Xunta de Galicia

Inicio

O 92% da auga das zonas de baño en Galicia teñen unha calidade axeitada

O 70,7% dos puntos de mostraxe obtivo unha cualificación excelente

A vixilancia e control sanitario tivo lugar no 100% das zonas de baño censadas e o cumprimento do programa foi axeitado cun índice de produción de mostraxes do 99,8%

O director xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública salientou “unha mellora na calidade das augas respecto ao ano pasado” ao aumentar o número de zonas de baño que acadan a mellor cualificación

Declaracións do director xeral
  • Presentación dos datos do programa de vixilancia
    Autor: Xoán Crespo
  • Presentación dos datos do programa de vixilancia
    Autor: Xoán Crespo
  • Presentación dos datos do programa de vixilancia
    Autor: Xoán Crespo

Santiago, 8 de febreiro de 2012.- O director xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, Manuel Varela Rey, presentou hoxe os resultados do Programa de vixilancia sanitaria das zonas de baño, das que destacou que o 92% teñen unha calidade axeitada, e o 70,7% excelente.

Así, no censo oficial da tempada 2011 figuran un total de 499 zonas de baño con 519 puntos de mostraxe que se atopan en 118 concellos da Comunidade Autónoma galega. Este censo aumentou en 2 zonas de baño e puntos de mostraxe respecto á tempada 2010.

Dos 519 puntos de mostraxe das zonas de baño, o 70,7% obtivo unha cualificación sanitaria excelente; o 13,1% resultou de cualificación sanitaria boa; o 8% foi cualificada como suficiente; e só o 8,2% das augas resultaron de calidade insuficiente.

Neste eido, Manuel Varela explicou que segundo a lexislación vixente, “as autoridades competentes aplicarán as medidas necesarias para que, a finais de 2015, todas as augas de baño sexan de calidade ao menos suficiente”. Desta forma ínstase aos concellos nos que se atopan esas zonas de baño con cualificación sanitaria insuficiente a “adoptar as medidas oportunas para mellorar a calidade sanitaria da auga de baño”.

A vixilancia e control sanitario tivo lugar no 100% das zonas de baño censadas e o cumprimento do programa foi axeitado cun índice de produción de mostraxes do 99,8%.

Doutra banda, o director de Innovación e Xestión da Saúde Pública salientou “unha mellora na calidade das augas respecto ao ano pasado” ao aumentar o número de zonas de baño que acadan a mellor cualificación.

Metodoloxía
Co fin de minimizar os riscos de contraer algunha enfermidade ao bañarse nas augas marítimas ou continentais da Comunidade Autónoma vixíanse e cualifícanse as augas das zonas de baño censadas; identifícanse as verteduras que poidan supoñer unha deterioración da salubridade das zonas de baño; facilítase que todos os usuarios dispoñan de información sobre a calidade microbiolóxica das augas durante a tempada de baño; e infórmase ás entidades con responsabilidade na súa xestión sobre as súas condicións.

Neste sentido, no Programa defínense as augas de baño como aquelas onde se prevexa que poidan bañarse un número importante de persoas ou exista unha actividade próxima relacionada directamente co baño e no que non exista unha prohibición permanente de baño e onde non exista perigo para o público.

Segundo explicou Manuel Varela, decláranse zonas de baño aquelas das que -previa solicitude dos concellos- a Consellería de Sanidade comproba que cumpren os requisitos. As marítimas son aquelas ribeiras do mar e das rías, formadas por areais ou pedregais, cunha superficie case plana e vexetación nula ou escasa. Pola súa banda, denomínanse zonas de baño continentais a aqueles lugares de augas doces superficiais, correntes ou encoradas.

Para obter os datos, o Programa Galego de Vixilancia Sanitaria das Zonas de Baño -que a Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública desenvolve dende mediados dos anos 80- recolle periodicamente mostras de cada zona dende o 1 de xuño ata o 30 de setembro, indicou o director xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, que estivo acompañado polo subdirector xeral de Programas de Control de Riscos Ambientais para a Saúde, Ángel Gómez Amorín.

Os datos de cualificación microbiolóxica obtidos son remitidos ás administracións locais coa fin de que informen aos seus usuarios e adopten, se os resultados o indican necesario, as medidas oportunas.

Así mesmo, dende o inicio da tempada informouse da cualificación sanitaria das augas de baño na páxina web da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública da Consellería de Sanidade (http://dxsp.sergas.es) e mantívose a periodicidade quincenal das mostraxes. Ao final da tempada, os valores microbiolóxicos foron introducidos no sistema de información nacional de augas de baño (Náyade).
 

Compártao :