
- Orde do 4 de xaneiro de 2012 pola que se anuncian, con carácter voluntario e gratuíto, cursos de lingua galega preparatorios para as probas dos niveis Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4, para particulares (adultos) e colectivos de Galicia, no ano 2012 (ED104B).
O prazo para presentar as solicitudes remata o 30 de xaneiro de 2012.
- Orde do 16 de decembro de 2011, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se establecen as bases para a concesión de subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega, e se procede á súa convocatoria (ED115A).
Prazo de solicitude: do 5 de xaneiro ata o 4 de febreiro de 2012.
Sobre a Rede de Dinamización Lingüística
A Rede de Dinamización Lingüística é unha asociación voluntaria que busca congregar as entidades con competencia na promoción do uso da lingua galega no ámbito local, vinculada á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
A Rede naceu en virtude da publicación no Diario Oficial de Galicia, o 21 de setembro de 2010, da Orde do 14 de setembro pola que se crea a Rede de Dinamización Lingüística e actualmente están adheridas provisionalmente a ela case cen entidades. Os seus principais obxectivos son os de promover a coordinación das actuacións en materia de dinamización lingüística e de aumentar a efectividade das mesmas desde o ámbito local.
A figura dunha rede perfílase actualmente como a fórmula máis axeitada para acometer estes fins, xa que, sen lle restar competencias a ningunha das administracións que interveñen, garante extensiva e intensivamente a intervención e optimiza os recursos dispoñibles asegurando uns niveis de eficiencia axeitados.
Por todo isto, A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pretende apoiar e colaborar coas entidades locais de Galicia para acadar unha mellora nos servizos que prestan, así como potenciar o uso do galego por parte destas entidades e nas súas relacións coas persoas administradas.
Acto de constitución da Rede
A Rede está aberta á colaboración e á adhesión das entidades privadas sen finalidade de lucro interesadas na consecución dos fins que a orientan.
O día 28 de outubro de 2011 tivo lugar a sesión constitutiva da Rede, na que se integraron formalmente as entidades que solicitaran a súa adhesión a esta entidade, co fin de iniciar a actividade conxunta dos membros.

