Anxo Lorenzo, xunto con representantes do Consorcio Audiovisual de Galicia, asiste á Berlinale,“un escenario estratéxico para este sector”
Berlín, 11 de febreiro de 2012.- O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, representa a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no Festival de Cine internacional de Berlín, que se está a desenvolver na capital alemá desde onte e ata o vindeiro 17 de febreiro.
Anxo Lorenzo destacou o apoio da Xunta de Galicia á presenza do sector audiovisual galego neste mercado, por ser “un dos escenarios máis interesantes e estratéxicos para a produción audiovisual, tanto de cara ás relacións como á venda de produtos”. “Desde o Goberno galego –dixo– o obxectivo fundamental que procuramos para o sector audiovisual é que poidan mostrar os seus produtos e, ao mesmo tempo, vendelos neste festival”. Ao fío disto afirmou a vontade de “propiciar que o sector dispoña de proxectos de coprodución con outras entidades de fóra de Galicia e de favorecer, deste xeito, a internacionalización”.
A Xunta de Galicia, a través do Consorcio Audiovisual de Galicia, colabora coa asistencia das empresas galegas mediante o financiamento de parte dos gastos de traslados e aloxamento e poñendo á súa disposición un espazo que os profesionais poden utilizar como punto de encontro e lugar de reunións. Tamén poderán contar coa axuda de persoal especializado en márketing internacional, vendas e apoio nas traducións ao inglés durante as súas negociacións.
Diálogo cos diferentes axentes do sector
O Consorcio promove no European Film Market o cine galego e a súa industria mediante a difusión de publicacións como Films from Galicia, Shorts from Galicia e Ways to Film. Ademais, no marco deste foro tamén se están a realizar diversos encontros. Algúns deles de carácter institucional con organismos doutros territorios, entre os que destacan os previstos coa Agência Nacional do Cinema do Brasil e co Instituto Nacional de Cine Arxentino, que buscan consolidar os acordos de coprodución existentes con estes países. Outros encontros realízanse entre produtores e tamén se organizan xuntanzas con representantes de festivais, mostras de cine e televisións de todo o mundo.
Internacionalización do cine galego
O European Film Market, o segundo mercado cinematográfico do mundo –só superado polo Marché du Film de Cannes- ten lugar no marco do prestixioso Festival Internacional de Cine de Berlín. Neste escaparate do cine internacional agárdase a presenza de máis de 400 expositores (na súa maioría produtoras, distribuidoras e organismos oficiais) duns 50 países, así como con máis de 1.300 compradores de todo o mundo.