Madrid, 7 de febreiro de 2012. - Presentación do libro "Cociñar para 2. Receitas irresistibles", de Belén Otero Iglesias, publicado por Pigmalión Ediciones. No acto interviñeron ademais da autora; o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega López, Marta González Novo, xornalista da Cadea SER, directora do programa Hoy por hoy Madrid, e prologuista do libro; Sacha Hormaechea, gourmetista, fotógrafo e autor do epílogo da publicación; Rosana Domínguez, bloggera e directora de operacións en Cocina.es e Basilio Rodríguez Cañada, editor e escritor.
O delegado pronunciou unhas palabras de benvida ás preto de duascentas persoas que acudiron ao acto e agradeceu aos integrantes da mesa "que elixisen esta Casa para que esta nova obra vexa a luz. Un novo libro é sempre motivo de satisfacción e se é de gastronomía... pois xa non hai nada que engadir".
Basilio Rodríguez Cañada, comentou que "con este libro a editorial inicia unha nova colección, Pigmalión ao dente, que supón unha nova aposta empresarial ".
A xornalista Marta González Novo recordou que "Belén, cumpre as características da xente galega, con forza, emprendedora, traballadora e capaz de loitar polo que quere.Tiña un soño e aquí está, materializado neste libro,".
Para o popular cociñeiro e comunicador, tamén galego, Sacha Hormaechea, "a Belén hai que agradecerlle que pensase en que cociñar para dous é facer feliz ao teu ámbito inmediato e iso, nos tempos que corren, pois tamén dous merecen ser felices".
A bloggera Rosana Domínguez, sinalou que "Belén é tan riquiña como as súas receitas e con esta obra énchese un espazo para satisfacer ás persoas que aínda desexan tocar e sentir as receitas en papel de toda a vida, porque hai demanda para todos".
Pola súa banda, a autora, tras os agradecementos, contou cómo se naceu a obra. Cando se independizou en 2004, na Coruña, acudiu á casa da súa avoa a pedirlle as súas receitas, que incluían aquilo de "un pouquiño disto, unha pizquiña do outro... o normal en persoas que xa saben cociñar, que non era o meu caso. Empecei cun caderno e facendo fotos do resultado. Cociñar para dous é unha doada solución para non renunciar a unha boa comida porque a cantidade sexa pequena. Tamén dous merecen comer ben".
Belén Otero Iglesias, ademais da autora, é licenciada en Dereito, Máster en Bolsa no I.E.B. (Instituto de Estudos Bolsistas) e é tamén directora dunha entidade de crédito de Madrid.