As vivendas, que pertencen a unha promoción na que o IGVS investiu preto de 550.000 euros, foron adxudicadas en réxime de alugueiro
Outras seis vivendas están vacantes e serán adxudicadas por sorteo entre os inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda
Pantón, 13 de febreiro de 2011.- O Instituto Galego da Vivenda e Solo entregou hoxe aos seus adxudicatarios as chaves de dúas vivendas de promoción pública en Ferreira de Pantón. O xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, José María López Vega, participou na formalización da entrega das vivendas, que foron adxudicadas en réxime de alugueiro.
As vivendas atópanse emprazadas nun edificio rehabilitado, onde quedan outras seis vivendas vacantes que serán adxudicadas nun próximo sorteo entre os inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda. Os interesados en ditas vivendas están a tempo de solicitar a súa inscrición no mesmo para participar no seu sorteo.
As oito vivendas construídas dispoñen de tres dormitorios, ademais de cociña, baños e salón, con superficies entre 82,80 e 85,42 metros cadrados útiles. Ademais cada vivenda dispón dunha praza de garaxe e un rocho.
Na rehabilitación empregáronse materiais e solucións construtivas de primeira calidade.
As vivendas emprázanse nun edificio de oito vivendas, rehabilitado polo Instituto Galego da Vivenda e Solo cun investimento de preto de 550.000 euros.