A delegada territorial da Goberno galego na Coruña visitou a mesa informativa instalada pola entidade no edificio administrativo da Xunta en Monelos con motivo do día mundial desta doenza, que se conmemora hoxe
A Coruña, 10 de maio de 2013.- A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, visitou hoxe na Coruña a mesa informativa da Asociación Galega de Lupus instalada no edificio administrativo do Goberno galego en Monelos con motivo do día mundial desta doenza, que se conmemora hoxe.
A máxima representante do Executivo autonómico na Coruña trasladou aos representantes da entidade que preside Pilar Pazos o apoio á súa labor e aproveitou para facer un recoñecemento ao grande esforzo feito polos familiares destes pacientes e polos profesionais da asociación na que se integran, “cos que é necesario traballar e colaborar”.
Do Campo recordou que a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade, ven asinando desde 2010 convenios de colaboración anuais coa Federación Galega de Enfemidades Raras (Fegerec), da que forma parte a Asociación Galega de Lupus, co obxectivo de buscar unha atención o máis próxima posible a todos os que padecen esta enfermidade autoinmune. A colaboración da Xunta tamén está encamiñada a prestar apoio aos familiares destes pacientes e a aproveitar todos os recursos que a mesma sociedade crea.
Con motivo dos actos vinculados ao Día Mundial do Lupus, a entidade manterá ao longo do día de hoxe varias mesas informativas nas rúas da Coruña, a través das que tamén se tratará de recadar fondos que lle permitan continuar coas actividades que ven a desenvolver a asociación, así como abordar novos proxectos. Entre os servizos que presta a organización atópase o apoio e tratamento psicolóxico a enfermos e familiares, a intervención social, accións sanitarias ou a promoción da investigación, entre outros.