Xunta de Galicia

Inicio

Galicia acollerá a presentación do proxecto europeo que garante a atención a persoas con discapacidade no 112

O conselleiro de Presidencia reuniuse hoxe co responsable da Asociación do Número de Emerxencias Europeo, encargado da divulgación do proxecto

Santiago congregará arredor de 200 profesionais do sector dos servizos de emerxencias implicados na accesibilidade dos discapacitados co 112

  • O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, recibiu ao director executivo de EENA, Gary Machado
    Autor: Conchi Paz
  • O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, recibiu ao director executivo de EENA, Gary Machado
    Autor: Conchi Paz
  • O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, recibiu ao director executivo de EENA, Gary Machado
    Autor: Conchi Paz

Santiago, 1 de decembro de 2011.- Santiago de Compostela acollerá a mediados do ano que vén a presentación final do proxecto europeo REACH 112, unha iniciativa pioneira na que Galicia participa como socia a través da Xunta e que ten por obxectivo facilitar que os usuarios con discapacidades auditivas e da fala poidan acceder directamente ao número único de emerxencias 112.

Así o anunciou esta mañá o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, tras manter un encontro co director executivo da Asociación do Número de Emerxencias Europeo (EENA), Gary Machado, para abordar a organización e coordinación xunto coa Axencia Galega de Emerxencias -anfitrioa das xornadas- de todo o referente á realización do evento.

Despois de tres anos de traballo o proxecto rematará coa súa presentación final en Santiago de Compostela os vindeiros 19 e 20 de xuño de 2012. Neste evento, baixo o lema ‘Accesibilidade aos servizos de emerxencia e a seguinte xeración de servizos de emerxencia’, a capital galega congregará arredor duns 200 profesionais do sector dos servizos de emerxencias implicados na accesibilidade dos discapacitados co 112.

A socia europea EENA é a organización encargada de toda a labor de divulgación dos avances logrados nesta iniciativa europea, o que inclúe, entre outras actividades, a realización de simposios e debates. Por este motivo, ademais do encontro co conselleiro e o director xeral de Emerxencias -Santiago Villanueva-, Machado aproveitará a súa visita a Galicia para coñecer as instalacións do 112 Galicia e da Escola Galega de Administración Pública (Egap), onde se celebrará o evento.

Igualdade de condicións perante as emerxencias
A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), participa no proxecto europeo REACH 112, “Responding to All Citizens needing Help”/ Resposta a todos os cidadáns que precisan axuda”, un programa pioneiro que garantirá a atención en caso de emerxencias ás persoas con minusvalías e discapacidades auditivas e de fala.

Coa súa participación no proxecto, Galicia convértese na primeira Comunidade Autónoma española en dar resposta ás emerxencias para todas aquelas persoas con este tipo de discapacidades; que ata o de agora non podían -agás a intervención de terceiros- comunicar e solicitar resposta as situacións de emerxencias nas que se viran afectadas.

Conseguirase así garantir que as persoas discapacitadas poidan directamente acceder ao 112 en igualdade de condicións que o resto dos cidadáns, avanzando así decididamente no camiño da súa plena integración.

Así, o REACH 112 achega solucións para comunicarse en calquera situación, ben a través de comunicación escrita, linguaxe de signos, lectura de beizos, con voz ou con calquera combinación simultánea dos citados modelos baixo o concepto de comunicación total.

Neste sentido, proporciónanse dispositivos especialmente adaptados en fogares, lugares de traballo e desprazamentos, que conectarán aos usuarios simultaneamente a través de vídeo, son e texto. Con esta iniciativa lidérase a mellora de comunicacións entre os cidadáns, en particular daqueles con algún tipo de discapacidade, ademais da accesibilidade e o tratamento de chamadas dos servizos de emerxencias de toda a Unión Europea.

Galicia, exemplo de Europa
Para participar nesta iniciativa pioneira, o CAE 112 foi escollido xunto con outras tres centros de emerxencias de entre todos os existentes en Europa. O motivo da selección do centro galego foi a súa evolución, desenrolo e experiencia na xestión de emerxencias nun territorio singularizado polas súas condicións orográficas e de dispersión poboacional, o que constitúe un interesante campo de proba para este novidoso sistema de resposta total do que se extraerán importantes consecuencias para a súa implantación no resto de Europa.

Esta iniciativa internacional é un proxecto a tres anos (xullo 2009-xuño 2012) cun orzamento de 8,8 millóns de euros, financiado nun 50 por cento pola Unión Europea e no que participan 22 socios de toda Europa, incluíndo organizacións de usuarios e as principais compañías mundiais de telecomunicacións. No caso español, ademais da AXEGA, participan como socios do proxecto as empresas Siemens e Sertel.
 

Compártao :