Defende a necesidade de abordar reformas estruturais, por un lado, e conxunturais, por outro, porque “hai cousas que non podemos manter e hai cousas que non podemos manter agora”
“Permanecer no inmobilismo suporía converternos en corresponsables da crise por omisión”, afirma
Santiago, 16 de febreiro de 2012.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reclamou hoxe, durante o acto de clausura do III Curso Xerardo Fernández Albor, organizado polo Foro Galicia Milenio, espírito reformista e construtivo de todos os axentes políticos, económicos e sociais porque “unha responsabilidade histórica esixe unha histórica resposta”.
“Temos ante nós a ardua tarefa de reconstruír un país danado económica e moralmente. Este é o tempo en que todos os axentes –políticos, económicos e sociais, as entidades e organizacións de todo tipo que forman o tecido institucional do noso país- vaian contaxiando o espírito reformista e o espírito construtivo que xa latexa en cada vez máis individualidades. Para poder afrontar a crise de forma completa é precisa que todas as enerxías individuais converxan nunha colectiva. A crise afecta a todos e, por tanto, require a participación e a xenerosidade de todos para que saiamos beneficiados todos”, aseverou.
Feijó salientou que facer de Galicia unha tarefa común, “como tantas veces pediron os galeguistas”, deixa de ser unha opción para converterse nunha obriga urxente. “Cooperación. Solidariedade. Unidade. Os cidadáns esixen unha cousa fundamental para comezar a trazar o futuro: unha nova conciencia social”, afirmou o responsable do Goberno galego apelando a unha transición de mentalidades que reivindica conceptos esquecidos como ben común, interese xeral e xenerosidade.
Ao longo da súa intervención, Feijóo destacou a necesidade de que os homes e mulleres que se están esforzando para soportar o día a día, “que traballan arreo para atopar novas oportunidades”, saiban que non están sos. “Teñen –dixo- que poder comprobar que a clase política, empresarial e social comparten o seu mesmo anhelo e traballan para ser capaces de sinalar conxuntamente un novo rumbo”.
Segundo o titular da Xunta, isto require de todos nós, en primeiro lugar, espírito reformista, tanto a nivel estrutural como a nivel conxuntural. “É dicir, hai cousas que non podemos manter e hai cousas que non podemos manter agora”, aseverou.
No tocante ás reformas estruturais, Feijóo salientou que hoxe a austeridade, que reduce estruturas e custos, está totalmente asentada no noso país; “réxenos –engadiu- a Lei de Disciplina Orzamentaria, que blinda principios tan básicos como non gastar máis do que se ten; sobre o gasto farmacéutico sabemos que existen fórmulas como o catálogo priorizado de medicamentos, para reducir este importante capítulo dos nosos orzamentos, sen que afecte á prestación; e, en relación ao concellos, esta mesma semana constatamos a disposición para estudar de forma inmediata posibles alianzas municipais que lles permitan ser máis eficientes”.
O presidente autonómico afirmou que este tempo de estreiteces serviu para darnos conta de que existen innumerables ineficiencias, duplicidades, excesos que temos que abordar. E neste senso, celebrou que Galicia se teña anticipado na detección de moitos deles e valorou que o Goberno central tamén se teña decidido a emprender ese camiño, con importantes reformas xa en marcha, como a laboral ou a financeira.
Así mesmo, Feijóo destacou a necesidade de acometer certas reformas conxunturais, “que nos permitan soltar lastre e andar algo máis folgados cara a recuperación”. “É evidente que un momento de caída de ingresos como o que vivimos require dunha revisión constante das partidas. Ao igual que calquera familia se ve obrigada a prescindir de cousas das que disfrutaba en tempos de bonanza, ás administracións ocórrelles o mesmo. A outra alternativa, que é permanecer no inmobilismo, suporía converternos en corresponsables da crise por omisión”.
O presidente do Executivo galego concluíu reiterando que “os retos que temos por diante esixen, en definitiva, realismo e unidade”. “Da mesma forma que foi un enorme erro ocultar a crise, pensando que así podería minimizarse, tamén sería unha gran equivocación transitar co engano o camiño das solucións”.