Xunta de Galicia

Inicio

Igualdade destina este ano 855.000 euros a medidas de conciliación

No que vai de lexislatura, 786 familias acolléronse ás axudas para reducción de xornada laboral, segundo informou esta tarde no Parlamento a secretaria xeral da Igualdade

Susana López Abella deu conta asemade do protocolo de calidade e boas prácticas dos CIMs que está a desenvolver o departamento
 

Santiago, 16 de febreiro de 2012.- “A conciliación e a corresponsabilidade son dous factores estreitamente vencellados e absolutamente necesarios para acadar a eliminación das desigualdades”, así se expresou esta tarde a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, na súa comparecencia na Comisión 5ª do Parlamento para respostar a unha pregunta do Grupo Parlamentario Popular sobre medidas de conciliación e de fomento da corresponsabilidade.

Na súa resposta, a titular de Igualdade salientou o compromiso sostido do departamento que suma en 2012 un presuposto de 855.358 euros para medidas de conciliación. Segundo detallou na súa exposición, o departamento estrutura esas axudas en tres liñas de acción, por unha banda as dirixidas aos concellos para fomento de medidas como bancos de tempo ou plans de programación de tempo, aos que se destinan 217.563 euros; por outra, a través do apoio ás actividades extraescolares, cunha dotación de 262.500 euros para este curso escolar; e por último a través da liña de fomento da reducción da xornada laboral, dirixida específicamente aos homes e tamén ás mulleres nais de familiares monoparentais, que conta este ano cun presuposto de 375.295 euros.

Susana López Abella salientou o valor cualitativo desta medida de reducción da xornada laboral á vista dos resultados acumulados ao longo desta lexislatura, na que se beneficiaron un total de 786 familias. Dese total, 562 eran homes que decidiron reducir a súa xornada laboral para poder conciliar, 220 mulleres de familias monoparentais e outras 4 familias con fillos ou fillas con algunha discapacidade.

Protocolo de calidade para os CIMs
Na súa comparecencia parlamentaria, a secretaria xeral informou tamén do protocolo de actuación dos CIMs de Galicia que está a desenvolver Igualdade. Estará baseado, segundo anunciou, nunha metodoloxía que asegure un modelo de calidade e boas prácticas na actividade diaria dos centros de información ás mulleres para mellorar os servizos prestados á cidadanía. Esta guía de actuación ten o propósito de promover redes de intercambio de información, experiencias e resultados; crear plataformas de experimentación para o desenvolvemento conxunto de servizos que fomenten novos enfoques de xestión e dinamizar as actuacións dos centros de información ás mulleres.
Asemade, estáse a desenvolver unha nova aplicación informática que permitirá ás persoas profesionais dos CIMs unha xestión de maior calidade no seu traballo, estando previsto que estea operativa no primeiro semestre deste ano.
 

Compártao :