Guerra sinalou que agora cómpre que o empresario analice a situación da empresa “para atopar solucións o antes posible”, e “ver como podemos, entre todos, axudar para que poidan seguir adiante, empresa e traballadores”
Neste sentido, o conselleiro lembrou que a Xunta está a posicionarse sempre do lado das empresas que apostan por manter a súa viabilidade e os postos de traballo
Caldas de Reis, 16 febreiro de 2012.- O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, visitou hoxe a fábrica Frigoríficos Devesa en Caldas de Reis, tras o incendio que sufriron onte as instalacións desta factoría.
O conselleiro de Economía e Industria trasladou aos traballadores e máis ao empresario o apoio decidido da Xunta de Galicia neste momento de dificultades, tal e como ten feito noutras ocasións similares. Javier Guerra apuntou que o empresario transmitiu a súa “vontade de continuar adiante coa empresa e cos postos de traballo”.
Neste sentido, Guerra sinalou que agora cómpre que o empresario analice os problemas da empresa “para tratar de solucionalos o antes posible”, e “ver como podemos, entre todos, axudarlle para que poida saír adiante, tendo en conta que desta empresa dependía outra de transportes e así un importante número de empregos”, sinalou do titular de Economía e Industria.
Guerra engadiu que “non deixa de ser unha pena que un empresario que está a facer ben as cousas, sobre todo nestes momentos” estea a atravesar esta situación de dificultades polo que “aquí estamos para axudar”.
Neste sentido, o conselleiro lembrou que a Xunta está a posicionarse sempre do lado das empresas que apostan por manter a súa viabilidade e os postos de traballo. O principal obxectivo da Consellería é favorecer a reactivación da economía galega, de xeito que dende o Instituto Galego de Promoción Económica se está a prestar especial atención á dinamización das empresas da Comarca de Caldas.