Logo Medallas Galicia 2004

Navegador

Navegador

MEDALLAS DE GALICIA 2004
IMAXES

DISCURSOS

O Consello da Xunta tamén foi informado da resolución do presidente pola que se concede a Medalla de Galicia nas súas categorías de Prata e Bronce

A ASOCIACIÓN DE VÍTIMAS DO TERRORISMO, RODOLFO MARTÍN VILLA E ALFONSO CASTRO BEIRAS, MEDALLAS DE OURO DE GALICIA 2004

Os xornais Faro de Vigo e El Correo Gallego tamén recibirán a Medalla de Galicia na súa categoría de Ouro pola celebración do seu 150 e 125 aniversario, respectivamente

O Consello da Xunta de Galicia aprobou, na súa reunión de hoxe, un decreto polo que se concede a Medalla de Galicia de 2004, na súa categoría de Ouro, á Asociación de Vítimas do Terrorismo, polo seu labor na consecución de medidas políticas, sociais e xudiciais orientadas a mellorar a situación dos que sofren a violencia terrorista; ao doutor Alfonso Castro Beiras, en recoñecemento á súa contribución ao desenvolvemento da cardioloxía; e a Rodolfo Martín Villa, pola súa traxectoria de servizo público e, en especial, pola súa contribución á recuperación das costas galegas e cantábricas tras o accidente do Prestige.

O Goberno galego tamén acordou concederlle a Medalla de Galicia na súa categoría de Ouro aos xornais Faro de Vigo e El Correo Gallego pola súa longa traxectoria, xa que o pasado ano cumpriron 150 e 125 anos, respectivamente.

Coas Medallas de Galicia –que se entregan o 25 de xullo de cada ano nun acto solemne-, o Executivo autonómico distingue as diferentes persoas ou institucións que teñan destacado polos seus méritos ao servizo da Comunidade Autónoma en calquera aspecto da realidade social, cultural ou económica que os faga merecedores do recoñecemento do pobo galego.

Paralelamente, o Goberno galego foi informado da Resolución adoptada polo presidente da Xunta pola que se concede a Medalla de Galicia de 2004, nas súas categorías de prata e bronce.

Deste xeito, recibirán a Medalla de Galicia, na categoría de prata, o presidente da Casa de Galicia en Montevideo, José Arijón Rama; o doutor especialista en Microbioloxía Clínica Emilio Bouza Santiago; o presidente da Real Sociedade Española de Beneficiencia (Hospital Español) de Salvador-Bahía, en Brasil, Roberto Cal Almeida; o catedrático de Económicas e Empresariais da Universidade da Coruña e conselleiro delegado de Inditex, S. A. José María Castellano Ríos; os colexios La Salle de Santiago de Compostela; San José de Cluny de Vigo; e Santa Teresa de Jesús de Ourense (Carmelitas Vedruna); a Fundación San Rosendo, dedicada a fins de asistencia social; os empresarios Ceferino Nogueira Rodríguez e Javier Solano Rodríguez-Losada; e o procurador José Trillo Fernández-Abelenda.

Así mesmo, no presente ano recibirán a Medalla de Galicia, na categoría de bronce, a Asociación Galega de Residencias e Centros de Anciáns de Iniciativa Social (Acolle), dedicada á atención das persoas maiores; o funcionario internacional, xornalista e crítico de arte José María Ballester Fernández; o fundador da distribuidora cinematográfica Baños Films, Emilio Baños Santos; o fundador da Peña Gallega de Munich, Jacinto Manuel Blanco Rivadulla; o garda civil José Alfonso Ferreira Antón (a título póstumo), que faleceu ao intentar salvar un pescador que se atopaba illado no río Ulla; a perruqueira María del Carmen Ferreira Campos (Maika Ferreira); a Fundación Pública Centro de Transfusión de Galicia; e a Fundación Radio Ecca, que desenvolve unha notable labor educativa.

Segundo se informou no transcurso da xuntanza do Consello da Xunta, tamén recibirán a Medalla de Galicia na categoría de bronce os filántropos Carolina González Abad e, a título póstumo, o seu esposo Manuel Santiago Blanco; o presidente da Asociación Civil Centro Gallego de Jubilados y Pensionados da República de Arxentina, Perfecto Marcote Marcote; a relixiosa e coordinadora de Vagalume Natividad Marcotegui Delgado, que traballa a prol da muller inmigrante ou vinculada á prostitución; o xornalista Ezequiel Pérez Montes; o diplomático Emilio Pérez de Ágreda Sáez; María Dolores Pita Lissarrague, polo seu labor solidario a prol da educación dos nenos da rúa en Filipinas; o xornalista Luis Rial Suárez; o emigrante galego Manuel Taboada Quintás (a título póstumo) que foi impulsor de varios programas de cooperación cos colectivos marxinais asentados en favelas en Brasil; o funcionario Cecilio Tejedor de Diego; o pediatra Rafael Tojo Sierra; a Unión Protectora de Artesanos de Santiago de Compostela e o pintor José Luis Vázquez Vázquez.

ASOCIACIÓN DE VÍTIMAS DO TERRORISMO

Constituída en 1981, e unha organización apolítica de carácter benéfico asistencial que naceu, impulsada por tres mulleres que sufriran de preto a violencia terrorista, coa finalidade de loitar contra o abandono e a marxinación das vítimas do terrorismo. Neste sentido, o papel da asociación foi imprescindible para que se adoptasen medidas tanto políticas como xudiciais e sociais que permitiron mellorar substancialmente a situación deste colectivo. Ademais, a Asociación de Vítimas do Terrorismo ten contribuído a espertar unha grande sensibilidade cara aos que sofren a barbarie terrorista.

Os socios desta entidade son vítimas directas do terrorismo, ben sexan feridos que sobreviviron aos atentados ou os familiares máis directos das persoas asasinadas polos terroristas. Na actualidade son 6.000 as persoas atendidas pola AVT, que ten delegacións territoriais en Galicia, Andalucía, Aragón, Asturias, Cantabria, Castela-A Mancha, Castela e León, Cataluña, Estremadura, Levante, Navarra e País Vasco, co obxecto de atender mellor as necesidades de todos os afectados.

A asociación desenvolve o seu labor en seis campos, fundamentalmente. Na área socio-asistencial mantén unha relación directa coas familias afectadas, prestándolles apoio moral, asesoramento e orientación sobre os recursos, prestacións e axudas que poden recibir, ademais de avaliar as necesidades dos afectados e desenvolver programas de axudas médicas, familiares e ao estudo. Así mesmo, conta cun gabinete psicolóxico composto por unha rede de 104 psicólogos e psiquiatras especializados que dan asistencia ás vítimas que o precisan e, ademais, realizan labores de investigación e difusión das consecuencias que teñen os atentados na vida dos afectados. Ademais, desenvolven programas de formación e emprego para mellorar a calidade de vida dos seus asociados, encárganse da captación de recursos económicos para o desenvolvemento das súas actividades e, e a través dos medios de comunicación, traballan para conseguir unha maior sensibilización social con respecto ao fenómeno terrorista.

Finalmente, a área xurídico-administrativa da AVT ten como obxectivo a comparecencia nos sumarios abertos por delitos terroristas. Na actualidade, a Asociación de Vítimas do Terrorismo está presente en máis de 375 sumarios. Así mesmo, esta área, que conta con 18 avogados, ocúpase de resolver calquera problema de tipo legal derivado da condición de vítimas do terrorismo que se lles presenten aos asociados.

ALFONSO CASTRO BEIRAS

Nacido en Santiago de Compostela en 1944, é doutor en Medicina pola Universidade Autónoma de Madrid, licenciado en medicina e cirurxía pola Universidade de Santiago e especialista en medicina interna e en cardioloxía pola Universidade de Madrid.

Ten desempeñado unha ampla carreira profesional e participou en numerosos proxectos de investigación no campo da cardioloxía. Así, é director da Área do Corazón e xefe de servizo de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario Juan Canalejo da Coruña; director do Instituto de Ciencias da Saúde e profesor titular de Cardioloxía da Universidade da Coruña e vicepresidente científico executivo da Casa do Corazón da Sociedade Española de Cardioloxía. Tamén é director do Grupo Meiga (mellora do infarto en Galicia); codirector do Grupo Gracia (sobre cardiopatía isquémica aguda); director-coordinador do Plan Integral de Cardiopatía Isquémica do Ministerio de Sanidade e Consumo e do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde e director do Centro de Investigación da Rede Temática de Investigación Cardiovascular do Sistema Nacional de Saúde-Carlos II, entre outros cargos.

No ámbito docente foi profesor da Universidade Internacional Menéndez Pelayo entre 1986 e 1999, e entre 1998 e 2000; titor clínico da Universidade de Santiago no período 1985-1990; xefe de estudos e presidente da comisión de docencia do Hospital Juan Canalejo entre 1985 e 1997. Castro Beiras foi tamén presidente da Sección de Cardioloxía Preventiva e Rehabilitación da Sociedade Española de Cardioloxía e presidente desta entidade, da que na actualidade é presidente de honra.

No campo científico traballou en diversas investigacións, entre as que figuran varias sobre a miocardiopatía dilatada idiopática; estudos sobre a presenza de mutacións no xen da beta miosina cardíaca e proxectos sobre rexeneración miocárdica e transplante celular. Así mesmo, posúe máis de 280 publicacións en revistas e libros nacionais e internacionais en campos da epidemioloxía clínica, marcapasos, transplante cardíaco e cardioloxía clínica e máis de 600 comunicacións científicas e relatorios en congresos médicos e mesas redondas nacionais e internacionais.

A súa traxectoria profesional mereceu numerosos recoñecementos, entre os que figuran o premio Arthur Andersen de Xestión Clínica; o premio Bristol Myers Squibb en 1996, o Boehringer Mannhein en 1997 e o da Fundación Española do Corazón en 1996.

RODOLFO MARTÍN VILLA

Natural de Santa María del Páramo, en León, desempeñou un destacado papel na solución da crise do Prestige, como Comisionado do Goberno. Durante os dez meses que estivo neste posto coordinou as tarefas de limpeza e recuperación das costas galegas e cantábricas e estableceu as bases para que os sectores afectados polo sinistro puidesen percibir canto antes as correspondentes compensacións económicas. En outubro de 2003 deixou a petición propia este posto e na actualidade é presidente de Sogecable.

É enxeñeiro industrial pola Universidade Politécnica de Madrid e funcionario do corpo de inspectores de Finanzas do Estado en excedencia. Entrou en política a través da actividade sindical, sendo presidente do Sindicato do Papel, Prensa e Artes Gráficas, e delegado provincial de Sindicatos en Barcelona. Posteriormente exerceu como director xeral de Industrias Téxtiles do Ministerio de Industria.

En novembro de 1969 foi nomeado secretario xeral da Organización Sindical e en 1974 tomou posesión como gobernador civil de Barcelona, cargo que desempeñou ata decembro de 1975, data na que foi designado ministro de Relacións Sindicais. En 1976, foi nomeado Ministro da Gobernación (Interior), cargo no que foi confirmado o 4 de xullo de 1977 e no que permaneceu ata 1979.

Nas eleccións xerais de 1979 foi elixido deputado por León e en 1980 foi nomeado ministro para a Administración Territorial. Posteriormente, coa presidencia de Leopoldo Calvo Sotelo, foi designado vicepresidente de Administración Territorial e, máis tarde, vicepresidente para Asuntos Políticos. O 29 de xullo de 1982 cesou como vicepresidente do Goberno tras ser nomeado secretario de organización de UCD. En xaneiro de 1989 ingresou en Alianza Popular e un ano máis tarde pasou a integrar a executiva deste partido. Foi elixido deputado do PP por Madrid en varios comicios e en maio de 1996, tras a vitoria do PP nas eleccións xerais, foi designado presidente da Comisión de Xustiza e Interior do Congreso, cargo ao que renunciou en febreiro de 1997 para pasar a ocupar a presidencia de Endesa.

Como presidente desta empresa, asumiu a dirección de Endesa Italia e Enersis (Chile), así como a vicepresidencia da Compañía de Aguas de Barcelona. En maio de 2002 cesou ao fronte de Endesa e posteriormente e en xaneiro de 2003 foi nomeado Comisionado do Goberno para as actuacións derivadas do sinistro do buque Prestige. Tras cesar neste cargo, foi nomeado presidente de Sogecable, función que desempeña na actualidade.

FARO DE VIGO

Fundado en 1853 coa idea de "coadxuvar os intereses de Galicia", o xornal Faro de Vigo cumpriu o pasado ano o seu 150 aniversario e está considerado o decano da prensa española, por ser o xornal máis antigo dos que se publican actualmente.

Ao longo dos seus 150 anos de historia, Faro de Vigo tense convertido nun elemento esencial da viga galega, especialmente no centro e sur da Comunidade. Ademais da edición de maior difusión, a dirixida á área de Vigo, o xornal, que conta con once delegacións distribuídas entre Galicia e Portugal, publica diariamente outras cinco edicións para achegarse aos lectores das súas zonas de influencia: Pontevedra, Arousa, Ourense, Morrazo e Deza Tabeirós-Montes. Desde 1999 Faro de Vigo conta tamén con edición dixital.

Desde a súa adquisición polo grupo de comunicación Prensa Ibérica, en 1986, Faro de Vigo ten experimentando un gran crecemento na súa difusión. Este incremento tamén se viu apoiado pola forte proxección social, conseguida coa posta en marcha, en 1992, do Club Faro de Vigo. Trátase dun foro de opinión e debate de primeira magnitude en España e de recoñecido prestixio. A actualidade e variedade dos temas que se desenvolven nos relatorios organizados polo Club, a elección dos conferenciantes, a participación dos propios asistentes e a organización coidada de cada un dos actos permiten crear unha perfecta sintonía coa sociedade. Isto tradúcese nunha ampla resposta popular aos actos organizados.

O labor desenvolvido durante estes 150 anos de historia por Faro de Vigo xa foi recoñecido con anterioridade, ao obter o Premio Stendhal para o xornalismo e a comunicación en Europa, no ano 1998, e o Premio Galicia de Comunicación á mellor empresa xornalística, no ano 2003.

EL CORREO GALLEGO

Fundado en 1878, El Correo Gallego cumpriu o pasado ano o seu 125 aniversario, sendo o xornal diario decano de Galicia -posto que Faro de Vigo comezou como semanario- e o quinto máis antigo de España. Nel teñen traballado e colaborado, ao longo da súa dilatada existencia, ilustres escritores e xornalistas da comunidade e de fóra dela.

O xornal non só ten presenza en Galicia, senón que a súa vocación de achegar a información da comunidade aos galegos alí onde estean, faille ter puntos de venda en Madrid e Barcelona, entre outras cidades españolas. Todos os centros galegos do mundo están subscritos ao diario.

Cabe destacar a achega deste xornal centenario ao eido da información na comunidade e o seu apoio, desde ese ámbito, ao desenvolvemento e despegamento social e cultural da mesma. Así, El Correo Gallego ten realizado interesantes e completas promocións, entre as que figuran Biblioteca 114, colección que inclúe as obras máis representativas da literatura española; Fonoteca 92, serie de casetes con música, tradicións populares, teatro ou voces de galeguistas históricos; e Galegos: Quen é quen na Galicia dos 90, coleccionable con 5.000 biografías de personaxes galegos. Ademais, edita anualmente -é o único diario galego que o fai- unha Axenda da Comunicación, con teléfonos e direccións de Administracións, ongs, medios de comunicación e outras institucións públicas e privadas relacionadas con Galicia.

Desde 1978 promove a Carreira Pedestre Popular de Santiago, un dos máis importantes acontecementos deportivos populares que se celebran en Galicia e que leva reunidos en Compostela 150.000 atletas nas 26 edicións que se teñen celebrado.

O compromiso de El Correo Gallego con Galicia materialízase así mesmo na súa vocación de impulsor e organizador de actos encamiñados a recoñecer o traballo a prol da cultura, realidade e tradicións galegas, como son os galardóns que distinguen ao Galego do Ano e aos Galegos do Mes e os Premios Compostela de Teatro. Na súa sección de publicacións, o xornal creou un fondo editorial de recoñecido interese para Galicia, editando títulos como O Camaleón Solteiro, de Camilo José Cela; Poemas de Compostela, de Manuel María ou Mil catrocentos nomes galegos, en colaboración coa Mesa pola Normalización Lingüística.

JOSÉ ARIJÓN RAMA

Nacido en Oza (Carballo, A Coruña), o 24 de marzo de 1931, José Arijón Rama é o presidente da Casa de Galicia de Montevideo (Uruguai), institución sanitaria á que, xunto co restante equipo directivo, conseguiu salvar da profunda crise que atravesaba.

No eido profesional, Jose Arijón Rama é representante e importador exclusivo de BMW AG para Uruguai desde o ano 1965. Como produtor gandeiro dedícase á cría e engorde de gando desde hai trinta anos.

Na súa condición de presidente da Casa de Galicia de Montevideo, este emprendedor galego soubo manter unha postura firme na dirección desta emblemática institución sanitaria, precisamente cando se atopaba ao bordo da desaparición por mor de circunstancias económicas e sociais que lle impedían desenvolver a súa actividade e parecía case impensable a súa recuperación.

Xunto co seu equipo directivo, José Arijón Rama consegiu salvar un centro sanitario que presta asistencia a miles de galegos e españois.

Ademais da Presidencia da Casa de Galicia de Montevideo, o galardoado é presidente honorario e socio fundador do Fogar Español de Anciáns; socio de oito institucións galegas do Uruguai, como o Centro Bergantiños e outros; do Club Español; vicepresidente do Automóbil Club do Uruguai e directivo desta entidade desde hai 25 anos; e presidente da Cámara Oficial Española de Comercio, Industria e Navegación. Tamén lle foi concedido, no ano 1981, o título de presidente de mérito do Centro Galego de Madrid.

Medalla de Honra da Emigración en 1981, na súa categoría de prata, tamén forma parte da Enxebre Orde da Vieira. Está en posesión da Gran Cruz de Isabel la Católica, concedida por Real decreto de 24 de 1991.

EMILIO BOUZA SANTIAGO

Nacido en Vilalba (Lugo), Emilio Bouza Santiago licenciouse en medicina e cirurxía pola Universidade Complutense de Madrid en 1971. Doutor en medicina cunha tese sobre a enfermidade dos lexionarios en España, é especialista en microbioloxía clínica. No ano 1975 obtivo o título de médico especialista en medicina interna, logo de traballar como residente na Clínica Puerta de Hierro de Madrid. Ao longo da súa traxectoria foi seleccionado para bolsas que lle permitiron ampliar estudos en Gran Bretaña e Estados Unidos.

Entre os anos 1977 e 1984 foi xefe do Servizo de Microbioloxía do Centro Especial Ramón y Cajal, en Madrid. No ano 1980 obtivo o título de especialista en microbioloxía e parasitoloxía. Tamén foi profesor visitante da Universidade Católica de Nuestra Señora de Buenos Aires (Arxentina).

Desde o ano 1984 ata a actualidade é profesor-xefe do Servizo de Microbioloxía Clínica do Hospital Xeral Gregorio Marañón de Madrid e profesor asociado de microbioloxía da Universidade Complutense ata 1995. Desde entón é profesor titular de microbioloxía clínica da mesma institución académica. En 1993, director da Revista Clínica Española.

Como investigador, foi presidente da comisión xestora do grupo de traballo de SIDA e presidente do grupo de estudo sobre infección nosocomial da Sociedade Española de Enfermidades Infecciosas e Microbioloxía Clínica, sendo tamén editor xefe da revista desta sociedade. Tamén foi membro do comité executivo da European Society of Clinical Microbiology and Infectious Diseases (ESCMID) e secretario xeral desta institución; así como membro do Consello Científico do Fondo de Investigacións Sanitarias do Instituto de Saúde Carlos III. O doutor Bouza Santiago tamén pertence a un gran número de sociedades médicas, tanto nacionais como estranxeiras, en especial as relacionadas coas enfermidades infeccionas e a microbioloxía clínica.

Autor de 548 publicacións e libros, dirixiu 27 teses de doutoramento e 20 proxectos de financiamento público. Presentou 810 comunicacións a congresos e leva asistido a 288 reunións, cursos e conferencias científicas. Foi distinguido co Premio de Investigación do Instituto Científico Roussel no ano 1992, e co Premio Manuel López, da Sociedade Española de Enfermidades Infecciosas e Microbioloxía Clínica, en 1988, como recoñecemento a unha vida dedicada ás enfermidades infecciosas.

ROBERTO CAL ALMEIDA

Licenciado en dereito, en 1985, pola Universidade Federal de Bahía e en Administración de Empresas, en 1988, pola FACS, Roberto Cal Almeida é o actual presidente da Real Sociedade Española de Beneficiencia (Hospital Español) de Salvador-Bahía, en Brasil.

Na súa traxectoria destaca tamén a Presidencia do Club Español de Bahía, a súa condición de conselleiro da Orde Cabaleiros de Santiago, da Asociación Padarias do Estado de Bahía e do Galicia Esporte Clube.

A Real Sociedade Española de Beneficiencia centra o seu labor no campo da asistencia sanitaria e está dotada con medios técnicos avanzados, o que lle permite gañar a confianza das máis de 4.000 familias asociadas, máis da metade das cales son galegas.Tamén é destacado o labor que levan a cabo coas persoas maiores, especialmente as máis necesitadas, ás que se lle dedica unha parte do hospital.

Un dos obxectivos prioritarios da actual Xunta Directiva do Hospital Español de Bahía, que preside Roberto Cal Almeida, é a mellora da calidade dos servizos de saúde e a humanización da atención ao enfermo.

Estes esforzos fixéronos merecedores do Premio Desempenho Bahía, de 2002, concedido polo Instituto Miguel Calmon de Estudos Sociais e Económicos.

Ao longo da súa traxectoria profesional, Roberno Cal Almeida foi asesor técnico-xurídico do Tribunal de Xustiza do Estado de Bahía. Na Secretaría de Industria, Comercio e Minas foi superintendente de Comercio e Minas, conselleiro de Administración do Instituto Mauá, conselleiro deliberativo estadual do SEBRAE, representante da Secretaría na composición da Comisión Especial de Coordinación e Loxística e Transporte do Estado de Bahía-CECLTEB. No currículum de Roberto Cal figura, igualmente, a Dirección de Ram-Producións e Eventos Ltda., TCHAN Tour Emprendimentos Turísticos Ltda., Lojas Pery Ltda.; e da Asociación de revendedores de Materiais de Construción.

JOSÉ MARÍA CASTELLANO RÍOS

Nacido na Coruña en xullo de 1947, José María Castellano é licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais (Sección Económicas) pola Universidade de Santiago de Compostela e doutor pola Universidade Complutense. Desde o ano 1984, José María Castellano Ríos é conselleiro delegado de Inditex, S. A. (ZARA).

Como docente, o galardoado é catedrático da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade da Coruña desde 1994.

No ámbito empresarial, José María Castellano foi director de informática de Aegón España, S.A. entre 1968 e 1974, e director financieiro e director xerente de Conagra España, S.A. entre 1974 e 1984. Ex conselleiro de Argentaria, Corporación Bancaria de España.

José María Castellano Ríos é académico da Real Academia de Ciencias Económicas e Financeiras.

COLEXIO LA SALLE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

O Colexio La Salle, de Santiago de Compostela, celebra no curso 2003-2004 os seus 50 anos de labor educativo. As clases deron comezo o 2 de outubro de 1953 no número 22 da rúa de San Roque, con 103 alumnos. Sen embargo, a historia dos irmáns de La Salle en Santiago remóntase ao ano 1923, coa fundación da Escola da Inmaculada, a partir da cal xurdiu a necesidade dun colexio de segunda ensinanza.

Os oito primeiros relixiosos encargados de poñer en marcha o colexio chegaron a Santiago en febreiro de 1953, oito meses antes da entrada en funcionamento do novo centro. Desde entón traballaron no colexio máis dun cento de irmáns e outro cento de mestres e mestras. Ata o día de hoxe teñen pasado polas aulas de La Salle máis de 12.000 alumnos procedentes de todos os lugares de Galicia, xa que ata 1989 o centro dispuxo dun internado que chegou a contar con preto de 400 estudantes.

Co paso dos anos, o Colexio La Salle foi ampliando a súa oferta educativa incorporando novos servizos e actividades complementarias, como as actividades extraescolares e as dirixidas aos pais dos alumnos.

A partir de 1973, o colexio converteuse en mixto. O centro contou con 1.450 alumnos matriculados no último curso escolar. Na actualidade, a oferta educativa do Colexio La Salle de Santiago de Compostela comprende desde os tres anos ata o bacharelato.

O centro destaca tamén polas iniciativas no eido deportivo –o seu polideportivo é utilizado tanto por alumnos como adultos, desde a mañá ata a noite–, cun Clube Deportivo do que dependen máis de 20 equipos. A partir de 1989, o centro reformou e acondicionou as instalacións ocupadas anteriormente polo internado para poñer en marcha un hostal que, especialmente durante os anos santos, acolle un elevado número de peregrinos e visitantes. O Colexio La Salle tamén apoia un centro de cultura e traballo, xestionado en Santiago pola ONG Proyde-Galicia nunhas dependencias propiedade do centro, orientado á capacitación laboral e lingüística dos emigrantes. Nesta liña, un grupo de universitarios, entre eles antigos alumnos do colexio, dispóñense a poñer en marcha a asociación de axuda ao emigrante Galicia Acolle, integrada na Red Acolle, que xa funciona noutras comunidades.

COLEXIO SAN JOSÉ DE CLUNY DE VIGO

A orixe do colexio, que este ano celebra o seu primeiro centenario, remóntase aos primeiros anos do século pasado, cando un bo número de familias coincidiron na necesidade de contar en Vigo cun colexio feminino, dirixido por algunha congregación relixiosa francesa que impartise unha formación básica.

Froito das xestións coa Congregación de San José de Cluny en París, no ano 1904 fundouse un colexio desa orde nunhas dependencias da Rúa Real da cidade olívica. O inesperado crecemento do número de alumnos obrigou o colexio a trasladarse a un edificio da Praza da Constitución. Posteriormente, e debido ás novas necesidades de espazo, o centro instalouse nun inmoble situado no número 12 da rúa García Barbón.

O aumento do prestixio e da demanda do centro, que co paso do tempo pasou a contar cun internado con alumnas de toda Galicia, derivou en novas necesidades de espazo. No ano 1931 abriuse o novo colexio, situado entre as rúas María Verdiales e Hernán Cortés, entón moi pouco urbanizadas, e fronte a unhas eiras que co tempo se convertirían na Gran Vía. O colexio contaría, sete décadas máis tarde cunhas novas instalacións, as actuais, inauguradas en setembro do ano 2000 nas inmediacións da antiga estrada provincial.

Logo dos primeiros criterios educativos, marcados pola instrución en humanidades básicas e o estudo da lingua e cultura francesa, o colexio foise adecuando aos modelos educativos que foron xurdindo sucesivamente. O centro prestou, desde o primeiro momento, unha atención destacada aos colectivos menos favorecidos, para os que ofreceu becas e clases vespertinas ou nocturnas orientadas a alumnos que non podían asisitir a clases no horario lectivo normal.

Todos os que teñen pasado polas súas aulas, coinciden en que o Colexio San José de Cluny de Vigo, deixa un selo particular na personalidade dos seus alumnos.

Colexio Santa Teresa de XESÚS de Ourense (Carmelitas Vedruna)

A Congregación de Carmelitas da Caridade foi fundada en 1826 na cidade de Vic (Barcelona) por Joaquina de Vedruna, elevada aos altares polo Papa Xoan XXIII o 12 de abril de 1959. Desde finais do século XVIII e comezos do século XIX, Joaquina de Vedruna comezou a apostar pola educación das rapazas, pola súa formación integral, especialmente daquelas pertencentes ás clases máis desfavorecidas. Deste xeito, desde os seus comezos, a Congregación das Carmelitas da Caridade dedícase de cheo á educación das nenas, converténdose na primeira institución relixiosa española que procura a formación integral deste colectivo.

O 12 de marzo de 1879 as Carmelitas da Caridade chegan á cidade de Ourense. A primeira sede da institución foi un antigo pazo nobiliario, situado no núcleo antigo da cidade, preto da Catedral. Primeiramente, as Carmelitas da Caridade comezaron abrindo unha clase para alumnas internas en réxime de media pensión, pero ante a forte demanda, créanse outras dúas clases. Así mesmo, ponse en marcha unha escola dominical para as mulleres traballadoras que, nun principio, dirixiu Fernando Quiroga Palacios, máis tarde bispo de Mondoñedo e Cardeal-Arcebispo de Santiago.

Grazas á achega do bispo Cesáreo Rodrigo, fundador do colexio finado en 1895, as Carmelitas da Caridade puideron comprar a casa contigua ao seu colexio co fin de construír unha capela, que foi aberta ao público en setembro do ano 1900.

No ano 1920, o colexio Santa Teresa de Xesús de Ourense pasa a ofertar os estudos en segunda ensinanza e, desde 1925 tamén os de bacharelato, ademais de todos os graos de primaria. En 1939, o colexio é recoñecido como superior. Posteriormente, no ano 1962, a Congregación de Carmelitas Vedruna decide comezar a construción dun novo edificio na rúa Pena Trevinca.

Na actualidade, o colexio Santa Teresa de Xesús de Ourense goza dunha alta estimación social e académica na sociedade de toda a provincia, pola súa entrega e dedicación á educación das súas alumnas. Precisamente neste ano, conmemórase o 125 aniversario da chegada das Carmelitas da Caridade a esta cidade.

Fundación San Rosendo

A Fundación San Rosendo é unha entidade xurídica e social de interese galego creada o 9 de xaneiro de 1992 para desenvolver funcións de asistencia social. Nace, como un elemento de loita contra todo tipo de marxinación e pobreza, desde Cáritas Diocesana. Adoptou a forma de padroado, con tres patróns: dous do bispado de Ourense e un da xunta do protectorado de fundacións.

A súa actividade desenvólvese, fundamentalmente, na área asistencial (xestión das residencias da Fundación) e no eido empresarial (xestión dos balnearios). Conta con varias clases de centros. Centros da terceira idade, para diminuídos, centros de acollida, comedores sociais, garderías infantís e de rehabilitación do alcoholismo.

Na área de balnearios, ten en funcionamento tres instalacións localizadas na provincia de Ourense. Estes son o Balneario de Arnoia, o de Laias (en Cenlle) e o de Río Caldo (en Lobios). A oferta termal da fundación conta cun total de 488 prazas hoteleiras repartidas en dous establecementos de 3 estrelas e un terceiro de catro, o que representa o 22,6 % dos aloxamentos termais de Galicia.

CEFERINO NOGUEIRA RODRÍGUEZ

En xaneiro de 2004, o Consello de Ministros concedeu a Ceferino Nogueira Rodríguez (Brión, 1926) a Medalla de Ouro ao Mérito no Traballo, por ter sido durante máis de medio século motor dun conxunto de sociedades que hoxe conforman un dos grupos empresariais máis significativos de Galicia.

En efecto, a actividade empresarial promovida por Ceferino Nogueira Rodríguez é de moi diversa natureza. Iniciou a súa actividade profesional ao lado do seu pai, José Nogueira Cruces, titular dun relevante negocio de madeira, no lugar de Laraño para, posteriormente, establecerse en Pontecesures, baixo a denominación de Maderas Crufa. Nestes primeiros anos, Ceferino Nogueira coñece o mundo da madeira, tanto nos seus aspectos de explotación e transformación como de comercialización.

A finais dos 50 desenvolve en Marín o proxecto Maderas Nogar e crea un incipiente negocio de axencia marítima que supuxo unha das actividades máis xenuínas do seu desenvolvemento empresarial. En 1963, constitúe Explotaciones Forestales de Galicia S.L., sociedade que colabora activamente no abastecemento de madeira a daquela recén construída Empresa Nacional de Celulosas.

Tamén destaca Ceferino Nogueira no ámbito da construción naval, xa que creou empresas para crear buques mercantes e de pasaxe, así como modelos pesqueiros e remolcadores. Por outra banda, colaborou con diferentes empresas na consolidación de todo o sector galego de nutrición animal. Desenvolveu un papel esencial no abastecemento dos ingredientes necesarios para a industria galega de pensos compostos, do que se beneficiaron firmas como Coren, Feiraco ou Saprogal.

Así mesmo, despregou o seu labor empresarial en diversos sectores industriais, tales como a auxiliar, Metalúrgicas Rías Bajas S.A. e de transformación da madeira, Tableros de Galicia, S.A. Desenvolveu, ademais, unha relevante actividade de comercio internacional e foi tamén promotor inmobiliario. Ademais, participou en proxectos empresariais de interese estratéxico para Galicia como é o caso de R, mediante a sociedade Cesunoga. Ademais, colabora no sector do pescado conxelado e foi tamén empresario editorial, mediante o patrocinio dunha revista.

JAVIER SOLANO RODRÍGUEZ-LOSADA

Javier Solano Rodríguez-Losada destaca por ter contribuído de xeito relevante ao fomento e á promoción do turismo en Galicia. É membro do Padroado Fundación Instituto de Empresa e presidente da Fundación Balneario de Mondariz.

Nacido na Coruña en 1942, licenciouse en ciencias políticas e económicas pola Universidade Complutense de Madrid en 1964. Ten desenvolvido unha extensa actividade profesional, durante doce anos (entre 1963 e 1975) traballou para o Grupo Loewe; os seguintes catro anos desenvolveu a súa actividade en Liferpharma Laboratorio de España S.A., para logo traballar baixo o cargo de subdirector xeral en Plus Ultra Seguros.

Entre 1979 e 1988, foi director xeral de CABSA Red Supermercados INI; e despois desenvolveu o labor de presidente executivo de CABSAFRICA. Así mesmo, foi presidente executivo do matadoiro industrial Gypisa; e, posteriormente, desenvolveu o cargo de presidente executivo de Conservas vegetales y cárnicas, CARCESA.

Así mesmo, foi director xeral de ENDIASA, holding de todas as empresas de alimentación do INI; foi director xeral de Aguas de Mondariz; presidente do Balneario de Mondariz; presidente de Thomil, S.A., vicepresidente do Instituto de Empresa; vicepresidente do Círculo del Progreso; e administrador de Chocolates Eureka.

JOSÉ TRILLO FERNÁNDEZ-ABELENDA

Nacido en Corcubión (A Coruña) en novembro de 1922, estudou Dereito en Santiago e en Oviedo. Ademais de ser licenciado en dereito, foi procurador na Coruña durante 50 anos, e desenvolve cargos de director de establecementos de empresas turísticas, corredor de seguros e axente da propiedade inmobiliaria. De feito, destaca pola súa contribución ao turismo galego.

Así, foi distinguido coa Cruz Distinguida de Primeira Clase de San Raimundo de Peñafort, e cruz de honra da mesma orde, coas Medallas de Prata e de Bronce ao Mérito Turístico, ademais de ser galardoado coa Medalla ao Mérito Turístico de Portugal (foi cónsul da República Portuguesa durante 20 anos), coa Medalla de Ouro ao Mérito Skal, ou o Trofeo León Herrera, entre outros recoñecementos. É académico de honra da Real Academia Galega de Xurisprudencia, decano de honra do Colexio de Procuradores da Coruña, decano de honra do Colexio de Procuradores de Barcelona, presidente de honra de diversos colexios, e posúe placas de recoñecemento do Tribunal Superior de Xustiza pola súa colaboración e da Deputación Provincial da Coruña pola súa traxectoria pública. Ademais, é socio e membro de honra de diversos Skal Clubes.

Foi procurador na Coruña durante 50 anos e, entre 1978 e 1998, decano do Ilustre Colexio de Procuradores da Coruña. Foi o primeiro presidente do Consello Galego dos Procuradores. Así mesmo, desempeñou e desenvolve actualmente o papel de vogal da Mutualidade Xeral dos Procuradores de España. Ademais, é vogal do Comité Internacional dos postulantes de Xustiza da Unión Europea e foi tenente de alcalde no Concello da Coruña durante trece anos, entre 1950 e 1963. Durante varios anos, foi presidente do Skal Club de España e de Galicia durante varios anos.

Tamén preside, desde hai 27 anos, a Agrupación folclórica Aturuxo; é presidente fundador do Club Náutico de Camariñas; e foi presidente durante varios anos da Asociación de Amigos do Turismo de Galicia.

ASOCIACIÓN GALEGA DE RESIDENCIAS E CENTROS DE ANCIÁNS DE INICIATIVA SOCIAL (ACOLLE)

Acolle, Asociación Galega de Residencias e Centros de Anciáns de Iniciativa Social nace en 1995 co obxecto de regular a atención ás persoas maiores. Na actualidade, Acolle está formada por 22 residencias e centros de iniciativa social que dan cobertura a máis de 1.700 persoas de idade avanzada, con niveis de renda moi baixos, anciáns que viven sós, que teñen dificultades para levar vida independente ou aqueles aos que as súas familias non os poden atender axeitadamente.

Fundada por María del Carmen Santos Alfonso, actual responsable do departamento de Servizos Sociais do Concello de Lalín, Acolle serve de elemento clave e vertebrador do sector das residencias de anciáns e presta todo tipo de apoio a estes centros. Entre os seus principais cometidos figuran a información, asistencia e asesoramento dos seus afiliados, a súa representación institucional ante os órganos da comunidade autónoma galega competentes na materia, a negociación de pactos e convenios colectivos, etc.

Nos últimos anos, Acolle vén impulsando entre os seus centros asociados políticas activas de modernización e de adaptación á normativa que regula este tipo de centros, a través da subscrición de convenios coa Administración autonómica.

O obxectivo é que cada un dos centros e residencias integrados nesta entidade se vaian incorporando ás novas tecnoloxías, ofertando novos servizos e loitando por conseguir que as súas políticas de atención ás persoas maiores se abran á comunidade e xeren servizos de proximidade para propiciar a permanencia dos anciáns no seu contorno, asegurándolles ao mesmo tempo unha boa calidade de vida.

De igual xeito, a prol dunha maior calidade na atención aos maiores, Acolle potencia a formación continua do persoal a través de cursos periódicos, en colaboración con outras entidades.

Así mesmo, co fin de fortalecer o sector das residencias, constituíu a Federación Galega de Residencias da Terceira Idade e Lares (FEGARTE) e a Federación de Residencias e Servizos de Atención aos Maiores-Sector Solidario (Lares), xunto con outras asociacións representativas do sector.

JOSÉ MARÍA BALLESTER FERNÁNDEZ

José María Ballester Fernández, funcionario internacional, xornalista e crítico de arte, naceu en Madrid o 1 de maio de 1940. Destaca a súa actividade profesional no Consello de Europa, onde ingresou en setembro de 1979 por concurso-oposición e onde desempeñou diversas funcións: xefe da División de Ordenación do Territorio, Monumentos e Sitios; xefe da División de Patrimonio Histórico; e xefe do Servizo de Patrimonio Cultural e Natural. En setembro do ano 2001, é nomeado director de Cultura, Patrimonio Cultural e Natural, posto no que cesou, a petición propia, en setembro de 2003 para continuar a súa actividade profesional en España.

José María Ballester foi ademais secretario das Conferencias Europeas de Ministros Responsables de Patrimonio Cultural e de Ordenación do Territorio; responsable do Programa de Cooperación e Asistencia Técnica para a Conservación Integrada do Patrimonio Cultural; e promotor do Programa de Itinerarios Culturais do Consello de Europa.

Neste campo, José María Ballester asumiu a concepción, xestión e coordinación do Itinerario dos Camiños de Santiago en Europa, programa presentado no ano 1987, e coordinou a integración da Ribeira Sacra no Itinerario Cultural consagrado á vida monástica en Europa. Así mesmo, no 2000, foi coordinador xeral da campaña Europa, un patrimonio común.

Antes do seu ingreso nesta institución comunitaria, José María Ballester exerceu de asesor no Gabinete Técnico da Dirección Xeral de Belas Artes (1969-1970); de colaborador da Dirección Xeral de Relacións Culturais do Ministerio de Asuntos Exteriores (1971-1979); de secretario xeral da Asociación Española de Críticos da Arte (1976-1979); e de director do Centro de Novas Formas de Expresión do Ministerio de Cultura (1978-1979), precedente do actual Centro de Arte Contemporánea Reina Sofía.

Como xornalista salienta o seu traballo como responsable da sección Crónica da Cultura no xa desaparecido Diario Madrid (1967-1971) e como colaborador de ABC (1971-1979), da axencia Sapisa/Colpisa (1971-1973) e de Diario 16. Tamén traballou esporadicamente en medios como El País ou Cuadernos para el diálogo.

Ademais de ser autor de numerosos libros, José María Ballester ten participado en distintos relatorios a nivel nacional e internacional. Resalta neste campo os seminarios e congresos organizados para promover o Camiño de Santiago.

EMILIO BAÑOS SANTOS

Nacido en Vigo o 10 de febreiro de 1924, Emilio Baños Santos, distribuidor e fundador de Baños Films, estivo ligado desde moi novo ao mundo cinematográfico. Con tan só quince anos comezou sendo vendedor ambulante de larpeiradas nos cines vigueses Royalti e Rosalía de Castro. Posteriormente, exerceu de ordenanza no García Barbón, pasando posteriormente a ser axudante de cabina no cine Tamberlick.

No ano 1941, Emilio Baños cualificouse como operador ante a Dirección Xeral de Seguridade, pasando logo a desempeñar diversos traballos en distintos cines galegos. Xa en 1945, sen deixar o seu traballo de operador, distribuíu as primeiras películas con copia única. A mediados dos anos 50, ademais de ser distribuidor cinematográfico, entrou, por mediación de Luis Sagivela, no negocio discográfico, como representante en Galicia e en León da compañía multinacional Emi-Odeón.

A principios dos anos setenta, Emilio Baños distribúe en exclusiva para o noroeste as películas producidas por César Films. Este feito coincide coa rodaxe de moitas películas en Galicia, nas que interviu colaborando nas xestións burocráticas, como En la red de mi corazón ou Al servicio de la mujer española. Desde 1981 representa no noroeste a Lauren Films, que dous anos despois pasa a chamarse Baños Films. Posteriormente, Emilio Baños cofunda con varios empresarios españois a distribuidora Unión Films.

Na actualidade, Baños Films mantén a súa actividade distribuidora, sendo a máis antiga de Galicia, e o seu fundador sitúase como o decano de case a totalidade da produción autóctona desde os anos sesenta. Destacan, entre outros, as curtametraxes de Chano Piñeiro ou Juan Pinzás, e longametraxes como Sempre Xonxa, Urxa, A metade da Vida ou La gran comedia.

Entre outras distincións, Emilio Baños conta coa da Hermandade da Mutua do Cinema de Barcelona, que recoñeceu toda unha vida dedicada ao cine. No ano 1998 recibiu unha homenaxe pola súa contribución á Semana de Cine de Lugo e, en marzo do ano 2000, a Asociación de Produtoras Independentes de Galicia concédelle o Premio Honorífico Fernando Rey polo seu servizo a favor do cine galego. O 1 de decembro deste mesmo ano, Emilio Baños recibiu o Premio CineEuropa en Santiago de Compostela, pola súa colaboración neste certame.

JACINTO MANUEL BLANCO RIVADULLA

Nacido en Santiago de Compostela en 1947, emigrou a Múnic (Alemaña), onde desempeñou un destacado labor de apoio aos emigrantes. Neste sentido, a súa destacada preocupación pola emigración no ámbito social, cultural e recreativo levouno a asesorar de forma desinteresada os galegos que por motivos de traballo, estudos, enfermidade ou outros, chegaban a Múnic.

Foi fundador en 1978, xunto con outros compañeiros, da Peña Gallega de Munich e integrando desde a súa fundación e ata o seu regreso a España de todas as xuntas directivas desta entidade, na que ocupou os cargos de tesoureiro, vogal de cultura, vicepresidente e presidente.

Nos anos 80 foi membro dos Consellos Consulares e, entre 1980 e 1983, presidiu a Asociación de Pais de Familia na Escola Española en Múnic. Desde 1991 participou en todos os plenos do Consello das Comunidades Galegas, celebradas na Toxa, Lugo, Ourense e Santiago de Compostela, e entre 1992 e 1997 pertenceu á directiva do Centro Español de Múnic, do que foi vicepresidente.

En 1996 fundou, xunto con Ramiro Vieito Vilas, a Coordinadora Federal de Asociacións Galegas en Alemaña e un ano máis tarde foi designado delegado na Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas, representando á Peña Gallega por Alemaña.

En 1997 creou o grupo Opción Europea, en Múnic, e desde 1999 foi membro do Consello de Residentes Españois (CRE) de Baviera en representación de Opción Europea.

O seu espírito solidario e comprometido levouno a promover e colaborar en numerosos actos benéficos para recadar fondos para grupos e asociacións de axuda á terceira idade, para apoiar o desenvolvemento e as misións en África e Timor Oriental, para a loita contra a leucemia ou para as persoas afectadas pola síndrome de Down, entre outros.

JOSÉ ALFONSO FERREIRA ANTÓN (a título póstumo)

Nacido en 1973 en Cacheiras, faleceu o 9 de xullo de 2003 ao intentar salvar a unha persoa que se encontraba illada no río Ulla.

Ferreira Antón ingresou no corpo da Garda Civil o 14 de setembro de 1992 e desenvolveu o seu labor nas forzas de seguridade nas comandancias de Barcelona, Guipúscoa e A Coruña. O 1 de xullo de 1998 foi destinado no posto de Lestedo (A Coruña) onde permaneceu ata o día 9 de xullo de 2003, data na que faleceu en acto de servizo cando contaba con 29 anos.

O suceso ocorreu cando se abriron as comportas do encoro de Portodemouros no Río Ulla e un veciño de Santo Andrés de Illobre (Vedra), quedou rodeado de auga nun illote e pediu socorro. Ao lugar acudiron dous integrantes do Grupo de Intervención Rápida de Lestedo, entre os que se atopaba José Alfonso Ferreira Antón. Ao fracasar os intentos de lanzarlle un cabo ao pescador, que se atopaba a uns 30 metros da ribeira do río e nunha zona con bastante corrente, Ferreira Antón ofreceuse voluntario para efectuar o rescate. Aínda que conseguiu avanzar nadando un treito, finalmente viuse arrastrado pola corrente, sen que os esforzos por rescatalo das persoas que permanecían na ribeira desen resultado. Ferreira Antón foi rescatado case sen pulso ás 22,15 horas, sen que se lle puidese salvar a vida. Pola súa parte, o pescador foi rescatado ileso unha hora máis tarde.

O valor e a ansia por axudar aos demais de José Alfonso Ferreira, que o levaron a perder a súa vida nun acto heroico, fixérono merecente da Cruz ao Mérito da Garda Civil con distintivo vermello, que lle foi concedida o 20 de novembro de 2003.

MARÍA DEL CARMEN FERREIRA CAMPOS

Nacida en Monforte, pasou gran parte da súa vida en Santiago de Compostela, en onde desenvolve na actualidade o seu labor profesional como perruqueira.

Con 18 anos abriu o seu primeiro salón de peiteado en Boimorto (A Coruña) e, posteriormente, trasladouse a Arzúa. En 1974, e tras pasar unha temporada en Segovia, instálase definitivamente en Santiago de Compostela.

Entre os anos 1986 e 1994 únese ás franquías Rizos e, para unificar as actividades familiares en 1998 crea unha sociedade Servigal S.L., que se vai desenvolvendo, co nome de Maika Peluqueros, ata converterse nunha organización ben estruturada en medios humanos, técnicos, económicos e con potencial para medrar de forma significativa. Unha dilatada experiencia , a formación permanente, a disposición innovadora e a capacidade de cambio permítenlle a esta estilista realizar servizos de alta perruquería fóra dos seus salóns. Así, presta servizos en Televisión de Galicia, obras de teatro e pasarelas de moda.

A estrutura empresarial de Maika Peluqueros está deseñada para seguir medrando paulatinamente coa incorporación de novos servizos e investimentos que lle permiten estar á altura dos profesionais europeos. Así, nos seus salóns formáronse os máis coñecidos perruqueiros de Galicia.

Ademais, o valor e o sentido humano forman parte da filosofía empresarial e persoal de Maika, que colabora activamente con diversas asociacións benéficas, entre as que destaca a colaboración coa Asociación Española de Loita contra o Cancro en temas de apoio moral, aceptación, mellora e mantemento da imaxe persoal dos pacientes.

Maika Ferreira é membro do Club Internacional de Mestres Perruqueiros con sede en París.

FUNDACIÓN PÚBLICA CENTRO DE TRANSFUSIÓN DE GALICIA

O Centro de Transfusión de Galicia (CTG) púxose en marcha en agosto de 1993 e ten como principais funcións o desenvolvemento das campañas de doazón de sangue en toda a comunidade autónoma, ademais da unificación das tarefas de procesamento, análise e conservación dos distintos compoñentes sanguíneos.

A evolución experimentada nos campos da hemodoazón e da hemoterapia en Galicia entre 1993 e 2003 foi fundamental no desenvolvemento do labor asistencial dos centros sanitarios galegos e nela influíron fundamentalmente a descentralización da atención aos donantes e a labor de sensibilización da sociedade galega a favor da doazón. Neste sentido, para posibilitar o acceso de todos os galegos á doazón de sangue, 10 unidades móbiles do CTG percorren cada día os concellos de Galicia para atender ás persoas que desexen doar.

Deste xeito conseguiuse que Galicia, que en 1992 era a última comunidade autónoma de España en índice de doazóns, supere na actualidade a media estatal, con 45 doazóns por cada 1.000 habitantes, sendo a comunidade con maior crecemento acumulado no número de doazóns nos últimos once anos. Na actualidade, o Centro de Transfusión de Galicia tenta consolidar a participación dos cidadáns nas campañas de doazón de sangue e incrementala ata situarse dentro dos límites que marca como adecuados a Organización Mundial da Saúde (40-60 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano).

O CTG é o único centro de transfusión existente en España que pode dar cobertura hemoterápica aos hospitais dunha comunidade pluriprovincial como a galega. Neste sentido, a decisión da Consellería de Sanidade de centralizar nun único centro de transfusión o procesamento e distribución dos compoñentes sanguíneos permitiu garantir que os enfermos de Galicia reciban hemoderivados cunha calidade homoxénea, obtidos a partir dos máis estritos criterios de seguridade transfusional.

Ademais, a descentralización da atención aos doadores, mediante os deprazamentos das unidades móbiles, permitiu incrementar de modo espectacular a taxa de doazón de sangue e cubrir todas as necesidades dos hospitais galegos.

Así mesmo, cómpre destacar a excelente evolución experimentada polo programa de aférese (doazón de plaquetas), impulsado polo CTG e que converte a Galicia na comunidade autónoma con maior número de procesos de aférese de toda España. Ademais, o CTG dispón tamén dun banco de sangue de cordón umbilical.

FUNDACIÓN RADIO ECCA

Radio Ecca é unha iniciativa educativa que tivo a súa orixe nas Illas Canarias, e que comezou a súa implantación en Galicia no ano 1974. A iniciativa, que tiña como obxectivo inicial achegar a albabetización e a cultura ás capas máis desfavorecidas da sociedade, baséase nun sistema de traballo que combina a emisión de clases radiofónicas, o traballo con materiais escritos que captan a atención dos adultos e a asistencia a clases con profesores e profesoras voluntarios.

O sistema mostrouse eficaz para a extensión cultural e, incluso, para impartir alfabetización e ensinanzas básicas. O éxito educativo e social da iniciativa fixo que se expandise a toda a península. En Galicia estableceuse en primeiro lugar en Lugo e Pontevedra e, ao amparo das emisións de Radio Popular de Lugo e de Vigo e como Aulas de Educación Permanente de Adultos, comezaron as súas clases de formación básica de adultos e de graduado escolar. En 1984 e 1986 sumáronse aos centros xa existentes de Lugo e Vigo novos colectivos de profesores na Coruña e Ourense, respectivamente.

Cando a Xunta de competencias en materia Galicia asumiu as educativa, Radio ECCA transformouse nunha fundación de carácter cultural privado promoción cultural das dedicada á persoas. Con este novo estatuto xurídico, asinou un convenio coa Consellería de Educación Universitaria para que os e Ordenación centros de adultos de Radio ECCA seguisen a desenvolver o seu labor. A oferta ampliándose e diversificándose a formativa foi outros campos, como cultura popular, pregraduado e graduado escolar, así como de actividades que Radio ECCA un conxunto bautizou como Aula Aberta e que inclúen cursos de idiomas, clases de comercial, entre outras contabilidade e cálculo actividades. Neste contexto naceu tamén unha aposta forte pola normalización lingüística en Galicia, ao incluír esta fundación a organización de cursos de galego nos que se formaron xa máis de 10.000 persoas.

Os anos 90 supuxeron a consolidación e ampliación do alumnado e das actividades de Radio ECCA. Así, no curso 1996-97 eran 8.700 os alumnos matriculados. Nos últimos anos, esta fundación segue atendendo a milleiros de persoas adultas cada ano e mantén unha ampla e variada oferta, que vai desde a educación secundaria para adultos e a formación de colectivos da terceira idade, persoas maltratadas e inmigrantes, ata a colaboración con diferentes administracións e entidades para o desenvolvemento de actividades como a formación de drogodependentes (en colaboración con ACLAD); ou a atención a persoas con discapacidade física (en colaboración coa ONCE).

CAROLINA GONZÁLEZ ABAD E MANUEL SANTIAGO BLANCO (este a título póstumo)

Carolina González Abad naceu en Santiago de Cuba e aos dous anos trasladouse a vivir cos seus pais á Coruña, onde coñeceu a Manuel Santiago Blanco, con quen casou en 1957. Ambos compartían o gusto pola arte, o que lles permite facer unha ampla e variada colección de pintura contemporánea tanto de artistas galegos como doutros puntos de España.

Manuel Santiago Blanco faleceu en 1997, sendo unha das súas últimas vontades que a súa biblioteca e a súa colección de pintura permanecesen en Galicia. Para cumprir esta vontade, a súa viúva, Carolina Abad, doou a biblioteca á Universidade da Coruña e as obras pitóricas ao patrimonio da Comunidade Autónoma para que sexan expostas no Museo de Belas Artes da Coruña.

A colección de arte doada iniciouna Manuel Santiago Blanco coa adquisición dun cadro de Tomás Barros. Amante da lectura e da arte, chegou a formar unha gran biblioteca composta por máis de 9.000 volumes. Manuel Santiago Blanco, que se licenciara en Filosofía e Letras nos anos 40 e que fora fundador, xunto con Manuel Longo, da Academia Séneca, desfrutaba con todos os campos da cultura no seu sentido máis amplo, e a súa maior aspiración era poñer os medios para que outros a aproveitasen tamén, de aí a decisión de doar a súa biblioteca e a súa colección de arte.

PERFECTO MARCOTE MARCOTE

Nacido en Fisterra (A Coruña) en 1922, emigra primeiro a Perú (1948) e posteriormente, en 1957, instálase definitivamente en Buenos Aires. Actualmente é presidente da Asociación Civil Centro Gallego de Jubilados y Pensionados da República de Arxentina, en Avellaneda, situado nun dos barrios máis pobres de Buenos Aires.

A partir da crise económica desatada en Arxentina a finais do ano 2001, Perfecto Marcote, cos seus 80 anos e ao fronte dunha xunta directiva exemplar, desprega unha formidable actividade de atención e cobertura ás familias máis necesitadas da zona de Avellaneda e arredores. Persoa a persoa, dedicouse a visitar a moitos galegos maiores, nalgúns casos impedidos, e de inmediato acudiu en busca de axuda para contribuír a paliar as súas necesidades.

Neste sentido, cómpre subliñar que nesta zona de Avellaneda é onde se produciron os primeiros asentamentos da colectividade galega a finais do século XIX, arredor das industrias situadas nesa parte de Arxentina, e que desde o centro galego deste localidade, creado en 1992, se atenden a máis 5.500 familias.

A asociación que dirixe Perfecto Marcote colabora directamente coa Consellería de Emigración en programas de entrega de alimentos e medicamentos e na prestación de atención médica de cabeceira e de apoio social.

O inestimable labor de Perfecto Marcote foi loado e premiado coa concesión da Insignia de Ouro e Esmalte do Consello de Comunidades Galegas, na súa sesión plenaria do mes de novembro de 2003, celebrada na cidade de Buenos Aires.

MARÍA NATIVIDAD MARCOTEGUI DELGADO

Nacida en Lacar (Pamplona) en 1940, é relixiosa oblata e coordinadora do centro da muller Vagalume, iniciativa conxunta de Cáritas Interparroquial de Santiago de Compostela e das Relixiosas Oblatas.

Traballadora social, cursou estudos de piano, órgano e acordeón, e de corte e confección. Completou a súa formación con cursos sobre xénero e prostitución, teoloxía e vida relixiosa e recibiu formación especializada en técnicas de inadaptación social.

Desenvolveu a súa actividade principal en programas de atención a menores e a mozos en situación de risco en diversas provincias de España, así como en América Latina e Estados Unidos. Na actualidade, como coordinadora de Vagalume, vive con grande ilusión e esperanza o seu compromiso como relixiosa oblata a favor da muller vinculada ao mundo da prostitución e da inmigración en Galicia.

Polo seu labor social foille concedido o Premio Honorífico para a Defensa da Igualdade.

EZEQUIEL PÉREZ MONTES

O xornalista Ezequiel Pérez Montes naceu na Coruña en 1940 e é licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, en Filosofía e Letras pola Universidade de Oviedo, e diplomado en Maxisterio pola Escola de Maxisterio da Coruña. Así mesmo, realizou estudos de xornalismo na Escola Oficial de Xornalismo de Madrid.

Actualmente ocupa o cargo de xefe do Gabinete de Comunicación, Prensa, Protocolo e Relacións Públicas da Autoridade Portuaria da Coruña e é director da súa revista Noray. Así mesmo, foi presidente da Asociación da Prensa da Coruña durante cinco mandatos consecutivos, e secretario de Relacións Exteriores da Federación de Asociacións da Prensa de España, durante tres mandatos consecutivos. É columnista habitual de El Ideal Gallego.

Así mesmo, é director da revista oficial de Axentes Comerciais da Coruña, encargado da División de Entrevistas da revista Orientación Económica y Financiera, da Cámara de Comercio da Coruña, corresponsal en Galicia da revista Historia y Vida, delegado da publicación Informe Gallego para o norte de Galicia, responsable do departamento de prensa do Club Gastronómico Rías Altas, responsable do departamento de Prensa da Asociación de Amas de Casa da Coruña, e asesor de prensa da empresa de limpezas Cliner.

Foi xefe do departamento de entrevistas da Televisión Local da Coruña e responsable do Gabinete de Prensa e Publicacións do Concello da Coruña. Así mesmo, encargouse da prensa da Universidade da Coruña durante un período de tempo. Tamén foi xefe de prensa da regata internacional Cutty Sark, redactor xefe da sección local do diario El Ideal Gallego, corresponsal de TVE na Coruña, corresponsal do diario Ya e da Axencia de Noticias Logos, xefe de prensa do Congreso Internacional de Libreros, e director da revista Teleclub, editada pola Fundación Pedro Barrié de la Maza, entre outros cargos.

EMILIO PÉREZ DE ÁGREDA Y SÁEZ

Emilio Pérez de Ágreda y Sáez naceu en Valencia en 1950 e na actualidade é representante adxunto de España ante o Consello de Europa. Cursou estudos en Inglaterra, Suiza, Bilbao e Madrid.

En 1976 licenciase en Dereito e no ano 1980 obtén o Diploma de Altos Estudos Internacionais. En 1982 ingresa na carreira diplomática, desenvolvendo os cargos de secretario das embaixadas de España en Panamá, Moscú e Praga.

Ocupou o cargo de director xeral de Organismos e Conferencias Internacionais do Ministerio de Asuntos Exteriores en 1990, e dous anos máis tarde foi conselleiro da Organization for Security and Co-operation in Europe, OSCE.

Posteriormente, no ano 2000, foi xefe de Área de Nacións Unidas, da Secretaría Xeral de Asuntos Exteriores do Ministerio de Asuntos Exteriores.

Entre as súas condecoracións máis salientables, destaca a de Comendador da Orde do Mérito Civil.

MARÍA DOLORES PITA LISSARRAGUE

A María Dolores Pita Lissarrague (A Coruña, 1930) foille concedida, pola Súa Maxestade El Rei o Lazo de Dama de Isabel la Católica e a Medalla do Mérito Civil. Licenciouse en Ciencias Exactas en xuño de 1953 e desenvolveu diferentes cargos docentes ao longo da súa carreira profesional, ata que se xubilou no ano 1995.

Tras dar clase en varios colexios españois, foi profesora de Matemáticas e Español na Universidade de Santo Tomás, Colexio de Educación de Manila entre 1973 e 1979. Tamén en Manila foi profesora de español adscrita ao Centro Cultural da Embaixada de España. Así mesmo, exerceu como directora do Centro Cultural da Embaixada de España en Manila entre 1979 e 1992.

O labor de María Dolores Pita é encomiable, xa que traballou con rapaces da rúa en diferentes grupos. Facilitou a fundación da Makabata School Foundation Inc., co obxectivo de dar educación aos nenos da rúa. Actualmente, aínda coordina as actividades deste centro, recoñecida polo Ministerio de Educación de Filipinas, que abrangue a formación de rapaces de entre 6 e 15 anos.

Makabata é unha escola para nenos que non teñen a oportunidade de estudar nunha escola pública por falta de medios. Esta iniciativa promovida por María Dolores Pita permite que se escolaricen unha parte dos 11 millóns de nenos e mozos que estaban sen escolarizar en Filipinas.

Ademais, este centro ofrece aos estudantes e ás súas familias os medios necesarios para estudar tales como uniformes, zapatos, material escolar, textos, comida diaria ou axuda sanitaria, entre outros.

LUIS RIAL SUÁREZ

Nacido en Santiago en 1940, máis de 40 anos de profesión radiofónica avalan o labor xornalístico de Luis Rial Suárez. Xa desde os seus tempos na milicia amosou interese pola radio e desenvolveu o cargo de director da Emisora de Radio do Campamento.

En 1967, é nomeado corresponsal de Radio Nacional de España en Santiago, posto que desenvolve ata 1983, cando é nomeado para o mesmo posto en Radio Cadena Española. Máis tarde, Luis Rial sería un dos primeiros profesionais en incorporarse á Radio Autonómica Galega, concretamente no ano 1985, ocupando o posto de coordinador dos reporteiros. En outubro de 1987 recibe o encargo de oganizar a área de emigración desta emisora, creando dous programas. Un denominado Galicia no Mundo, que se emite polo circuíto galego, e Galicia para o Mundo, que se envía a todos os Centros Galegos e a través do Instituto Español de Emigración é emitido por 40 emisoras de Europa, América e Australia.

Realizou as denominadas Volta Galega a España e Volta Galega a Europa levando a radio en directo aos principais centros galegos do territorio nacional e europeo.

Desde o ano 1990 dirixe o programa Un día de Radio en..., único programa da Radio Galega que sempre se realiza en directo e no exterior, prestando especial interese ás numerosas festas que se celebran en todo o territorio galego. En 1999, recibiu por este programa o Premio Álvaro Cunqueiro, un dos de maior prestixio no mundo da comunicación galega.

Desde hai dez anos compaxina o xornalismo co ramo da hostalaría, participando activamente en diferentes colectivos de ámbito social como a Unión Hostaleira Galega e a Fundación O Grelo-Amigos de Galicia.

Ao longo da súa carreira obtivo diferentes premios como o Premio Xornalístico FEXDEGA, o Premio de Xornalismo 1988, o Premio a Galeguidade no Mundo 1989, ou o Premio Centro Galego de Barcelona. Así mesmo, foi candidato ao Premio Ondas nos anos 1988 e 1989.

MANUEL TABOADA QUINTÁS (a título póstumo)

Manuel Taboada Quintás naceu no municipio do Pino no ano 1933. Desde os dez anos viviu en Santiago e aos 25 emigrou a Río de Janeiro. Ao longo da súa vida, ocupou diferentes cargos directivos en gran parte das institucións benéfico-sociais españolas e galegas implantadas nesta cidade brasileira.

O primeiro posto que desempeñou foi o de secretario executivo do Centro Recreativo Español de Río de Janeiro, xa no ano 1958. Posteriormente, desempeñou un importante labor social a prol dos maiores máis desfavorecidos, tanto galegos como españois en xeral, no desempeño das súas funcións como presidente da Sociedade de Recreio dos Ancianos para Asilo da Velice Desamparada.

Foi tamén impulsor de varios programas de cooperación cos colectivos marxinais asentados en favelas próximas ao Centro Asilo Recreio dos Ancianos.

Ata o seu pasamento, no ano 2003, foi un exemplo constante de galego benefactor e protector dos máis desfavorecidos do Estado de Río de Janeiro.

Foi merecedor de distincións honoríficas, destacando especialmente a Cruz Oficial da Orde do Mérito Civil outorgada pola Súa Maxestade El-Rei Juan Carlos I.

CECILIO TEJEDOR DE DIEGO

Cecilio Tejedor de Diego naceu na localidade soriana de Boos o 3 de marzo de 1936. Na súa formación destaca o máster en Recursos Humanos realizado entre os anos 1992 e 1993.

Cecilio Tejedor de Diego pertence ao Corpo de Xestión de Administración da Xunta de Galicia, correspondente á Escala Técnica de Finanzas na especialidade de Contabilidade e Xestión. Tamén pertence á Escala de Técnicos Contables do Instituto Nacional de Reforma e Desenvolvemento Agrario (IRYDA), do Ministerio de Agricultura, onde prestou servizo durante 5 anos. Posteriormente, como funcionario de carreira da Escola de Titulados de Escolas Técnicas de Grao Medio de Organismos Autónomos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, durante preto de 26 anos.

No ano 1984 incorporouse á Administración autonómica galega, ocupando o posto de xefe de sección de Contabilidade na Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, na Consellería de Economía e Facenda. Tamén desempeñou o posto de xefe de Servizo na Intervención Xeral e, no ano 1986, foi nomeado subdirector xeral de Intervención e Fiscalización, posto no que, con diferentes denominacións, vén prestando servizo ata hoxe como funcionario integrado no Corpo da Xestión de Administración da Xunta de Galicia, Grupo B, Escala Técnica de Finanzas.

RAFAEL TOJO SIERRA

Nacido en Ferrol o 25 de novembro de 1939, Rafael Tojo Sierra é Catedrático de Pediatría da Universidade de Santiago de Compostela, Director da Cátedra de Nutrición Clínica Pediátrica da Universidade de Santiago de Compostela e Novartis Consumer Health, e xefe do departamento de Pediatría e director da Unidade de Investigacíon en Nutrición e Desenvolvemento Humano de Galicia do Hospital Clínico Universitario.

Así mesmo, Tojo Sierra é coordinador do grupo de traballo Estilos de vida determinantes educativos da obesidade e os transtornos de comportamento alimentario. Plan Integral de Obesidade, Nutrición e Actividade Física, do Ministerio de Sanidade.

Tamén é codirector do Master Internacional de Nutrición e Dietética. FUNIBER, das Universidades de Santiago de Compostela, Rivira i Virgili e de León; director do Curso de especialización de Posgrado en Nutrición Pediátrica da USC e presidente do Comité de Nutrición da Asociación Española de Pediatría (AEP).

Na súa traxectoria académica, Tojo Sierra centrou as súas liñas de investigación nos campos da nutrición relacionados co metabolismo, a obesidade, o crecemento e co risco ateroxénico.

Así mesmo, dirixiu preto de 40 teses de doutoramento e máis de 140 teses de licenciatura. Ten participado en preto de 160 libros e monográficos como autor ou editor.

É académico da Real Academia de Medicina de Galicia (Sillón Nutrición Humana) e da Real Academia de Ciencias de Galicia (Sillón de Medicina). Tamén é membro de honra da Asociación Española de Pediatría, Sociedade Española de Pediatría Extrahospitalaria e da Sociedade de Pediatría de Galicia.

Foi merecedor da Mención de Honra do Premio Internacional Reina Sofía de prevención da subnormalidade do Real Padroado de prevención de persoas con minusvalidez en 1990, o premio Galicia de Investigación Científica da Xunta de Galicia e o Galicia de Investigación Científica da Universidade de Santiago, entre outros.

UNIÓN PROTECTORA DE ARTESÁNS DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

A sociedade Unión Protectora de Artesáns de Santiago de Compostela foi fundada na capital galega por trece traballadores de diferentes oficios o 1 de xaneiro de 1892, sendo a máis antiga destas características Galicia. Na actualidade, con 112 anos cumpridos, conta con catro mil socios.

É unha sociedade de carácter benéfico e instrutivo, segundo indica nos seus estatutos, que naceu para asistir ás clases artesás, que naqueles tempos eran moi numerosas na capital galega. En 1892, os diarios facíanse eco do nacemento da Unión Protectora de Artesáns, precursora en Compostela dun modo de facer labor social, de proporcionarlles medios culturais aos seus asociados e ofrecerlles cobertura médica. De feito, os socios actuais teñen á súa disposición os mellores especialistas composteláns en diversos centros médicos da cidade.

Entre os seus máis insignes asociados, cóntanse figuras tan relevantes como Ramón Otero Pedrayo, Eugenio Montero Ríos e Luis Rodríguez Viguri, por citar algúns. Ademais, nos seus locais celebrábanse os populares ciclos de conferencias coñecidos como A Tribuna da Protectora, polos que pasaron destacados profesores universitarios e recoñecidos intelectuais, artistas e artesáns do momento.

A Unión Protectora de Artesáns de Santiago estudia hoxe en día a posibilidade de recuperar vellas tradicións, como os ciclos de conferencias e exposicións, as veladas literarias e os servizos de biblioteca e hemeroteca.

JOSÉ LUIS VÁZQUEZ VÁZQUEZ

O pintor José Luis Vázquez Vázquez naceu en Vilaseco Lardeiros (O Pino, A Coruña), en decembro de 1936.

Artisticamente coñecido como Vilaseco, realizou arredor de corenta exposicións individuais e participou en máis de trinta mostras colectivas. As súas obras están presentes en diferentes entidades e museos como o Museo de Pontevedra e o Etnográfico de Rodeiro, o Ateneo Santa Cecilia de Marín e a Deputación pontevedresa. Precisamente, Vilaseco doou 45 cadros de temática de costumes ao Museo Municipal de Rodeiro, e ten colaborado de forma moi activa con este concello na promoción artística e cultural.

É fundador e ex presidente da Asociación Artístico-Cultural de Pontevedra, da que é presidente de honra, e cofundador e membro directivo da revista cultural Contrastes. Ten sido colaborador de Antena 3 Radio, Radio Pontevedra, Atlántico Diario, Diario de Pontevedra e a Revista Estilo Galicia, entre outros, e na actualidade colabora nas publicacións Contrates e Vía Lusitana.

É cabaleiro da Real e Militar Orde de San Hermenexildo e da Serenísima Orde de Cabaleiros e Damas do Camiño de Santiago.

 


© Xunta de Galicia - 2004
Servicio prestado polo Gabinete de Comunicación
Secretaría Xeral para as Relacións cos Medios Informativos
E-mail:
gabinete@xunta.es