O impulso á mellora competitiva nas pequenas e medianas empresas do sector é un dos eixos estratéxicos da actuación do departamento que dirixe Javier Guerra
A directora xeral de Comercio, Nava Castro, destaca que a nova imaxe da asociación Vilanova Centro, que contou cunha axuda do Igape de 50.000 euros, permitirá “seguir avanzando na innovación do pequeno comercio desta localidade”
Castro salienta a importante labor que realizan as asociacións de comerciantes da zona “non só no impulso ao desenvolvemento do sector, senón tamén á vitalización das vilas da comarca”
Santiago, 16 de febreiro de 2012.- A Consellería de Economía e Industria, que ten entre os seus principais eixos de actuación o impulso á modernización e dinamización do comercio de proximidade, destinou máis de tres millóns de euros en axudas directas á mellora competitiva e a innovación do sector na comarca do Salnés no que vai de lexislatura.
Tal e como salientou a directora xeral de Comercio, Nava Castro, que visitou esta tarde a zona, para o departamento que dirixe Javier Guerra o impulso ao comercio de proximidade é unha prioridade absoluta “non só pola súa importancia para a economía e o emprego senón tamén como elemento vertebrador das vilas galegas”.
Na presentación da nova imaxe corporativa da asociación Vilanova Centro, que contou para este proxecto cunha axuda do Igape de 50.000 euros, Castro asegurou que o novo deseño de marca permitirá “seguir avanzando na mellora competitiva do pequeno comercio de Vilanova de Arousa” e louvou o traballo realizado pola asociación na promoción común dos comercios que a integran.
A directora xeral de Comercio tamén acudiu ao acto organizado por Cambados Zona Centro no Parador desta localidade, no que se fixo entrega da axuda recadada por esta asociación a prol da entidade benéfica Esperanza Salnés. A directora xeral de Comercio salientou que “este tipo de iniciativas poñen unha vez máis de manifesto a importancia das asociacións comerciais, que realizan unha labor que vai máis alá da dinamización do sector” e recordou que no Plan Ágora- Agora Re-comercia, no que se recolle a estratexia integral de apoio e promoción do comercio galego, se fai un especial fincapé na promoción do asociacionismo no sector.