Secretaría Xeral de Política Lingüística

Está vostede en Inicio » VIVIR EN GALEGO

Toponimia

 
A lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, establece que a única forma oficial dos nomes dos lugares (topónimos) de Galicia é a galega. Esa determinación dos nomes oficiais correspóndelle, segundo a mesma lei, á Xunta de Galicia (agás no caso das vías urbanas, que é responsabilidade dos concellos), que estableceu para ese fin unha Comisión de Toponimia.

Nomenclátor e microtoponimia
Publicado no ano 2003, o Nomenclátor supuxo a culminación do proceso de fixación da toponimia oficial, desenvolvido pola Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia durante máis de vinte anos. Pero nun país no que o número de topónimos é altísimo, pola súas particularidades xeográficas, os topónimos menores constitúen un patrimonio de grande interese científico e cultural. Por iso, rematada a fixación de todas as entidades de poboación, a Comisión de Toponimia aborda na actualidade a recollida exhaustiva de toda a microtoponimia viva no Proxecto Toponimia de Galicia.

Textos legais
- Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística. Artigo 10. Establece que a única forma oficial dos topónimos é a galega, que lle corresponde fixar á Xunta e que será a que se utilice de maneira oficial a todos os efectos e na rotulación.

-Decreto 132/1984, do 6 de setembro. Establece o procedemento para a fixación ou recuperación dos topónimos galegos.

- Decreto 174/1998, do 5 de xuño, que modifica outro anterior (43/1984, do 23 de marzo). Regula as funcións e composición da Comisión de Toponimia.

Ademais destes textos legais, o Plan xeral de normalización da lingua galega propón, no sector administrativo, establecer que todos os traballos topográficos e cartográficos que fagan ou encarguen as administracións teñen que levar incorporada a recollida da microtoponimia, consonte o sistema deseñado pola Comisión de Toponimia e que o material toponímico recollido deberá ser remitido ao SITGA, para a súa organización e posta á disposición da sociedade na Rede.

logotipo da Xunta de Galicia\
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia.
Información administrativa e atención ao cidadán  | Suxestións e queixas  | Aviso legal  | Atendémolo/a