Xunta de Galicia

Inicio

Crearase un novo Fondo de Garantías Navales dotado dun total de 41 millóns de euros

Javier Guerra anuncia a reactivación do fondo de garantías para a financiación naval que preserverá os 11,5 millóns aportados polos estaleiros galegos e a Xunta

O conselleiro de Economía e Industria mantivo hoxe unha reunión coa Mesa do Diálogo Social do Sector Naval na que adiantou que queda anulado o proceso de liquidación do Fondo Patrimonial de Garantías de Pymar posto en marcha polo anterior Goberno de España

O Comité de Gerencia do Sector Naval aprobou por unanimidade o mantemento do actual Fondo ata a creación dun novo Fondo de Garantías Navales facendo efectiva a reivindicación da Xunta de Galicia

Javier Guerra tamén trasladou á Mesa do Naval o acordo que fai realidade o cumprimento do compromiso do novo Goberno central coa Xunta de desbloquear os 2 millóns de euros dos Fondos de Formación

O conselleiro salientou o esforzo conxunto que se está a realizar na defensa do sector naval galego, cunha nova folla de ruta para a aprobación dun novo Tax Lease

Vídeo (1) coas declaracións do conselleiro de Economía e Industria
  • Javier Guerra presidiu a Mesa do Diálogo Social do Sector Naval
    Autor: Xoán Crespo
  • Javier Guerra presidiu a Mesa do Diálogo Social do Sector Naval
    Autor: Xoán Crespo
  • Javier Guerra presidiu a Mesa do Diálogo Social do Sector Naval
    Autor: Xoán Crespo
  • Javier Guerra presidiu a Mesa do Diálogo Social do Sector Naval
    Autor: Xoán Crespo

Santiago, 8 de febreiro de 2012.- O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, presidiu hoxe a reunión da Mesa do Diálogo Social do Sector Naval na que transmitiu ao representantes dos traballadores e dos estaleiros a decisión de reactivar o fondo de garantías de Pymar, tomada por unanimidade no Comité de Xerencia da Construción do Sector Naval.

Deste xeito, queda anulado o proceso de liquidación do Fondo Patrimonial de Garantías de Pymar posto en marcha no mes de xullo polo anterior Goberno de España, unha decisión que foi rexeitada polo Goberno galego dende o primeiro momento, xa que poñía en perigo ao naval galego, agravaba a situación económica dos estaleiros e dificultaba a contratación de novos barcos.

“Coa reactivación desta importante ferramenta de financiamento faise efectiva a reivindicación da Xunta de Galicia e mantense o actual Fondo Patrimonial de Garantías ata a creación dun novo instrumento” asegurou Guerra, que será constituído como o Fondo de Garantías Navales e dotado con 41 millóns de euros. “O fondo preservará as aportacións da Xunta e dos estaleiros galegos de 11,5 millóns de euros, que se manteñen de manera íntegra”, salientou.

Destacou Javier Guerra que “co desbloqueo do fondo de garantías e a folla de ruta para a aprobación dun novo Tax Lease, plantexada polo Goberno central e baseado nas propostas feitas pola Xunta, estamos a dar pasos moi importantes na situación do naval galego”.

O segundo acordo da reunión do Comité de Xerencia que Javier Guerra trasladou á Mesa do Naval ten que ver co cumprimento do compromiso do novo Goberno central coa Xunta de activar os 2 millóns de euros dos Fondos de Formación, que o anterior Ministerio tiña bloqueados en Galicia. Estes recursos serán destinados á reactivación de programas de formación de traballadores do sector afectados por Eres temporais ou en paro.

Deste xeito, o Comité de Xerencia acordou pór en marcha o Plan de Formación Piloto para as empresas do Sector Naval galego, co financiamento de 30 cursos destinados a impulsar e mellorar a formación de máis 500 traballadores, dos cales 300 estarían en situación de ERTE (Ere temporal).

O conselleiro de Economía e Industria salientou a importancia do esforzo conxunto que se está a realizar na defensa do sector naval galego e a relevancia das decisións e acordos aos que se teñen chegado durante os últimos meses na Mesa do Sector Naval.

 

Compártao :