos órganos de goberno de España e de Europa

O galego é lingua cooficial no territorio de Galicia. A lexislación establece que os interesados que se dirixan aos órganos da Administración xeral do Estado con sede no territorio dunha comunidade autónoma poden empregar calquera das linguas cooficiais nela.

En canto á integración da lingua galega no sistema de ensino fóra de Galicia, a opción como segunda lingua moderna no ensino regrado en España é unha realidade desde hai varios anos. En Cataluña existen sete centros que o ofertan, con alumnado estable que accede a esta opción. Universidades de varias cidades de España incorporan o galego aos seus plans oficiais de estudos. O coñecemento das diferentes linguas do Estado nas comunidades autónomas nas que non se fala contribúe a xerar unha cultura do respecto pola diversidade identitaria para a mellor convivencia. 

A presenza en Europa da lingua galega no seo das institucións fíxose realidade en 2005. O primeiro órgano no que se realizou unha intervención oficial en galego foi o Comité de Rexións.

Corenta centros de estudos galegos no mundo

Universidades de América, Europa e Australia ofrécenlles aos seus estudantes a posibilidade de aprenderen a lingua e a cultura de Galicia dentro dos seus plans de estudo. Os lectores que imparten esas materias son licenciados en Filoloxía Galega que exercen, ademais, de dinamizadores da lingua de Galicia no exterior, tanto na organización de cursos e actividades culturais coma na propia investigación filolóxica entre os alumnos. Froito desa presenza nas facultades de países diversos, hoxe o galego conta con estudos comparados con outras linguas ou perspectivas de investigación da nosa realidade lingüística que son obras de referencia no ámbito académico en Galicia.

Máis información.

 

Ligazóns emigración

http://galiciaaberta.xunta.es/conselleria/

 

Información de utilidade

http://emigracion.fiestras.com

http://www.fundaciongaliciaemigracion.es

http://www.xenealoxia.org

http://www.galespa.com.ar

http://www.fillos.org

http://www.galeguidade.net

http://fundaciongaliciaeuropa.eu

 

Lingua na emigración

Voces galegas nacidas na emigración

 

De interese

logotipo da Xunta de Galicia\
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia.
Información administrativa e atención ao cidadán  | Suxestións e queixas  | Aviso legal  | Atendémolo/a