O Instituto Galego de Consumo pon en marcha unha campaña específica para vixiar que as máscaras e os disfraces que están á venda non presentan ningún risco
Ademais de realizar inspeccións nos establecementos, analízanse no laboratorio máis de vinte artigos destinados aos máis pequenos
Recoméndase facer un consumo responsable ao mercar este tipo de materiais como medida de prevención de accidentes
Santiago, 12 de febreiro de 2012.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Galego de Consumo, está a desenvolver unha campaña de información e control destinada a garantir a seguridade de produtos de Entroido como máscaras, disfraces ou cosméticos. Ademais de intensificar as inspeccións nos establecementos para comprobar que os produtos que están á venda non presentan ningún risco e cumpren coa normativa, estanse a tomar mostras de produtos para a súa análise en laboratorio. Tamén se pon a disposición dos usuarios en internet un folleto informativo con recomendacións para os consumidores, no que, ademais de ofrecer consellos de seguridade, se promove un consumo responsable.
O Instituto Galego de Consumo ten moi en conta o público ao que está destinado o produto á hora de deseñar as súas campañas de control, extremando a protección aos colectivos máis vulnerables, como os nenos. Por iso está a analizar no Laboratorio de Consumo máis de vinte disfraces infantís, que poden presentar perigo de incendio polos tecidos cos que están fabricados ou de afogamento pola presenza de cordas e cordóns que non cumpren os requisitos.
No caso de que se detecte que algún destes produtos presenta riscos, procederase a notificar á rede de alerta de produtos non alimenticios, un sistema de información que funciona a nivel nacional e europeo e que permite a rápida adopción de medidas de reacción coordinadas para garantir a seguridade dos consumidores, como a inmobilización do produto, a retirada do mercado ou a modificación daquelas características que o converten en inseguro.
Consellos para a compra de disfraces
Desde o Instituto Galego de Consumo recoméndase facer un consumo responsable ao mercar máscaras, disfraces e cosméticos como medida de prevención de accidentes, con especial atención aos produtos que van destinados aos máis pequenos. Á hora de comprar e utilizar produtos característicos do Antroido, aconséllase optar por disfraces para nenos e nenas que non leven a cabeza cuberta, xa que o risco que entraña a inflamabilidade é máis elevado en carapuchas e caretas. No caso de adquirir máscaras, debemos fixarnos en que teñan unha ventilación axeitada e que sexan adecuadas á idade dos nenos, evitando tamén os artigos fabricados con materiais inflamables.
En canto aos cosméticos e pinturas, aconséllase elixir aqueles que foron sometidos a controis dermatolóxicos, xa que teñen un menor risco de producir alerxias ou reaccións na pel, e evitar que entren en contacto cos ollos. Se se utilizan lentes de contactos de fantasía, hai que ter en conta que como tales o seu uso require precaucións. Por outra banda, á hora de usar disfraces aconséllase manterse afastados das fontes de calor intensa e das chamas.
Ademais destes consellos xerais, á hora de comprar disfraces para menores de sete anos debemos fixarnos en que non teñan cordas ou cordóns na zona da cabeza e do pescozo. Están permitidos os cordóns ou lazos decorativos, que deben ter como máximo 7,5 centímetros de longo. Para nenos de entre 7 e 14 anos, os cordóns funcionais poden ter un máximo de 7,5 centímetros de longo. Ademais, hai sempre que comprobar que o produto non presente puntas ou bordos cortantes.
Por outra banda, debemos fixarnos en que no etiquetado dos produtos que adquirimos aparezan os datos dos fabricantes ou importadores e a composición do produto. Ademais, no caso do etiquetado de disfraces para menores de 14 anos, que se consideran xoguetes, debe aparecer o marcado CE, que significa que cumpre coas esixencias esenciais de seguridade previstas nas normas comunitarias. Tamén debe constar o nome e a marca do produto, así como as instrucións e advertencias de uso, e no caso de que non estean recomendados para menores de tres anos deben levar unha advertencia.
Líderes a nivel nacional
Galicia, que conta co único laboratorio público acreditado para a análise de produtos industriais, é a comunidade que máis produtos perigosos detecta xa que é tamén a que máis investiga neste terreo. Así, ao longo de 2011 o Instituto Galego de Consumo realizou máis de 107.700 actuacións de control sobre produtos industriais, nos que se inclúen xoguetes, vestimenta infantil, artigos de puericultura, material eléctrico, pequenos electrodomésticos ou produtos químicos, sendo notificados á rede de alerta un total de 124 produtos, 115 dos cales presentaban un risco grave.