Xunta de Galicia

Inicio

Traballo destinou preto de 140.000 euros para o financiamento de cursos de formación para 29 persoas desempregadas en Arzúa

A directora xeral de Formación e Colocación, Ana María Díaz, entregou hoxe os diplomas aos participantes destes dous cursos de atención sociosanitaria e actividades de venda

Ana María Díaz lembrou que preto de 23.000 persoas desempregadas poderán beneficiarse de accións formativas ao longo do 2012, cun orzamento de máis de 55,1 millóns de euros

  • A directora xeral de Formación e Colocación, Ana María Díaz, no acto de entrega dos diplomas
    Autor: Xoán Crespo
  • A directora xeral de Formación e Colocación, Ana María Díaz, no acto de entrega dos diplomas
    Autor: Xoán Crespo
  • A directora xeral de Formación e Colocación, Ana María Díaz, no acto de entrega dos diplomas
    Autor: Xoán Crespo

Arzúa (A Coruña), 16 de febreiro de 2012.- Un total de 29 traballadores e traballadoras beneficiáronse dos cursos de formación para desempregados organizados pola Federación Escola Familiar Agraria (EFA) Piñeiral de Arzúa (A Coruña) e financiados pola Consellería de Traballo e Benestar, cun orzamento de preto de 140.000 euros.

A directora xeral de Formación e Colocación, Ana María Díaz, entregou hoxe os diplomas aos participantes dos cursos, que inclúen un certificado de profesionalidade con validez estatal. En concreto, 15 fixeron o de atención sociosanitaria a persoas no domicilio, cun orzamento de máis de 66.500 euros; e 14 o de actividades de venda, cun orzamento de máis de 70.000 euros.

Ana María Díaz lembrou que preto de 23.000 persoas desempregadas de toda Galicia poderán beneficiarse de accións formativas ao longo do 2012, en cuxa programación a Consellería de Traballo e Benestar investirá máis de 55,1 millóns de euros.

A Administración laboral galega incrementou en máis de 1,6 millóns de euros esta actuación con respecto a 2011, o que supón un 3 por cento máis de orzamento. Desta forma, o Goberno galego segue a reforzar as súas políticas activas de emprego no eido da formación, xa que o investimento destinado a esta programación xa aumentou en 2011 nun 5 por cento con respecto a 2010, ao pasar, entón dos 50,7 millóns de euros aos 53,5.

Coa programación para o 2012 seguirase a incrementar a formación acreditable, dirixida á obtención dos certificados de profesionalidade. De feito, preto do 100 por cento dos máis de 1.100 cursos que se ofertarán en 2012 irán nesta liña.

Esta formación acreditable permitirá aos alumnos dispoñer dun certificado con carácter oficial e validez estatal, que, ao mesmo tempo, terá efectos académicos no eido do sistema educativo e profesionais recoñecidos na lexislación vixente.
 

Compártao :