A conselleira de Facenda reuniuse con representantes de CIG, CC.OO, UGT e CSIF para abordar iniciativas que se teñen tomado noutras autonomías
Elena Muñoz Fonteriz pediulles responsabilidade para chegar a un acordo sobre medidas razoables e necesarias para poder seguir blindando os servizos básicos
Galicia será unha das dúas únicas comunidades en suspender o complemento dos ex altos cargos
A Xunta manterá o pago desde o primeiro día o complemento no caso de incapacidade temporal por accidente de traballo, enfermidade profesional e maternidade
Tamén manterá unha axuda social de ata 180 euros por discapacitado
As medidas, que se aprobarán nas vindeiras semanas, afectarán a toda a Administración autonómica
Santiago, 3 de febreiro de 2012.- A conselleira de Facenda, Elena Muñoz Fonteriz, trasladoulles hoxe aos representantes sindicais que a Xunta de Galicia manterá as retribucións dos empregados públicos, a pesar de que outras administracións as teñen baixado debido á crise económica, e propúxolles unha batería de medidas de eficiencia na función pública que xa se teñen tomado noutras autonomías. O aforro estimado é duns 80 millóns de euros ao ano.
No seus encontros con responsables de CIG, CC.OO., UGT e CSIF, Elena Muñoz Fonteriz reclamoulles comprensión e responsabilidade para poder chegar a un acordo sobre unhas medidas que cualificou de reflexionadas, razoables e necesarias para que o Goberno galego poida seguir blindando os servizos básicos, tal e como leva facendo nos últimos tres anos. Engadiu que son actuacións que non terán repercusión na prestación do servizo e que se formulan para evitar ter que facer axustes neste momento.
A titular de Facenda explicou nestas reunións que o obxectivo é axeitar as condicións na administración autonómica á situación económica actual e asegurou que as iniciativas que se barallan terán igual ou menor intensidade que nas comunidades onde xa están implantadas.
Muñoz Fonteriz transmitiulles aos representantes dos traballadores que os funcionarios ex altos cargos serán os primeiros en asumir estas medidas, xa que Galicia será unha das dúas únicas comunidades en suspender o complemento dos ex altos cargos, que sirve para igualalo ao valor do complemento de destino ou concepto equivalente que a Lei de Orzamentos Xerais do Estado fixe para os directores xerais, polo que este colectivo si verá diminuídos os seus ingresos.
Ademais, a Xunta prevé manter o complemento por incapacidade temporal desde o primeiro día de baixa ata o esgotamento do máximo legal nos casos de accidente de traballo, enfermidade profesional e maternidade. Nos demais supostos, a Seguridade Social aboará o 60% desde o cuarto día e a Xunta a partir do día 21 ata acadar o 100% das retribucións. En canto a axudas de acción social, manterase o pago de ata 180 euros mensuais por cada discapacitado.
O Goberno galego formula unha modificación para que a xubilación forzosa do persoal funcionarios se declare de oficio ao cumprir a persoa a idade legalmente establecida, algo que non será de aplicación a quen teña normas específicas de xubilación. A pesar disto, o persoal funcionario de carreira poderá solicitar a prolongación da permanencia na situación de servizo activo ata o cumprimento da idade máxima legalmente establecida, que se concederá, de ser o caso, por períodos dun ano renovables anualmente. A aceptación ou denegación dependerá de razóns organizativas, avaliación do desempeño da súa actividade e capacidade psicofísica do solicitante.
En canto aos días de libre disposición, poderá dispoñerse dos días ano que estableza a lexislación básica do Estado, como máximo, de permiso para asuntos persoais sen xustificación, atendendo sempre ás necesidades do servizo. Respecto ao horario, a xornada ordinaria para todo o sector público autonómico non será inferior ás 37 horas e 30 minutos.
Por outra banda, o persoal funcionario de carreira e o persoal laboral fixo poderá de forma voluntaria solicitar a redución da súa xornada, cunha diminución proporcional de retribucións, cun límite máximo do 33% da xornada efectiva. Igualmente o Consello da Xunta poderá acordar a redución de xornada do persoal interino ou temporal, tamén cun tope do 33%.
Unha vez coñecidas estas propostos, que afectará a toda a Administración autonómica, os sindicatos analizaranas co obxectivo de que poidan ser aprobadas polo Goberno galego nas vindeiras semanas. Elena Muñoz concluíu que agarda que Xunta e representantes dos traballadores sexan capaces de chegar a un acordo e que os sindicatos sigan actuando coa responsabilidade que xa teñen demostrado.