Xunta de Galicia

Inicio

O presidente do Goberno galego lembra que Galicia é a primeira comunidade e a primeira rexión da Unión Europea que presentou o Plan estratéxico para o sector

A Xunta impulsa o Plan Director de Acuicultura co obxectivo de “xerar emprego e riqueza” na costa e “recuperar o liderado” do sector “respectando como nunca se fixo o ámbito medioambiental e o impacto paisaxístico”

“O obxectivo é concretar o marco en que se pode investir, concretar o marco en que se ten que protexer o medio ambiente e concretar o marco onde podemos incrementar a capacidade produtiva e a capacidade de emprego da Comunidade”, explica o presidente da Xunta

O plan director establece 4 niveis de protección: “hoxe, -di Feijóo- desbloqueamos os dous primeiros niveis, onde se esixe menor protección medioambiental e mentres, iremos traballando para finalizar a protección que imos esixir nos niveis 3 e 4, que son os niveis con maior protección paisaxística e medioambiental”
 

Intervención de Feijóo
  • Imaxes da explicación do Plan de Acuicultura
    Autor: Ana Varela
  • Imaxes da explicación do Plan de Acuicultura
    Autor: Ana Varela
  • Imaxes da explicación do Plan de Acuicultura
    Autor: Ana Varela
  • Imaxes da explicación do Plan de Acuicultura
    Autor: Ana Varela
  • Imaxes da explicación do Plan de Acuicultura
    Autor: Ana Varela
  • Imaxes da explicación do Plan de Acuicultura
    Autor: Ana Varela

Santiago, 09 de febreiro de 2012.- Unha semana despois de aprobarse a Estratexia Galega de Acuicultura, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou na rolda de prensa do Consello o desbloqueo da acuicultura en Galicia a través da aprobación de dúas zonas contempladas no Plan Director de Acuicultura de Galicia nas que xa se pode desenvolver a actividade acuícola. Esta acción enmárcase no obxectivo da Xunta de “xerar emprego e riqueza” na costa e “recuperar o liderado” do sector acuícola pero “respectando como nunca se fixo o ámbito medioambiental e o impacto paisaxístico”. “O obxectivo global da Xunta en materia acuícola –incidiu- é concretar o marco en que se pode investir, concretar o marco en que se ten que protexer o medio ambiente e concretar o marco onde podemos incrementar a capacidade produtiva e a capacidade de emprego da Comunidade”.

Feijóo destacou que o Goberno galego se está a comprometer para que Galicia supere a inseguridade xurídica cunha regulación “definitiva, coherente e respectuosa”. “Coherente coa petición da Comisión Europea e do Consello Económico e Social Europeo, que levan amosando publicamente a súa preocupación polo escaso desenvolvemento da acuicultura tanto en Europa como en España. E respectuosa porque cumpriremos estritamente as obrigas que asumimos co medio ambiente en consonancia coa Ordenación do Territorio e cumpriremos o Plan do Litoral”.

Así mesmo, o responsable autonómico explicou que dentro do Plan director se contemplaron catro niveis de protección: “hoxe, desbloqueamos os dous primeiros niveis, onde se esixe menor protección medioambiental e mentres, iremos traballando para finalizar a protección que imos esixir nos niveis 3 e 4, que son os niveis con maior protección paisaxística e medioambiental”.

Feijóo destacou que no Consello da Xunta de hoxe se aprobou tamén a guía de criterios de sostenibilidade e integración paisaxística de obrigado cumprimento para todos aqueles que queiran presentar un proxecto de acuicultura nas zonas catalogadas a tal fin; “e permitimos o inicio inmediato da tramitación de plans empresariais neste sector”.

“Hoxe, presentamos un visor cartográfico a través do cal se poden consultar todas as zonas catalogadas que poñemos a disposición dos emprendedores. En definitiva, impulsamos de forma equilibrada e de forma definitiva a acuicultura na nosa comunidade. Que saibamos ónde podemos poñernos e qué requisitos medioambientais e paisaxísticos temos que cumprir. É dicir, proxectos viables para crear riqueza en Galicia e proxectos respectuosos coa costa, co litoral e co medio ambiente galego”.

O presidente da Xunta concluíu lembrando que Galicia é a primeira comunidade e a primeira rexión da Unión Europea que presentou o Plan estratéxico para o sector. “Comprometémonos a que Galicia supere definitivamente a parálise que sufriu durante a anterior lexislatura do bipartito no ámbito da acuicultura. Galicia non podía seguir perdendo a marcha da acuicultura e non podía seguir perdendo un sector estratéxico da súa economía”, aseverou.

Pola súa banda, a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, subliñou que “temos moita superficie no noso litoral para desenvolver unha actividade que nós queremos que sexa sostible, responsable, compatible co medio ambiente pero tamén que sexa capaz de producir riqueza para Galicia. Entendemos que é unha actividade que pode xerar non só moitos empregos directos senón moitos indirectos, e entendemos que temos determinadas comarcas en Galicia onde é preciso desenvolver esta actividade para seguir facendo unha Galicia moito máis grande”.
 

Tema: Pesca
Departamento: Presidencia

Compártao :