A nobreza galega autóctona é substituída progresivamente por outra estranxeira, ou ben é asimilada aos intereses da Coroa. De xeito semellante, os cargos civís son ocupados sistematicamente por funcionarios non galegos.
Isto, entre outras razóns, significou a liquidación do galego para os usos formais e marcaba o comezo da situación de anormalidade lingüística.
"DON FERNANDO POR LA GRACIA DE DIOS... A VOS DON FERNANDO DE ACUÑA, MI GOBERNADOR E JUSTICIA MAYOR EN EL REINO DE GALICIA, E A BOS, EL LICENCIADO GARCÍA LÓPEZ DE CHINCHILLA, AMBOS DEL MI CONSEJO, E MIS JUEZES E CORREGIDORES EN EL DICHO REINO:
VIEN SABEDES E COMO YO ENBIÉ MANDAR AL CONDE DE MONTERREI, E AL CONDE DE ALTAMIRA, E A DIEGO DANDRADE, E A DON FERNANDO DE CASTRO, E A PEDRO DE BOLAÑO, E A OTROS ALGUNOS CAVALLEROS E OTRAS PERSONAS DEL DICHO MI REINO DE GALIZIA, QUE SE SALIESEN DEL DICHO REINO E SE VINIESEN PARA MI, DONDE QUIERA QUE YO ESTUVIESE, SO CIERTAS PENAS EN MIS CARTAS E MANDAMIENTOS CONTENIDAS, ALGUNOS DE LOS CUALES NO AN SALIDO NI VENIDO A MI, E PORQUE TODABÍA CUMPLE A MY SERVICIO QUE SALGAN E VENGAN, YO VOS MANDO QUE, SI CUANDO VOSOTROS FUÉREDES EN EL DICHO REINO DE GALIZIA NO FUEREN SALIDOS, LES AGÁIS SALIR Y BENIR PARA MI, Y LES NO CONSINTÁIS ENTRAR NI ESTAR EN EL DICHO REINO SIN MI LICENCIA Y ESPECIAL MANDADO, E SI LO ASÍ NO FICIEREN E CUMPLIEREN PROCEDÁIS CONTRA ELLOS E CONTRA SUS VIENES A LAS PENAS CONTENIDAS EN LAS DICHAS MIS CARTAS".
A Igrexa representou un papel negativo moi importante no desenvolvemento do galego, ao marxinalo das prácticas relixiosas.
En todos os países da Europa occidental onde existían situacións lingüísticas similares á galega (A Bretaña, País Vasco, Cataluña...), o clero sempre mantivo fidelidade á lingua do seu pobo. En Galicia non só a práctica dos sacramentos e os rezos colectivos (rosario, novenas...) se efectuaban en castelán, senón que mesmo as oracións diarias da devoción persoal (Nosopai, Ave María...) eran ensinadas nesta lingua.
Unha das razóns que explica isto é que a provisión de cargos eclesiásticos (bispos, abades, curas de almas) se facía con persoas non galegas, a pesar das protestas do clero do país.
A fronteira política creada entre Portugal e Galicia no séc. XII deu lugar a unha progresiva incomunicación dos dous reinos. Isto favoreceu evolucións lingüísticas diverxentes entre as falas do norte e do sur do Miño.
Portugal, con institucións políticas propias e cunha capital política e cultural, difundiu unha norma idiomática única dentro do territorio do seu estado. O galego, pola súa parte, continuou a súa evolución, e mantivo unhas veces solucións arcaizantes, outras veces solucións innovadoras, e outras desnaturalizouse pola interferencia co castelán.
Aínda que durante os séculos XVI-XVIII o galego segue a ser a lingua oral habitual de case a totalidade da poboación, carecemos de documentos escritos que nos informen da situación e da evolución do idioma e, por esta razón, se coñece este período como os Séculos Escuros. De todos os xeitos, é doado imaxinar que a posición subalterna do galego fose xerando nos galegofalantes un complexo de culpabilidade que acabou cristalizando na alienación lingüística da que aínda se sofren hoxe as consecuencias. Velaí como o advirte xa Sarmiento:
" Acaso será atractivo (un estudo sobre o galego) para que os galegos depoñan o odio que teñen en contra da súa lingua".
No século XVIII o espírito ilustrado e patriótico dalgúns galegos dá os primeiros pasos na recuperación da conciencia idiomática. Figura senlleira desta época é o padre bieito frei Martín Sarmiento (1695 -1779). Unha das preocupacións de Sarmiento foi o coñecemento científico do idioma galego, que recolleu en varios traballos de campo e que estudou en numerosos escritos. O interese filolóxico de Sarmiento polo galego herdouno o frade da mesma orde, frei J. Sobreira (1746-1805).
Outra das preocupacións de Sarmiento foi a situación de marxinación social do galego. En numerosos lugares denuncia que o galego non sexa a lingua da alfabetización, da Administración e da Igrexa, tal como se pode observar nos seguintes textos:
"O catedrático non ha deixar pasar un día sen adquirir unha nova voz galega, ou de viva voz ou por escrito, para aumentar o onomástico galego. En segundo lugar, cada discípulo debe ter o encargado de concorrer cada día con media ducia de voces galegas das que sente, xa de cousas naturais, xa de cousas artificiais. Antes era delito que un estudante galego soltase unha voz galega... Iso no meu sistema ha de ser moi laudable".
"En Santiago hai confesores "lenguaraces" (intérpretes), que saben linguas estranxeiras para confesar os peregrinos (pero non os hai que confesen en galego)". "Xa é hora de acabar co absurdo e desatino de admitir en Galicia por cregos uns lambóns que nin son galegos nin saben unha palabra desa lingua (...). Este asunto é de moita substancia e pide pronto remedio ou en sindo ou en concilio. Se os veciños dun lugar se arrepoñen para non admitir por cura de almas o aventureiro que non é galego nin sabe esa lingua con perfección, non habería tanta broza en Galicia de curas aventureiros".
"O que digo do cura que non entende a lingua dos seus fregueses e dos fregueses que non entenden a lingua do seu cura, poderá aplicarse a outros moitos que teñen que tratar con galegos rústicos sen entenderen ben a súa lingua" "... Uns e outros (deberán aterse) aos inviolables e loables costumes do país, pois un costume establecido inmemorial e que non é malo ten tanta forza como unha lei extemporánea e transitoria, e todos os que non saben nin a lingua galega nin os costumes respectivos son ineptos para os ditos empregos".
