Xunta de Galicia

Inicio

Galicia presta asistencia a todos os pacientes cumprindo coa legalidade, evitando a descobertura dos parados de longa duración ata o 1 de xaneiro pola falla de medidas do Goberno do Estado

O establecemento do código 29 administrativo garante a mesma tarxeta sanitaria e as mesmas prestacións da carteira de servizos do Sergas; e non diferencia entre desempregados con o sen recursos

Conmútase de maneira automática ás persoas ás que a Seguridade Social dá de baixa sen necesidade de que estas teñan que facer ningunha tramitación adicional

Santiago, 14 de decembro de 2011.- A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas Abadía, reiterou hoxe no Parlamento que o Servizo Galego de Saúde garante a continuidade asistencial a todos os pacientes cumprindo coa legalidade vixente, ao tempo que evita a posible descobertura dos parados de longa duración motivada pola falla de adopción de medidas por parte do Executivo estatal.

Para isto, explicou, estableceuse un procedemento administrativo -o código 29- de xeito que ás persoas ás que a Seguridade Social dá de baixa, automaticamente a Xunta as dá de alta para que sigan tendo a cobertura completa da carteira de servizos da sanidade pública de Galicia continuando coa mesma tarxeta sanitaria, dispositivo que só deben solicitar cambiar se desexan facer modificacións relativas a lugar de residencia, cambio de médico ou para ser beneficiario doutro usuario, como calquera outro paciente do sistema. Isto evita que os desempregados de longa duración teñan que declararse como persoas sen recursos e lles garante a mesma tarxeta sanitaria e as mesmas prestacións.

A publicación da Orde do 5 de setembro, afirmou, cambia a diferenciación entre desempregados e persoas sen recursos (PSR), de xeito que esta última denominación estea reservada só as persoas que realmente cumpren o requisito, e os parados de longa duración teñan o seu propio código administrativo mantendo a mesma tarxeta que xa teñen.

Simplificación dos trámites
Segundo dixo, a adscrición a este código ten unha duración de dous anos, prorrogables cada dous anos, para evitar trámites de altas e baixas nos traballadores temporais, como sucedía ata o de agora. Ademais, a Orde publicada pola Consellería de Sanidade en setembro habilita á propia Administración para actuar de oficio.

Isto permite conmutar ao código 29 de maneira automática aos parados aos que a Seguridade Social do Goberno de España dá de baixa, sen necesidade de que estes teñan que facer ningunha tramitación adicional; sen menoscabo do dereito dos usuarios que desexen cambiar polo seu interese a situación de beneficiario dun familiar.

“Polo tanto, Galicia garante, garantiu e garantirá a asistencia aos galegos en paro aos que o Goberno de España non lla garante e dá de baixa na Seguridade Social”, asegurou.

Farjas recordou que o Executivo central indica que a asistencia sanitaria non é universal: “Só é universal con matices, porque así o estipula o Goberno de España e o Instituto Nacional da Seguridade Social, que incomprensiblemente, segue a ser quen autoriza as coberturas”, observou.

Así, sinalou que é a Seguridade Social quen recoñece o dereito á asistencia sanitaria e non os servizos de saúde autonómicos, algo que, lembrou, admitiron tanto o secretario de Estado de Seguridade Social como o secretario xeral do Ministerio de Sanidade. Explicou tamén que o nivel de paro actual ten provocado a perda do dereito de moitas persoas por ter esgotada a prestación por desemprego, e que as CCAA están a facer o posible por solventar a situación. Neste sentido, sinalou que a Lei 33/2011 Xeral de Saúde Pública -recentemente aprobada polas Cortes nacionais- remite a cobertura dos desempregados de larga duración que teñan perdido o subsidio por desemprego a xaneiro de 2012.

Ademais, esta lei non estende o dereito a todas as persoas que residen en territorio español, senón a todos os españois residentes en territorio nacional aos que non puidera serlles recoñecido o dereito por calquera outra norma; e regula que esta extensión se fai sen prexuízo da esixencia das correspondentes obrigas a aqueles terceiros legalmente obrigados ao pago. No que respecta a outros colectivos, a norma remite a unha regulación que deberá establecerse en seis meses, pero atendendo á situación das contas públicas.

Recoñecemento da asistencia sanitaria
No que atinxe á cobertura das persoas sen recursos, esta está regulada por un Real Decreto do ano 1988 e a súa orde de desenvolvemento do ano 1989, e aínda que estes son anteriores ás transferencias ás Comunidades históricas seguen estando en vigor. Nestas normas estatais, resaltou, o criterio para o recoñecemento tamén é que a persoa solicitante sexa de nacionalidade española e con residencia en España.

Segundo explicou, dende 2004 a Seguridade Social obrigaba aos desempregados que perderan o dereito ao subsidio por desemprego a declararse como PSR ou a ser beneficiarios dun familiar con dereito á asistencia. “Polo tanto, a perda do dereito á asistencia sanitaria por esgotamento do desemprego tamén se estivo a producir na anterior lexislatura pero se ve que, como noutras cosas, os responsables nin se enteraron ou, simplemente, estaban preocupados por outra cosa”, observou Farjas, indicando que Galicia xa solucionou esta situación para que os galegos aos que afectaba poidan disfrutar da súa sanidade.
 

Tema: Sanidade

Compártao :