
En 1999, a UNESCO declarou o 21 de febreiro Día Internacional da Lingua Materna. O obxectivo desta celebración é impulsar a práctica das linguas maternas en todo o mundo e, en especial, as das minorías, por seren as que se encontran nunha situación máis difícil. A ONU entende que os idiomas son o instrumento de maior alcance para a preservación e o desenvolvemento da herdanza cultural da humanidade e que, daquela, toda iniciativa que promova a súa supervivencia servirá para incentivar, ademais do pluralismo lingüístico, a diversidade cultural. Pola súa vez, a diversidade cultural enténdese como un activo para o desenvolvemento dos individuos e dos pobos.

Que é unha lingua materna?
A lingua materna, aquela en que os nenos aprenden a falar, é, como dixo o poeta, “a chave coa que abrimos o mundo”. A realidade circundante chega aos meniños enchoupada do idioma da casa e este, pola súa vez, do cariño e da calor familiares. En xusta correspondencia, os falantes dun idioma devolveranlle a este o amor que transmitiu en forma de fidelidade e identificación con el. Por iso a lingua primeira axuda a configurar, dende o afecto, a propia visión do mundo, ao tempo que a identidade individual e colectiva.
O galego, lingua de noso
Galicia é hoxe unha comunidade con dous idiomas oficiais, o que constitúe unha riqueza e unha oportunidade. A lingua e a cultura galegas non son unha pesada carga que debemos carrexar, senón a mochila onde gardamos o pan e a auga, o imprescindible para facer un camiño que nos leva sempre cara adiante.
Termos lingua de noso fornécenos dunha identidade colectiva que une a todos os galegos independentemente de cal sexa o idioma que falan habitualmente. Termos lingua e cultura de noso amplíanos o universo de comunicación, as posibilidades de elección e constitúe unha ponte que facilita o acceso a outros idiomas e culturas. É un valor engadido, unha marca que nos singulariza e dá prestixio, que nos sitúa no mundo como colectividade que ten algo máis e distinto para ofrecer. Polo mesmo, é tamén unha responsabilidade que os galegos debemos asumir: é a nosa obriga contribuír co galego ao patrimonio cultural da humanidade.
Transmisores da lingua na familia
Durante séculos, a lingua galega sobreviviu transmitíndose exclusivamente no seo das familias e, aínda que a complexidade da sociedade actual esixe hoxe levala a outros espazos, o ámbito do fogar segue sendo fundamental para garantir o seu futuro.
Incorporar o galego á comunicación familiar permitirá que os nosos fillos liguen o idioma que nos une coa afectividade do fogar e adquiran máis doadamente a competencia nel. En todo caso, e sexa cal for a lingua que usemos habitualmente na casa, fagámoslles ver aos nosos cativos que os rodean outras e que todas son igualmente importantes, pois amosan diferentes perspectivas da realidade que non poden senón ampliar o noso saber e as nosas posibilidades de decidir con criterio.
Todos os pais e nais queren o mellor para os seus fillos, todos anhelan que o seu labor educativo dea froitos en forma de persoas sas, seguras de si e, polo mesmo, abertas, libres e tolerantes. En suma, persoas felices. Sen dúbida, é parte desta tarefa amosar respecto e interese por todos os idiomas para, así, trasladarlles a aqueles a quen educamos unha actitude positiva cara á diversidade lingüística e cultural da humanidade.