Ademais de deixar sen efecto o plus dos altos cargos, tamén se establece por primeira vez un mecanismo para revisar as retribucións de todos os directivos que traballan en entes públicos instrumentais da Xunta e para revisar as dietas e asistencias aos consellos de administración dos entes públicos
Feijóo destaca que o texto pretende evitar a baixada dos soldos dos empregados públicos que xa se produciu no ámbito estatal por decisión do anterior Goberno central ou noutras comunidades autónomas
A lei permitirá un aforro anual duns 80 millóns de euros e as medidas terán unha aplicación temporal de dous anos, a partir dos cales se revisarán en función da evolución do PIB da economía galega
Santiago, 16 de febreiro de 2012.- O Consello da Xunta de Galicia aprobou hoxe con carácter temporal o Proxecto de lei de medidas temporais en determinadas materias do emprego público, que deixa sen efecto o plus de altos cargos, que permite non tocar o gasto social e manter os salarios dos empregados públicos e que blinda un menor ou igual impacto das actuacións respecto ás adoptadas neste ámbito noutras partes de España.
Na rolda posterior ao Consello, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo asegurou que no contexto económico actual, co nivel de paro actual e coa baixada dos ingresos das administracións públicas como consecuencia da contracción da economía en España, o texto é “necesario e imprescindible” e, a continuación, explicou que a futura norma “dá garantías tanto ao conxunto dos galegos como aos empregados públicos”. Así, por un lado, detallou que, con carácter xeral, a lei vai a permitir non tocar o gasto social nin os investimentos dos presupostos autonómicos e, no que se refire ó ámbito concreto da Función Pública, evitará tocar as retribucións dos funcionarios, como xa fixo o anterior Goberno central ou outras comunidades autónomas.
A maiores, o titular do Executivo galego explicou tamén que o documento é máis esixente cos directivos autonómicos por dúas razóns. En primeiro lugar, porque Galicia é a única comunidade, xunto con Estremadura, que deixa sen efecto a percepción do plus de altos cargos. E, en segundo lugar, porque se habilita ao Consello da Xunta para revisar as retribucións dos directivos que traballan en entes públicos instrumentais da Xunta e para revisar as dietas e asistencias aos consellos de administración dos entes públicos empresariais da comunidade.
Así mesmo, o responsable do Goberno galego destacou a vocación temporal da lei e concretou que a lei terá unha aplicación de dous anos e, a partir de aí, poderase revisar en función da evolución da economía galega.
“Sacamos a lei conscientes de que supón un esforzo para os empregados públicos e convencidos de que nos permite evitar alternativas máis drásticas, como é a rebaixa dos soldos dos empregados públicos que xa se produciu na lexislatura anterior do Goberno de España, cunha diminucións do 5% da masa salarial de todos os empregados públicos. E comprometidos co triplo obxectivo: intentar non tocar as retribucións, garantir que todas as medidas sexan de menor impacto, é dicir, máis favorables para os empregados públicos galegos que do resto das comunidades; ser máis esixentes co persoal directivo da comunidade; e que sexa unha lei temporal de dous anos, revisable unha vez finalizado o período inicial”.
Por último, Feijóo subliñou a vontade de negociación mantida pola Xunta ao longo da elaboración do texto. “Invitamos desde o principio aos sindicatos a facer aportacións, ampliamos o prazo de alegacións e o revisamos dunha forma intensa, desde o proxecto inicial ao proxecto definitivo”.
Pola súa banda, a conselleira de Facenda, Elena Muñoz, destacou que estas medidas permitirán un aforro anual duns 80 millóns de euros e incidiu en que se trata dunhas medidas “reflexionadas, necesarias e axeitadas ao momento actual no que nos atopamos; cunha temporalidade de dous anos, a partir dos cales se revisarán en función da evolución do PIB da economía galega”.