Secretaría Xeral de Política Lingüística

Está vostede en Inicio

Volangteers

Se acabas de chegar, acompañámoste na entrada á nosa lingua!

Imaxe acompañamento lingüístico

Volangteer é un proxecto piloto de acompañamento lingüístico para a aprendizaxe do galego destinado a persoas estranxeiras. Trátase dun programa europeo para o fomento de linguas minoritarias desenvolvido simultaneamente en Galicia e en Friesland para a aprendizaxe da lingua galega e do frisón, en cadanseu territorio.

Así, os estudantes estranxeiros que chegan a Galicia, particularmente á Universidade de Santiago de Compostela, poderán introducirse na lingua galega da man de voluntarios dispostos a acompañalos neste cometido. Organizados en parellas de acompañante e aprendiz, os participantes no programa desenvolverán múltiples actividades relacionadas coa cultura e coa lingua de Galicia, para facer máis doada e humana a súa integración.

Ademais das actividades, os participantes conversarán cos seus acompañantes ao longo de oito semanas, para familiarizárense coas palabras e coas estruturas propias da lingua que lles permitirá relacionarse cos demais na súa estadía. Para facilitarlles a tarefa, contarán coa guía de acompañamento lingüístico Falamos!, un material de aprendizaxe específico en galego, en francés e en inglés, deseñado por especialistas e coordinado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. A metodoloxía do proxecto ten como obxectivo prioritario contribuír ao coñecemento da cultura galega e ao desenvolvemento da competencia lingüística en galego, tomando como referencia os contextos comunicativos habituais. Falamos! Guía de acompañamento lingüístico

O proxecto Volangteer prolóngase ata o mes de outubro de 2010, no marco do programa europeo Lifelong time learning que ten como finalidade a promoción e o uso das linguas minoritarias dos distintos estados da Unión Europea.

Este proxecto, coordinado desde a Xunta de Galicia pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, pretende converterse nun exemplo de boas prácticas de aprendizaxe lingüística baseadas no acompañamento de voluntarios a estudantes estranxeiros que estean gozando dunha bolsa Erasmus. Nel participan, ademais da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Universidade de Santiago de Compostela, outros parceiros europeos como AFUK (Algemiene Fryske Underrjotchs Kommisje), de Holanda; GIP (Formation Tout au Long de la Vie), de Francia e IDEC, de Grecia.

 

Guía metodolóxica do proxecto Volangteer

 


 Destacados anteriores

logotipo da Xunta de Galicia\
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia.
Información administrativa e atención ao cidadán  | Suxestións e queixas  | Aviso legal  | Atendémolo/a