Xunta de Galicia

Inicio

Máis de 30.000 galegos e galegas recibiron formación certificada no que vai de lexislatura

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, entregou hoxe en Vigo os diplomas aos máis de 200 participantes dos cursos impartidos por FORMEGA, que obterán un certificado de profesionalidade con validez estatal

A Consellería destinará máis de 55 millóns de euros a actividades de formación para o emprego en 2012, un 3% máis que o pasado ano, para desenvolver máis de 1.100 accións formativas que beneficiarán a 23.000 alumnos

A titular de Traballo apuntou que entre os acordos do diálogo social hai varios que se dirixen especialmente ao sector naval

  • A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, hoxe na entrega de diplomas dos cursos de FORMEGA, en Vigo

Vigo, 13 de febreiro de 2012.- Máis de 30.000 galegos e galegas recibiron formación certificada no que vai de lexislatura, unha cifra que aumentará este ano grazas ao incremento no orzamento neste eido. A Consellería destinará máis de 55 millóns de euros a actividades de formación para o emprego en 2012, un 3% máis que o pasado ano, o que vai permitir o desenvolvemento de máis de 1.100 accións formativas que beneficiarán a 23.000 alumnos.

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, entregou hoxe os diplomas aos 210 traballadores e traballadoras das comarcas de Vigo, Ferrol, A Coruña e Ourense que se beneficiaron dos 14 cursos e máis de 10.000 horas de formación impartidos pola Fundación Galega do Metal para a Formación e Cualificación (FORMEGA) e financiados polo departamento autonómico.

Beatriz Mato lembrou que estes cursos inclúen a concesión dun certificado de profesionalidade con validez estatal, que garante “unha formación de calidade” e “orientada ás necesidades reais do mercado laboral”.

En concreto, estes cursos incluíron formación en: actividades administrativas na relación co cliente, técnico de sistemas microinformáticos, electrónico e electromecánico de mantemento, técnico de sistemas de enerxías renovables, montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas e térmicas, calderería industrial, soldador de estruturas metálicas lixeiras, fábrica e montaxe de instalacións de tubaria industrial, e programador de aplicacións informáticas.

Na súa intervención, Mato indicou que nos tempos actuais faise máis necesario que nunca renovar o compromiso coa formación, porque “os traballadores preparados son a mellor garantía de futuro”, o que converte a formación nun “eixe esencial” das políticas de emprego da Xunta.

Acordos no marco do diálogo social
A conselleira agradeceu a colaboración de FORMEGA neste eido, unha institución dedicada “á mellora do sector do metal”, un sector que conta cunha presenza moi destacada nas mesas do diálogo social, das que saíron 29 acordos, algúns directamente relacionados cos obxectivos de FORMEGA, como o acordo en materia de formación para o emprego, a implantación do selo e da credencial do naval, ou o deseño de medidas para superar a situación do sector.

A responsable de Traballo indicou que a Xunta mantén un firme compromiso de apoio á metalurxia que se reflicte na Mesa sectorial do naval, e que comparte o novo Goberno central, que xa comezou a dar pasos efectivos para a recuperación do sector, tales como a reactivación do fondo patrimonial de garantías de PYMAR.

 

Compártao :