O Plan de Ordenación do Litoral ten por obxecto establecer os criterios, principios e normas xerais para a ordenación urbanística da zona litoral baseada en criterios de perdurabilidade e sostibilidade, así como a normativa necesaria para garantir a conservación, protección e posta en valor das zonas costeiras.

Son funcións do Plan de Ordenación do Litoral:

A definición do ámbito litoral Galicia, obxecto de ordenación.

A concreción no ámbito litoral de criterios globais para a ordenación dos usos do solo, a regulación de actividades e a fixación dos criterios xerais de protección do medio litoral.

A protección e conservación dos recursos naturais do litoral, a través do establecemento de criterios para a defensa dos elementos naturais, das praias e, en xeral, da paisaxe litoral.

Establecer un marco básico de referencia para a integración de políticas territoriais e actuacións urbanísticas, tendo en conta a sostibilidade dos recursos naturais do litoral. Dito marco especificará as concrecións necesarias para conseguir a máxima eficiencia e sinerxía do conxunto de actuacións a realizar no litoral, sempre baixo a perspectiva da súa necesaria protección, conservación, mellora e racionalización dos usos que soporta.

Considerar no seu conxunto o litoral como unha entidade espacial claramente individualizada dotada dun alto valor que debe ser debidamente protexido dende unha perspectiva integral, dentro dunha política de desenvolvemento sostible.

Sinalar e delimitar aqueles ecosistemas litorais e costeiros, praias e unidades xeomorfolóxicas e paisaxísticas, cuxas características naturais, actuais ou potenciais, xustifiquen a súa conservación e protección.

Fixar as directrices para a ordenación territorial dos municipios costeiros da Comunidade Autónoma de Galicia. Propiciar a ordenación a gran escala dos usos do solo, dentro das distintas categorías de ordenación que configuran as distintas unidades paisaxísticas.

Elaborar unha normativa particular de aplicación nas distintas categorías que constitúa o marco de ordenación a partir do cal regular e controlar os usos e actividades localizados no litoral, dende a perspectiva da necesaria protección e conservación das súas características e valores naturais.

Lograr unha óptima coordinación de actuacións territoriais e urbanísticas entre as Administracións que operan sobre o litoral e o seu contorno terrestre (Administracións Central, Autonómica e Local) baixo o previo e obrigado respecto ás competencias administrativas de cada parte e dos mecanismos de coordinación en vigor. O Plan de Ordenación do Litoral debe ser un instrumento de desenvolvemento sostible que una os intereses e a xestión das tres administracións e consiga unha posta en valor da costa permitindo un desfrute público da mesma sen degradar o medio.

Constituír a base para a elaboración dun Programa Coordinado de Actuación do espazo litoral e a proposta de actuacións para a conservación e restauración do espazo costeiro. 

  • Obxectivos
  • Obxectivos
  • Obxectivos
  • Obxectivos
  • Obxectivos
 
Xunta de Galicia
2010 © Xunta de Galicia.
Información mantida pola Xunta de Galicia.
Servizo prestado pola Conselleria de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.