Xunta de Galicia

Inicio

Economía e Industria mobilizou no primeiro semestre do ano proxectos de investimento que suman 428 millóns de euros

O departamento que dirixe Javier Guerra acolleu, a través do Igape, 66 proxectos de grandes investimentos, un 100% máis que no mesmo período do ano pasado

Os investimentos durante os 6 primeiros meses deste ano son un 522% superiores aos do pasado ano

A maior demanda de apoios para investimentos revela un incremento dos índices de confianza entre o empresariado

As novas bases de apoio a grandes investimentos inclúen como principal novidade o pre financiamento dos proxectos mediante o anticipo sen aval do 50% da anualidade das subvencións a fondo perdido concedidas

  • Javier Guerra na rolda de prensa
    Autor: Conchi Paz
  • Javier Guerra na rolda de prensa
    Autor: Conchi Paz
  • Javier Guerra na rolda de prensa
    Autor: Conchi Paz

Santiago, 11 de agosto de 2010.- Durante o primeiro semestre deste ano a Consellería de Economía e Industria mobilizou, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), 66 proxectos de grandes investimentos empresariais, o dobre dos recibidos no mesmo período do pasado ano, segundo explicou hoxe en rolda de prensa o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra. Estes proxectos suman uns investimentos proxectados de 428 millóns de euros, fronte aos 82 millóns dos proxectos presentados no primeiro semestre de 2009; o incremento, neste caso, é do 522%.

Javier Guerra salientou que “as solicitudes acollidas e mobilizadas por Economía e Industria veñen confirmar un notable incremento na confianza dos investidores, que se pon de manifesto nas cifras de proxectos de grandes investimentos presentados e, sobre todo, no importe dos investimentos proxectados, que pasan dunha media de 2,54 millóns de euros en 2009 a unha media de 6,48 millóns de euros no primeiro semestre deste ano”.

As novas bases de apoio aos proxectos de investimento empresarial, xestionadas a través do Instituto Galego de Promoción Económica, servirán para consolidar o repunte dos investimentos detectado nos primeiros meses deste ano e calcúlase que axudarán a creación de 1.000 novos postos de traballo e ao mantemento de 10.000. A convocatoria correspondente das bases de apoio a grandes investimentos empresariais, que se publicará en datas próximas, incorpora como principal novidade o pre financiamento dos proxectos mediante o anticipo sen aval do 50% da anualidade das subvencións a fondo perdido concedidas, así como pagamentos parciais a medida que se vaian executando os investimentos previstos.

Promover a dinamización da economía galega mediante os investimentos e a creación de emprego son os obxectivos fundamentais das bases reguladoras das axudas do Igape aos proxectos de investimento empresarial. Neste marco, os promotores de investimentos empresariais en Galicia poderán pre financiar os seus proxectos accedendo a anticipos sen aval que cubrirán ata o 50% da anualidade da subvención concedida, segundo o acordo xa ratificado polo Consello da Xunta de Galicia.

Anticipos sen aval
O pre financiamento de proxectos mediante anticipos e pagos a conta sen necesidade de que os promotores dos investimentos acheguen aval, novidade na convocatoria deste ano, é especialmente importante en momentos de restrición dos mercados financeiros, cando os empresarios teñen dificultades para acceder a financiamento para as súas iniciativas e mesmo poden verse obrigados a renunciar aos seus proxectos por non poderen presentar garantías diante das administracións públicas ou das entidades financeiras. Abrindo a posibilidade de concesión de anticipos do 50% das axudas sen aval preténdese que ningún proxecto viable de investimento empresarial quede sen desenvolver por falta do financiamento axeitado.

Ao abeiro deste marco de apoio, serán en xeral subvencionables os investimentos empresariais a partir de 500.000 euros. Nas zonas amparadas polos plans Impulsa -as provincias de Lugo e Ourense-, e nas comarcas con marcos de apoio de especial intensidade –Ferrol e Costa da Morte- serán apoiables proxectos a partir de 200.000 euros de investimento. Nestas áreas de especial dinamización, Economía e Industria garante ademais subvencións mínimas do 20% para proxectos de nova implantación en Galicia e do 15% para proxectos de ampliación, modernización ou innovación de instalacións xa existentes.

Os proxectos de investimento empresarial apoiables neste marco de axudas estarán orientados á creación de novos establecementos industriais, ou ben á ampliación ou modernización de instalacións preexistentes. Os proxectos poderán estar vinculados a actividades industriais en xeral, a turismo, a transporte e loxística, a servizos de apoio industrial, a actividades de tecnoloxía avanzada ou a investimentos en centros de desenvolvemento, investigación, etc.

Servizos avanzados
No marco das bases reguladoras das axudas do Igape a proxectos de investimento empresarial serán tamén subvencionables proxectos de servizos avanzados intensivos en emprego, proxectos innovadores con investimentos mínimos de 200.000 euros que leven asociada a creación de polo menos 10 postos de traballo indefinidos. Serán apoiables neste ámbito, entre outras actuacións, a implantación de sistemas tecnolóxicos, enxeñería de produtos ou procesos industriais ou centros de desenvolvemento de software.

Compártao :