Xunta de Galicia

Inicio

Rogelio Martínez asiste á final do Campionato de Campo a Través

O delegado territorial, Rogelio Martínez, gabou o éxito de convocatoria deste programa da Secretaría Xeral para o Deporte que involucra a 5838 participantes en 21 modalidades na provincia de Ourense

Na modalidade de campo a través participaron 2491 nas 17 probas que se disputaron ata este Campionato Provincial

Ourense, 11 de febreiro de 2012.- O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, asistiu hoxe á fase final final do campionato de campo a través en idade escolar e entrega de premios, no Complexo deportivo de Monterrei, incluído no programa Xogade que desenvolve a Secretaría Xeral para o Deporte.

As probas reuniron arredor de 600 nenas e nenos pertencentes a entidades da provincia –colexios, clubs ou escolas deportivas-, que competiron nas distintas categorías benxamín, alevín, infantil e cadete.

O delegado subliñou a importancia de potenciar a práctica do deporte dende as institucións públicas. “Investir en deporte é investir en ocio, en saúde, en formación… Poucos investimentos haberá tan rendibles coma este. Por iso nun momento de crise, cando o gasto ten que ser investimento eficiente e eficaz, programas como o de Xogade son unha prioridade para o goberno da Xunta”, afirmou.

Ao respecto, o delegado agradeceu a colaboración dos concellos e das federacións e agrupacións deportivas galegas co desenvolvemento do programa, “aínda que o que sobre todo lles agradezo é o traballo que realizan coa canteira, un traballo que, como dixen, da estupendos froitos, porque axuda a formar persoas con valores”.

Os tres primeiros equipos clasificados en alevín, infantil e cadete, tanto feminino como masculino, e os 8 primeiros clasificados a título individual, quedan clasificados para o campionato galego, que se celebrará en Portas, Pontevedra.

Para concluír, o Delegado Territorial, Rogelio Martínez, gabou o éxito de convocatoria deste programa Xogade da Secretaría Xeral para o Deporte que involucra a 5838 participantes en 21 modalidades na provincia de Ourense.


 

Compártao :