Xunta de Galicia

Inicio

O novo plan 2012-2016 dota a Galicia dun sistema estatístico acorde aos códigos internacionais de boas prácticas: calidade, confidencialidade, imparcialidade e obxectividade

A conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, presidiu o Pleno do Consello Galego de Estatística

A Lei do Plan incorpora no Consello Galego de Estatística aos grupos parlamentarios para que contribúan de forma directa á elaboración das normativas

O Plan 2012-2016 consolidará e ampliará os logros do anterior e permitirá un aforro de máis de 2 millóns, ao dispor todas as consellerías de órganos estatísticos propios

Prevé a posta en marcha dunha plataforma informática con toda a organización estatística que permitirá intensificar a coordinación interna do sistema

Incorpora novas actuacións informativas, incrementando ata 130 as metas de información e a 89 as actividades consolidadas

  • Marta Fernández Currás presidiu a celebración do Pleno do Consello Galego de Estatística
    Autor: Ana Varela
  • Marta Fernández Currás presidiu a celebración do Pleno do Consello Galego de Estatística
    Autor: Ana Varela
  • Marta Fernández Currás presidiu a celebración do Pleno do Consello Galego de Estatística
    Autor: Ana Varela
  • Marta Fernández Currás presidiu a celebración do Pleno do Consello Galego de Estatística
    Autor: Ana Varela

Santiago, 16 de decembro de 2011- O novo Plan Galego de Estatística (PGE) 2012-2016 “coloca a Galicia entre o reducido número de Comunidades Autónomas dotadas dun sistema estatístico acorde cos códigos internacionais de boas prácticas como son a independencia profesional, o mandato xurídico para a recollida de datos, o compromiso de calidade, a confidencialidade, imparcialidade e a obxectividade”.

Así o expuxo hoxe a conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, que presidiu a celebración do Pleno do Consello Galego de Estatística, no que entre outros temas, salienta a presentación do proxecto de decreto do Programa anual 2012, primeiro que desenvolve a Lei do PGE 2012-2016.

Durante a súa intervención, Fernández Currás sinalou que unha das novidades máis salientables é que a nova lei incorpora no Consello Galego de Estatística a representantes dos grupos parlamentarios, para que “poidan contribuír directamente na elaboración dos proxectos e anteproxectos normativos en materia estatística, así como noutras actividades do Consello, xa que este é unha peza fundamental no proceso”.

Novo marco legal de consolidación
Segundo explicou a titular de Facenda, o Plan Galego de Estatística 2012-2016 “supón un novo marco legal que consolidará e ampliará os logros do anterior”. Así, incorpora novas actuacións informativas, incrementando ata 130 as metas de información e a 89 as actividades consolidadas.

Ademais, tamén potencia o uso estatístico da información administrativa, incrementa as esixencias de visibilidade e transparencia, reforza os mecanismos de avaliación e incorpora aos programas estatísticos a información que precisen os instrumentos de planificación.

O novo plan permitirá tamén un aforro de algo máis de dous millóns de euros respecto do actual, xa que a designación dos órganos estatísticos de todas as consellerías do Executivo autonómico mellorará a eficiencia e o cumprimento dos obxectivos marcados, así como a coordinación interna do sistema.

Esta coordinación verase intensificada coa harmonización das páxinas web do Instituto Galego de Estatística (IGE) dependente da Consellería de Facenda, e dos distintos departamento autonómicos e coa posterior posta en marcha dunha plataforma informática como punto de encontro de toda a organización estatística.

Por outra banda, Marta Fernández Currás explicou que outro obxectivo prioritario é a formación dos empregados públicos implicados na produción estatística. Por este motivo, o IGE orientará a súa oferta ordinaria de cursos para preferentemente ai persoal das consellerías. Así, destacou a aposta da Xunta por dotar á Administración de persoal especializados, e sinalou que “os principios de obxectividade, metodoloxía sólida e independencia profesional, están directamente vencellados con esta política de persoal”.

Finalmente, a conselleira fixo alusión á transparencia e á obrigatoriedade de difundir os resultados nos prazos programados. “Progresar na accesibilidade e claridade da información é unha das recomendacións no novo plan”, afirmou. “O IGE e as consellerías deberán coordinar os seus esforzos para aumentar a visibilidade da estatística oficial”, apuntou. Neste sentido, dixo que un primeiro paso nesta dirección será a proposta de presentación na web do IGE dos calendarios de difusión de todos os departamentos.
 

Tema: Facenda

Compártao :