Esta iniciativa está enmarcada no Plan de Seguridade Viaria 2011- 2015, concretamente na campaña “Faite Ver”, e pretende concienciar aos cidadáns da importancia de ser vistos nos entornos urbanos e interurbanos
A utilización destes chalecos por parte dos usuarios pretende, sobre todo, diminuír o número de atropelos na rede viaria galega
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas investiu nestes dous últimos anos preto de 122 millóns de euros en actuacións en materia de seguridade e conservación das estradas de titularidade autonómica
Santiago, 7 de maio de 2013.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a licitación do contrato para o subministro de chalecos reflectantes, acción enmarcada no Plan de Seguridade Viaria 2011-2015.
Este subministro de chalecos forma parte da campaña “Faite Ver”, dirixida a todo tipo de usuarios: condutores de vehículo privado, condutores profesionais, ciclistas, persoas maiores. Esta iniciativa pretende concienciar aos usuarios sobre a importancia de ser vistos nos entornos urbanos e interurbanos, polo que se procederá ao reparto de preto de 20.000 chalecos reflectantes en colaboración coa Dirección General de Tráfico (DGT).
Cómpre sinalar que a maior porcentaxe de accións do Plan de Seguridade Viaria (37%) están relacionadas co obxectivo de conseguir condutas viarias seguras, tratando de garantir a sensibilización, concienciación e respeto por parte dos usuarios.
O conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, sinalou a pasada semana durante a primeira reunión da Comisión de Seguimento do citado plan que no período 2008- 2012 o número de vítimas mortais nas estradas de titularidade autonómica descenderon preto do 43%. O Goberno galego continúa a traballar neste obxectivo de reducir a sinistralidade e os falecidos na rede viaria galega, polo que se poñen en marcha iniciativas como o reparto de chalecos reflectantes. A utilización destes chalecos por parte dos usuarios pretende, sobre todo, diminuír o número de atropelos na rede viaria galega e, en definitiva, camiñar de forma segura.
O Plan de Seguridade Viaria contempla 7 obxectivos estratéxicos que requiren o desenvolvemento dun total de 83 accións para minimizar as cifras de sinistralidade na rede viaria galega. Estas liñas básicas son:
• Promover contornos urbanos seguros e mellorar o transporte público
• Conseguir condutas viaria seguras
• Mellorar a seguridade da estrada
• Protexer aos usuarios vulnerables
• Aumentar a investigación en materia de seguridade viaria
• Dar apoio ás vítimas
• Mellorar a colaboración entre administracións
Conservación e seguridade
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas investiu nestes dous últimos anos preto de 122 millóns de euros en actuacións en materia de seguridade e conservación das estradas de titularidade autonómica.
A Axencia Galega de Infraestruturas xa actuou en 30 tramos de concentración de accidentes (TCA) e instalou 44,6 km de sistemas de contención para motoristas.
O departamento que dirixe Agustín Hernández, no marco do obxectivo de mellorar a seguridade nas estradas, puxo en servizo preto de 60 km de vías de altas prestacións (VAP) entre 2011 e 2012. Neste mesmo período tamén se traballou en case 75 km de estradas con obras de adaptación de estradas ao plan de baixa Intensidade Media Diaria (IMD).
O funcionamento do Plan de Transporte Metropolitano nas áreas de Santiago, Lugo, Ferrol e A Coruña supuxo preto de 25 millóns de desprazamentos menos nas estradas en vehículo privado.