Xunta de Galicia

Inicio

Economía e Industria impulsa a competitividade do comercio galego cun portal de venda on line

A Consellería colabora coa Federación Galega de Comercio para a posta en marcha da web comerciogalicia.es, que permitirá aos establecementos contar cunha plataforma conxunta para a venda en internet

Guerra salienta que a iniciativa posibilitará aos empresarios do sector “abrirse a novos mercados e ofrecer novos e mellores servizos aos seus clientes”

A través desta páxina ofrécense sistemas de envío e de pagos unificados, permitindo mercar en distintas tendas cunha soa transacción económica

O proxecto enmárcase na colaboración permanente para a dinamización do sector da Consellería coa Federación, á que se destinaron tres millóns de euros no que vai de lexislatura

Declaracións do conselleiro Javier Guerra
  • O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, na presentación do novo portal electrónico do comercio galego
    Autor: Xoán Crespo
  • O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, na presentación do novo portal electrónico do comercio galego
    Autor: Xoán Crespo
  • O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, tras a presentación do novo portal electrónico do comercio galego
    Autor: Xoán Crespo

Santiago, 6 de febreiro de 2012.- A Consellería de Economía e Industria e a Federación Galega de Comercio presentaron esta mañá o portal de comercio electrónico comerciogalicia.es, unha plataforma que permitirá ao sector ofrecer un escaparate conxunto para a venda a través de internet. O portal, que será xestionado pola Federación Galega de Comercio, conta cun deseño atractivo e sinxelo, e ofrece servizos de envío e de pagos unificados, así como vantaxes como a venda por lotes, permitindo mercar en distintas tendas cunha soa transacción económica.

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, salientou que a posta en marcha de comerciogalicia.es permite aos comerciantes galegos “abrirse a novos mercados, conseguir clientes para os seus negocios e ofrecer novos e mellores servizos aos consumidores que xa confían neles día a día, combinando a súa actividade comercial tradicional coa venda a través de internet”.

O titular de Economía e Industria, quen asegurou que “con iniciativas coma esta conseguimos un sector comercial máis competitivo e dinámico”, lembrou que “o impulso á modernización e dinamización do comercio de proximidade é un dos eixos estratéxicos da actuación da Consellería”. Guerra lembrou que “Economía e Industria traballa man a man co sector dotándoo das ferramentas e apoios necesarios, como o Plan Ágora- Agora recomercia, onde se plasma a estratexia comercial da Xunta, ou co desenvolvemento da Lei de Comercio Interior de Galicia”.

A posta en marcha desta web, para a que agora comeza o proceso de captación de establecementos, enmárcase na constante colaboración para o impulso ao sector da Consellería de Economía e Industria coa Federación, á que se levan destinado tres millóns de euros no que vai de lexislatura.

O conselleiro, quen salientou que o fomento do asociacionismo é fundamental para contar cun sector cada día máis forte, recordou que grazas á colaboración entre ambas entidades “se puxeron en marcha numerosas inciativas centradas na información, a formación e a promoción do comercio de proximidade”.

Entre estas iniciativas destacan o mantemento do Gabinete de Asistencia da Federación Galega de Comercio, destinado a asesorar ás asociacións de comerciantes, a posta en marcha da campaña de dinamización do consumo As compras na túa vila teñen premio ou a reactivación da campaña de formación en inglés.
 

Compártao :