Medallas de Galicia

Medallas de Galicia 2007

Medallas de Ouro 2007

Isaac Díaz Pardo

Santiago de Compostela, 1920

Ceramista, escritor, pintor, editor e empresario

Fillo do pintor e histórico galeguista Camilo Díaz, asasinado na Guerra Civil, Díaz Pardo estuda cunha bolsa Belas Artes en Madrid e Italia na posguerra.

É profesor de Belas Artes en Barcelona, e expón as súas pinturas en varias cidades, pero a partir de 1947 comeza a súa obra de ceramista e crea unha empresa no Castro de Samoedo, onde ensaia con materias primas do antigo Sargadelos.

A partir de 1955 instálase na Arxentina onde entra en contacto con Luís Seoane e outros intelectuais galegos exiliados. Alí crea outra industria de cerámica, A Magdalena, e o Laboratorio de Formas, un instituto teórico de deseño á procura da orixe das formas de Galicia.

Ao volver á súa terra, en 1968, impulsa diversas iniciativas artísticas, culturais e empresariais: o Museo Galego de Arte Contemporáneo Carlos Maside, as Galerías Sargadelos, o Seminario de Sargadelos, o Instituto Galego de Información, o Seminario de Estudos Galegos, Edicións do Castro… que o converten nunha eminente referencia intelectual, empresarial, social e cultural de Galicia.

Isaac Díaz Pardo -autor tamén de varios libros de literatura, historia e arte- foi distinguido, ademais de coa Medalla de Ouro de Galicia, coa Medalla de Ouro ao Mérito das Belas Artes de España e cos doutoramentos honoris causa das universidades de Santiago e A Coruña, entre outras condecoracións.

Discursos