Xunta de Galicia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia

INSTITUCIÓNS  

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia

  • 	Tribunal Superior de Xustiza de Galicia
    Tribunal Superior de Xustiza de Galicia

O 23 de maio de 1989, cumprindo co establecido na Lei Orgánica do Poder Xudicial, desapareceu a Audiencia Territorial e constituíuse o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Foi a culminación da organización xudicial no ámbito territorial desta comunidade agás a xurisdicción correspondente ao Tribunal Supremo.

A partir desta data, este órgano foi instalado no Pazo de Xustiza en A Coruña. Está integrado por tres salas: a do Civil e Penal, a do Contencioso-Administrativo e a do Social. Tamén está prevista a creación da Sala de Menores.

O Pazo de Xustiza foi construido entre os anos 1926 e 1929 seguindo os planos do arquitecto Palacios. É de estilo modernista con marcada influencia neoclásica e nel foron instaladas todas as entidades da Administración de Xustiza da Coruña. Unha vez que a Audiencia Provincial da Coruña e os Xulgados tiveron edificio propio, o Pazo de Xustiza constituíuse en sede do Tribunal Superior de Xustiza exclusivamente.

Na Sala do Civil e Penal realízanse fundamentalmente os recursos de casación e revisión contra as resolucións dos outros órganos xurisdicionais do territorio, en materia do dereito civil galego e demandas de responsabilidade civil contra os denominados aforados.

Na sala do Contencioso-Administrativo desenvólvense recursos contra actos das entidades locais e administracións da Comunidade Autónoma, recursos contra os actos e disposicións das xuntas electorais provinciais e da Comunidade Autónoma, así como as apelacións contra as resolucións dos xulgados do Contencioso-administrativo.

O presidente do Tribunal Superior de Xustiza posúe a representación xudicial na Comunidade Autónoma e é o responsable da boa orde do Tribunal, dirixe a inspección dos xulgados e tribunais do territorio e preside a Sala do Goberno. Esta sala é a encargada, entre outras moitas competencias, de aprobar normas de repartición de asuntos entre órganos xudiciais, nomeamento de xuíces de paz e substitutos.

A orixe e antecedentes das nosas institucións xurídicas atópase na creación da Real Audiencia de Galicia nos derradeiros anos do século XV. A fundación deste organismo data do ano 1494. Nese momento tiña ao seu cargo todos os asuntos xudiciais, militares, políticos e administrativos, nunha palabra o goberno do territorio en todas as súas ordes.