Xunta de Galicia

Inicio

Rosa Quintana destaca a riqueza forestal de Galicia como xeradora de rendas complementarias no rural

A conselleira do Medio Rural e do Mar participou esta tarde en Lugo na entrega do premio Aresa de Desenvolvemento Rural á Sociedade Agraria de Transformación Montes de Trabada

A nosa Comunidade érguese como indiscutible primeira potencia forestal de España e unha das máis importantes de Europa

Lugo, 3 de febreiro de 2012.- A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, puxo en valor a importancia do sector forestal para Galicia, como xerador de rendas complementarias no rural, e o lugar esencial que ocupa a nosa Comunidade nesta materia, xa que se ergue como primeira potencia forestal de España e unha das máis importantes de Europa. Así o expuxo Rosa Quintana na entrega do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural á Sociedade Agraria de Transformación Montes de Trabada, acto que tivo lugar na Facultade de Veterinaria de Lugo.

Na súa intervención, a titular de Medio Rural e do Mar salientou a importancia e necesidade dunha xestión axeitada para poder conxugar “a rendibilidade económica coa sostibilidade social e ambiental dos nosos montes”. Así, engadiu, “é preciso converter as posibilidades que nos ofrecen os nosos montes en oportunidades de traballo” co fin de promover a xeración de riqueza e a “mellora da calidade de vida da poboación que vive no rural”.

SAT Montes de Trabada
A Sociedade Agraria de Transformación Montes de Trabada, creada ano 2004 e presidida actualmente por Daniel Villapol, agrupa un total de 327 propietarios e 1.157 hectáreas efectivas nos montes do municipio lugués de Trabada. Esta iniciativa logrou converter, tras diversas concentracións parcelarias, 7.338 minifundios en 513 fincas, facéndoas máis produtivas.

Esta sociedade desenvolveu ao longo destes anos un importante traballo en materia de explotación forestal, mérito que tivo moi en conta o xurado desta edición e que definiu esta xestión conxunta da superficie como factor fundamental que facilita o traballo mecanizado e incrementa sensiblemente a rendibilidade económica.

Premio Aresa
O premio Aresa foi creado pola empresa luguesa homónima, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, co obxectivo de premiar o traballo levado a cabo por unha persoa ou entidade en materia de mellora do ámbito rural de Galicia. Deste xeito, preténdese incentivar os ámbitos agrícola e gandeiro, así como prestarlle especial atención á sostibilidade dos recursos naturais e o respecto á natureza.
 

Compártao :