Xunta de Galicia

Inicio

A Xunta inicia as charlas de prevención do consumo de drogas impartidas por internos da cárcere da Lama no IES Val Miñor

A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, participou esta mañá na primeira das sesións, que terán continuidade nos vindeiros meses noutros centros da provincia

Dous internos do Módulo Terapéutico da cárcere da Lama son os encargados de ofrecer as charlas aos alumnos e alumnas dos institutos de Secundaria

As conferencias se poñen en marcha tralo acordo entre o Centro Penitenciario da Lama e o departamento territorial da Consellería de Cultura e Educación

  • Presentación das charlas

Nigrán, 13 de febreiro de 2012.- A Consellería de Cultura e Educación comezou hoxe no IES Val Miñor unha serie de charlas informativas para a prevención do consumo de drogas. Dirixidas a alumnos e alumnas dos institutos de Secundaria, as conferencias están impartidas por dous internos e un membro do equipo do Módulo Terapéutico do Centro Penitenciario da Lama, e teñen coma obxectivo xeral informar e intentar concienciar aos xoves escolares dos perigos que supón o consumo de drogas.

A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, acompañada polo xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, e responsables da cárcere da Lama, participou esta mañá na presentación das charlas no instituto miñorano, e recordou a importancia deste programa informativo que hoxe se pon en marcha para que os xoves estudantes coñezan de primeira man as experiencias persoais dos internos e as consecuencias que para eles tivo o consumo de drogas. Ante un grupo de alumnos e alumnas de 4º da ESO do IES Val Miñor, a representante da Administración autonómica en Vigo, explicou tamén que as conferencias serven para que os estudantes coñezan outras alternativas para non caer nas adiccións que supón o consumo de drogas.

As charlas, que terán continuidade nos vindeiros meses en diversos institutos da provincia, se poñen en marcha tralo acordo ao que chegou o departamento territorial da Consellería de Cultura e Educación co Centro Penitenciario da Lama. A vindeira sesión informativa será o 27 de febreiro no IES Ramón Mª Oier de Lalín para continuar despois polos centros de secundaria de Cangas, Mondariz, Ponteares, Pontevedra ou Catoira, entre outros.

Deste xeito, dixo a delegada, o equipo e os internos do programa do Módulo Educativo-Terapéutico do centro penitenciario, póñense a disposición da Administración educativa ofertando a súa colaboración no eido da prevención e dende unha perspectiva puramente informativa e educativa. Os internos que participan nesta iniciativa reciben unha formación específica impartida por unha psicóloga da Cruz Vermella e atópanse en condicións de ofertar a súa experiencia e coñecementos de cara a concienciación dos máis novos sobre os riscos que se corren cando se consumen drogas.

Bravo Bosch engadiu que con este tipo de actividades preténdese tamén favorecer o cambio de actitudes e o desenvolvemento de habilidades nos internos-usuarios do programa da cárcere da Lama potenciando, ademais, a competencia social dos mesmos. “O obxectivo é así dobre”, considerou a delegada territorial da Xunta en Vigo xa que, por unha banda, “se achegan as experiencias persoais dos internos” aos xoves estudantes para previr o consumo de drogas e, por outra, “se axuda a que os presos se sintan membros constituíntes da sociedade ao serlle recoñecido un papel e ao sentirse valorados pola súa aportación e contribución a un propósito social e de prevención”, concluíu.

 

Compártao :