Xunta de Galicia

Inicio

Traballo ten acreditado profesionalmente a experiencia laboral e a formación de máis de 4.000 persoas no eido sociosanitario

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, clausurou hoxe o acto de entrega de diplomas ás 800 participantes da primeira edición da convocatoria de recoñecemento da experiencia profesional neste colectivo

Os certificados de profesionalidade expedidos equivalen a un título oficial e teñen validez en todo o Estado

Poden acadarse a través de dúas vías: o recoñecemento da experiencia profesional; ou ben a través da realización de cursos de formación certificable

Esta iniciativa é froito dun dos primeiros acordos do diálogo social e a súa execución supuxo que Galicia se convertera nunha das comunidades pioneiras en desenvolver este procedemento

Actualmente, xa está en marcha unha nova convocatoria de recoñecemento da experiencia laboral para este ano que permitirá acreditar outras 2.000 persoas máis

Vídeo coas declaracións da conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato
  • Beatriz Mato na entrega de certificados
    Autor: Xoán Crespo
  • Beatriz Mato na entrega de certificados
    Autor: Xoán Crespo
  • Beatriz Mato na entrega de certificados
    Autor: Xoán Crespo
  • Beatriz Mato na entrega de certificados
    Autor: Xoán Crespo

Santiago, 7 de febreiro de 2012.- A Consellería de Traballo e Benestar ten acreditado oficialmente a experiencia laboral e a formación de máis de 4.000 persoas no eido sociosanitario, tanto na atención domiciliaria como en institucións. Estes certificados, que equivalen a un título oficial e teñen validez en todo o Estado, poden acadarse a través de dúas vías: o recoñecemento da experiencia profesional desenvolvida ata o momento; ou ben a través da realización de cursos de formación certificable.

Así o salientou hoxe a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, durante a clausura do acto de entrega dos diplomas ás 800 participantes da primeira edición da convocatoria de recoñecemento da experiencia profesional. Estas persoas súmanse así ás máis de 3.000 que xa acadaron a súa certificación cos cursos de formación.

No transcurso do acto, a titular do departamento autonómico adiantou tamén que xa está en marcha unha nova convocatoria de recoñecemento da experiencia profesional, que beneficiará este ano a máis de 2.000 persoas.

“Con esta acreditación, pretendemos abrir portas e oportunidades no mercado laboral a un colectivo moi importante de persoas, a maioría delas mulleres, nun sector que ten boas expectativas de emprego: o da atención ás persoas con dependencia”, subliñou Mato.

Neste sentido, lembrou que tamén que hai un prazo establecido para garantir a profesionalización do sector: o ano 2015. Isto é, “sexa a través de formación, sexa a través de recoñecemento da experiencia, todas as persoas que vaian desempeñar o seu labor neste ámbito terán que demostrar a súa cualificación”.

Esta aposta pola acreditación e a “excelencia” na atención radica nun dos primeiros 29 acordos acadados no seo do diálogo social. De feito, grazas a esta iniciativa, Galicia converteuse nunha das comunidades autónomas pioneiras á hora de desenvolver o procedemento de recoñecemento da competencia profesional obtida a través da experiencia laboral.

Neste sentido, a conselleira considerou que “non podemos desaproveitar a importantísima experiencia de milleiros de persoas que teñen dedicado tempo e esforzo ao coidado de persoas con dependencia”, porque supón, ademais, “un recoñecemento a un traballo moi sacrificado e que require dunha importantísima entrega persoal, que merece saír do anonimato para ser recoñecido e agradecido por toda a sociedade”.

Hai que salientar, tamén, que a acreditación profesional –ben a través da experiencia, ben a través da formación- é un dos procedementos que forma parte do Plan sociolaboral da Consellería de Traballo e Benestar que pretende actuar en “dúas vías paralelas”: a mellora dos servizos en cantidade e calidade, un aspecto que se está acadando co incremento de prazas en todos os ámbitos sociais, así como na posta en marcha de normativas que garantan un estándar de calidade; e, por outra banda, porque estas melloras van requirir de perfís profesionais determinados que traballen nestes novos centros.

 

Compártao :