Afirma que a Lei de Montes pretende encher un baleiro legal co obxectivo de fomentar a xestión forestal que pasa por tres estadios: prevención, agrupación e certificación
Avoga por facer máis fincapé na conservación dos nosos bosques e asevera que a aposta pola agrupación dos propietarios vai ser un permanente compromiso do Goberno co sector
Lembra que o sector da madeira xera o 3,5% do PIB, o 5% das exportacións, 1.800 millóns de euros de facturación e ocupa directamente a preto de 25.000 persoas e arredor de 50.000 de xeito indirecto
Santiago, 10 de febreiro de 2012.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou este mediodía, o compromiso da Xunta co sector da madeira reflectido no impulso da primeira Lei de Montes e animou e felicitou ao Clúster da Madeira de Galicia por afrontar o futuro con medidas “estratéxicas”. “Estase actuando con compromiso institucional, entre outras iniciativas, grazas ao impulso da primeira Lei de Montes. E estase actuando con compromiso profesional, como se demostra no Plan Estratéxico que botades a andar. Felicítovos por elo e anímovos no camiño que tendes por diante”.
No tocante á Lei de Montes, Feijóo subliñou que o texto pretende encher un baleiro legal cun obxectivo: fomentar a xestión forestal. “E fomentar a xestión forestal –precisou- pasa por tres estadios: prevención, agrupación e certificación”.
Ao longo da súa intervención, na clausura da asemblea extraordinaria do Clúster da Madeira de Galicia, o titular da Xunta resaltou que o novo documento supón cumprir o obxectivo de concienciación social sobre a importancia dos montes e da súa ordenación.
Neste senso, Feijóo subliñou que a prevención pasa por facer máis fincapé na conservación dos nosos bosques e aseverou que a aposta pola agrupación dos propietarios vai ser un permanente compromiso do Goberno co sector. “Agrupar sen perder a propiedade para que desde esa agrupación fagamos unha xestión empresarial do bosque galego que repercuta en incremento de emprego, en incremento de facturación e que repercuta tamén en rendas aos propietarios que teñen agrupadas as súas parcelas forestais e que poñen en valor o bosque galego”.
Así mesmo, o novo texto supón cumprir o obxectivo de regular os usos forestais para facer rendible o monte e frear o abandono do rural. “A Lei pretende contribuír a consolidar a xestión forestal sostible dos montes galegos, e nesta liña posibilitar a certificación forestal das nosas explotacións. A certificación da madeira e a agrupación forestal –reiterou- forman parte dos eixos da política forestal desta lexislatura. Países como Suecia, cun 60% de certificación, Alemaña cun 70% e Finlandia cun 80% confrontan co 10% de certificación de madeira española”.
En definitiva, o presidente autonómico afirmou que existe compromiso profesional e compromiso institucional para sacar o máximo partido económico e social á nosa extraordinaria riqueza forestal e frear o crecente abandono do monte.
Logo de lembrar que o sector da madeira xera o 3,5% do PIB, o 5% das exportacións, 1.800 millóns de facturación e ocupa directamente a preto de 25.000 persoas e arredor de 50.000 de xeito indirecto; Feijóo concluíu referíndose ao espírito dun sector económico fundamental para Galicia, que decide unir esforzos para non pechar o seu horizonte e abrir novos camiños que lle permitan afrontar o futuro.