Ides ter un bebé? Parabéns! Na Secretaría Xeral de Política Lingüística queremos felicitarvos e acompañarvos neste tempo de espera que se vive con intensidade, meses de ilusión e tamén de preparación para a acollida da criatura que vai vir ao mundo. Tamén vos animamos a que lle faledes ao voso pequeno ou pequena en galego desde hoxe mesmo; a que lle transmitades, unidos, a lingua e o cariño.
Todos estes materiais pertencen ao cartafol Xeración dos Axóuxeres. Esperamos que vos axuden os consellos para este tempo de espera, o repertorio de nomes galegos, as cancións para entoarlle ou os xogos para írdeslle abrindo as portas do mundo ao voso bebé. Se a mamá está xa no terceiro trimestre de xestación, pode pedirlle o material completo á súa matrona, que llo entregará gratuitamente.
Tamén colaboran na distribución do cartafol dos Axóuxeres, ademais das matronas, a Fundación Preescolar na casa e os grupos de apoio á lactación materna, entidades nas que atoparás axuda e acompañamento para esta etapa tan importante.


