Xunta de Galicia

Inicio

A secretaria xeral da Igualdade participa en Madrid na Comisión Nacional para racionalización dos horarios

Inaugurada pola alcaldesa de Madrid, Ana Botella, na sesión acordouse o plan de actuación para 2012, no que destacan a celebración dun congreso nacional e a convocatoria do premio para racionalizar horarios

Susana López Abella destacou na súa intervención o valor de medidas de conciliación como o teletraballo ou a flexibilización da xornada laboral
 

  • Susana López Abella, na reunión plenaria sobre horarios
  • Susana López Abella, na reunión plenaria sobre horarios
  • Susana López Abella, na reunión plenaria sobre horarios

Santiago, 8 de febreiro 2012.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, asistíu esta tarde en Madrid á sesión plenaria da Comisión Nacional para a racionalización dos horarios, que foi inaugurada pola alcaldesa da capital, Ana Botella. Durante a súa intervención, a titular de Igualdade da Xunta asegurou que o acceso masivo das mulleres ao mercado laboral “é un proceso imparable que beneficia ao conxunto da sociedade, xa que o capital formativo das mulleres revirte en termos de maior riqueza e desenvolvemento económico”.

Na súa análise da evolución da presenza feminina no ámbito profesional, sinalou que ese proceso de incorporación “ten suposto importantes tensións no noso modelo de organización social e laboral” derivadas de diversos factores que configuran un novo escenario. Esta nova situación, caracterizada pola desaparición da tradicional división de funcións entre os requerimentos laborais e familiares, “produce un vacío no ámbito doméstico que é preciso cubrir baixo os criterios da corresponsabilidade”.

En opinión de Susana López Abella, tanto as administracións como as organizacións empresariais deben promover medidas de conciliación, de fomento da responsabilidade social empresarial e de promoción do traballo en igualdade. Entre outras medidas para favorecer a conciliación, citou modelos como a promoción do teletraballo, os bancos de tempo, os servizos de apoio ao coidado da infancia ou das persoas dependentes e a flexibilización da xornada laboral.

Rematou a súa intervención cunha chamada a un crecente compromiso das administracións, das organizacións e das empresas “no incremento de medidas innovadoras a favor da calidade do emprego, da flexibilidade, do apoio á familia, da igualdade e do desenvolvemento persoal e familiar”.

Congreso nacional para racionalizar os horarios
O pleno da Comisión Nacional para a racionalización dos horarios españois e a súa normalización cos países da UE, que preside Ignacio Buqueras, aprobou na sesión de hoxe a celebración do VII Congreso nacional e a convocatoria do VII Premio para racionalizar os horarios en España.
 

Compártao :